Spielberg fala de Tintín

0
151

Steven Spielberg ven de revelar nunha recente entrevista que el e mais Peter Jackson decidiron facer o filme que adaptará ao persoaxe de Hergé, Tintín, en formato mo-cap (captura de movementos) debido ao seu respecto polo material orixinal porque queren “achegar-se o mais posíbel a esa arte coma poidamos“.

Spielberg engadiu que “Hergé escribiu sobre xente fictícia nun mundo real, non nun universo fantástico. El traballaba co mundo real, e usaba o National Geographic para investigar nas súas histórias de aventuras. Semellaba que a acción real sería algo demasiado estilizado para a audiéncia á que nos diriximos. Terías que ter vestidos que son demasiado rechamantes coma para que os leven os actores. Os disfraces semellan encaixar mellor cando o médio elixido é un mundo dixital“.

Debido a que moita da produción deste filme foi rodada coas mesmas técnicas cás escenas de Pandora no Avatar de James Cameron, Spielberg permitiu-se o luxo de poder ver como vai quedar o produto final mentres o ía rodando: “Cando o Capitán Haddock corre pola pantalla, as cámaras capturan toda a información dos seus movementos físicos e emocionais. Así que cando Andy Serkis corre pola pantalla, aí está o Capitán Haddock no monitor, en animación total, correndo polas rúas de Bélxica. Non só están os actores representados en trmpo real, senón que entran nun mundo en tres dimensións“.

O domínio dixital permite ao director ir atrás e trocar elementos coma os movementos da cámara ou a orientación espacial moito despois de que o actor deixara o plató. O primeiro filme, As Aventuras de Tintín: O Segredo do Alicórnio, está previsto para unha estrea internacional a mediados de 2011, mentres que nos Estados Unidos non chegará até finais de outono dese ano.