Fantasporto día 1. Inauguración e entrando en matéria

0
219

Críticas ó centralismo lisboeta nos discursos da organización e de apoio incondicional no da Ministra de Cultura. Comezamos o festival com espada e bruxería, vingaza muda e pinku eiga indescriptíbel.

É inevitábel. A cousa ten que comezar así. Os discursos e entregas de premios teñen que ter o seu sitio neste tipo de eventos, inda que a xente estea alí para deborar cinema.

Beatriz Pacheco Pereira, directora do festival, comezou o seu discurso en inglés acompañada dos robots da sección de robótica e cinema (no hall do teatro estaba o robot máis sofisticado da actualidade, que pode decidir o que facer e amosar sentimentos) para logo dun tempo pasarse ó portugués e dar os agradecementos (entre eles á presente Sra. Ministra de Cultura Gavriela Canavilhas), facer unha dura crítica do centralismo lisboeta e a discriminación do norte, repasar o amplo programa e rematar loubando ó publico do Fantas.

Tamén pasaron polo escenario o Presidente do festival, Mário Dorminsky, a Ministra de Cultura, os organizadores da sección de robótica e cinema e máis da de efectos especiais, para acabar con Samuel Hadida e Michael J. Basset, produtor e director respectivamente do filme Solomon Kane. Basset, nunha chiscadela ó publico de alguén que disfruta do cimena, fixo unha intervención bem curta dicindo que estabamos alí para ver cinema, non para falar.

Apaguen as luces e deixen a maxia voar…

Solomon Kane (Michael J. Basset, Francia/ República Checa, 2009)

A personaxe ten todos os ingredientes dun relato de espada e bruxería e o director, que tamén é o guionista, sabe explotalos para relatar unha historia nova. A verdade que poucas cousas quedan por inventar neste xénero e Basset non o intenta, senon que aproveita os seus coñecementos e as convencións do xénero para facer un filme case redondo. Non é un filme perfecto, mais si que está bem feito e utiliza correctamente todas as ferramentas á súa man.

Solomon Kane é a historia dun nobre segundón condenado a perder a alma por un enfrontamento co Demo e que decide levar unha vida pacífica para evitar condenarse definitivamente. Pero na inglaterra do século XVII, arrasada pola peste, é difícil vivir en paz, e inda menos dende que chegou á zona un malvado feiticeiro chamado Malachi, que impón a súa lei alí por onde pasa, os fortes para o seu exército, os febles os seus escravos. Así que xa a temos montada e Kane deberá volver a coller as súas espadas, a costa da súa alma.

Loitas a espada, monstros e demos, zelotes relixiosos, malvados feiticeiros e lama, moita lama, deixarán máis que satisfeitos ós afeccionados do xénero.

Sweet Karma (Andrew Thomas Hunt, Canadá, 2009)

O filme que faría Quentin Tarantino en vez de Kill Bill se o único filme que tivera visto fora Thriller: A Cruel Picture (Bo Arne Vibenius, 1974) e o seu gusto musical estivera totalmente atrofiado.

Unha moza rusa muda ten noticia de que a súa irmá que foi traballar a Canadá foi enganada para traballar de prostituta e finalmente asasinada. Comezará entón unha salvaxe vinganza contra todos os implicados.

Un filme duro de ver, empezando polo tema da trata de brancas, seguindo pola particular maneira de rodar elexida polo director e rematando pola machacona música que acompaña gran parte da metraxe. Podemos relaxar a vista co escultural corpo da protagonista, a ex-modelo Shera Bechard.

Só recomendada para fans do cinema com grumos.

Tandem (Toshiki Sato, Xapón, 1994)

E chegamos ó pinku eiga do día, onde a palabra “bizarro” queda curta.

Dous homes coinciden nun bar de mala morte onde todo o tempo soa música clásica e, bebendo café, teñen fantasías sexuais. Despois de intercambiar tabaco un insiste en acampañar ó outro na súa moto nunha viaxe sen sentido e chea de momentos delirantes pola cidade adiante, mentres seguen dando renda solta á súa imaxinación e mantendo relacións dominantes com canta muller se lles mete no maxín.

Dicir que este é un filme porno é quedarse corto e esaxerado. Corto porque o humor delirante e as historias cruzadas non son as propias dun filme porno. E esaxerado porque o pinku eiga caracterízase, entre outras cousas, por amosar relacións sexuais sen ensinar xenitais nin vello púbico, co que o único que temos é a un par de xaponeses poñendo caras esforzadas e retorcéndose nas máis diversas posturas e a raparigas berrando e laiandose cos característicos sons orientais. Todo isto, como xa digo, intercalado com escenas de humor delirante e cunha banda sonora totalmente intrusiva e sen sentido.

Señores e señoras, isto é o pinku eiga. Están avisados. Non sei se se van excitar, pero pór caras de sorpresa e botar unhas boas risas fixo que si.

Isto está que bota fume. Vémonos nas butacas!