O pasado mes de xuño os herdeiros do escritor Adrian Jacobs interpuxeron unha demanda no Tribunal Supremo de Londres contra a editorial Bloomsbury, asegurando que J.K. Rowling copiara partes considerábeis de As aventuras de Willy o Mago, escrito por Jacobs en 1987.
A demanda aseguraba que o argumento de Harry Potter e o cáliz de fogo copiou argumentos da trama de Willy o Mago, incluido un concurso de meigos, e que a saga Potter tomou prestada a ideia de que os meigos viaxaran en trens.
Rowling foi engadida á causa como acusada, o que provocou a sua resposta personal: “Sínto-me entristecida porque se presentara outra demanda decindo que roubei material doutra fonte para escribir Harry“, dixo nun comunicado. “O feito é que nunca oíra falar do autor do libro antes da primeira acusación daqueles relacionados coa herdanza do autor en 2004; certamente nunca lin o seu libro“.
Rowling engadiu que “as denúncias que se presentaron non son só infundadas senon absurdas, e estou decepcionada porque se nos poña na situación de ter que nos defender a min a e miña editorial no Reino Unido, a Bloomsbury. Recurriremos ao tribunal decontado para que dictamine que a denúncia non ten validez e que polo tanto debería ser desestimada sen demora“.
Os sete libros do rapaz meigo, dos que Harry Potter e o cáliz de fogo é o cuarto, bateron récords de publicación, vendendo mais de 400 millóns de cópias en todo o mundo e dando orixe a unha saga cinematográfica que recadou miles de millóns de euros.
A Bloomsbury negou rotundamente as denúncias de pláxio cando o caso chegou por primeira vez aos tribunais.