Winstead vai á Antártida

0
173

Mary Elizabeth Winstead (Final Destination 3D, Scott Pilgrim) e Joel Edgerton (The Square, Star Wars: Episódio II) serán con case total probabilidade os protagonistas da vindeira precuela (ou remake) do clásico da Universal A Cousa.

O proxecto é a terceira adaptación do conto escrito en 1938. A primeira foi a versión de Howard Hawks de 1951 A Cousa doutro mundo, pero a mais coñecida é a película de terror dirixida por John Carpenter en 1982 A Cousa, protagonizada por Kurt Russell.

Esta prevista nova encarnación é a que servirá coma precuela para o filme de Carpenter. Winstead será unha estudante americana traballando no seu doutorado nunha base de investigación norueguesa na Antártida. Os científicos alí descubren unha nave extra-terrestre atrapada no xeo e que sen querer ceiban a un organismo que pode mudar de forma e que remata por acabar con todos.

Edgerton será o piloto mercenário dun helicóptero a quen os estudantes alistan para lles axudar a deter á creatura para que non poida fuxir ao mundo exterior onde se multiplicaría e destruiría toda a vida da Terra.

Ronald D. Moore e Eric Heisserer escribiron o guión que dirixirá o cineasta holandés Matthijs Van Heijningen. Marc Abraham e Eric Newman serán os produtores. A rodaxe dará comezo o vindeiro 15 de marzo en Toronto.