O Império conquistará Compostela

0
163

Os fans da saga da Guerra das Galáxias veñen de ter a ideia de se axuntaren fronte á catedral de Santiago para facer unha demostración de forza ante os peregríns que van chegando este ano “santo”.

Todo comezou grazas á ideia de Iñaki Quenerapú, quen suxeriu unha xuntanza en Galiza para conmemorar o trixésimo aniversário da estrea de O império contraataca. A ideia, dada a coñecer no Twitter, orixinou a quedada que se levará a cabo o vindeiro 21 de maio ás 17:00 horas.

Até agora mais de 170 persoas xa confirmaron a súa asisténcia, pero segundo Quenerapú, esperan axuntar a 500 soldados imperiais perfectamente uniformados.

O obxectivo da quedada que segundo os organizadores é a maior deste tipo realizada en España, é axuntar ao maior número posíbel de fans do filme de George Lucas, vestidos con uniformes, armaduras ou traxes de persoaxes da fita. Nesta ocasión terán preferéncia os persoajes do Imperio Galáctico porque son os que gañaron a batalla na quinta parte da saga.

Ao remataren o percorrido compostelán, os soldados imperiais ficarán fronte á catedral, mentres un grupo de gaiteiros interpreta a Marcha Imperial e Darth Vader pasa revista ás tropas.

A convocatoria está aberta aos seguidores da saga en todo o mundo. E para que conseguir o disfraz non sexa un problema, os organizadores oferecerán un taller no que aprenderán aos interesados a realizar as suas armaduras.