O Eternauta ao cinema

0
144

O EternautaA directora arxentina Lucrecia Martel ven de anunciar que unha vez rematada a promoción do seu último filme no Festival de Cannes, porá-se a traballar no guión dun novo proxecto que levará por título O Eternauta, a adaptación do famoso cómic de ciéncia-ficción creado polo guionista Héctor Germán Oesterheld e mais o debuxante Francisco Solano López e que foi publicada inicialmente en Hora Cero semanal dende 1957 a 1959. Tivo grande cantidade de secuelas e reedicións, e tanto a história orixinal coma a maior parte das devanditas secuelas foron obxecto de frecuente análise e controvérsia.

Durante moito tempo considerou-se a posibilidade de realizar un filme sobre o Eternauta, barallándo-se como posíbeis directores interesados a Adolfo Aristaráin, Fernando Solanas ou Gustavo Mosquera. En setembro do ano pasado estreára-se en Buenos Aires Zona Liberada, unha obra inspirada no Eternauta coma alegoría en homenaxe a Oesterheld.

O filme estará producido entre outras pola arxentina K&S Films e El Deseo de España, a produtora de Pedro Almodóvar.

A história orixinal do Eternauta comeza cun guionista de cómics, o mesmo Oesterheld, que nun exercício de metaficción utilíza-se a si mesmo como persoaxe. A súa participación consiste en escoitar a história que lle é relatada por Juan Salvo, o “Eternauta”, un home que se materializou de súpeto na súa casa. A narración vai sobre unha misteriosa nevada fosforescente que cae sobre Buenos Aires, e que é mortal ao contacto coa pel. Axiña descubren que a nevada é produto dunha invasión extra-terrestre, e uns soldados sobrevivintes comezan a recrutar a toda a xente que atopan para lles faceren fronte.