Fantasporto día 2: Cinema sen parar. O mellor plan contra a cicloxénese explosiva

0
247

En conferencia de prensa sabemos das altas probabilidades de que haxa un Solomon Kane 2. Para fuxir da chuvia e do vento animación xaponesa de temática soviética e paranormal, comedia india-estadounidense, zombis franceses dos que corren, unha curta e sacerdotes vampiros libidinosos.

Conferencia de prensa con Samuel Hadida e Michael J. Basset

Os programas apretados teñen estas cousas e tiven que deixar de ver The Descent: Part 2 para ir á conferencia de prensa. Mais pagou a pena e inda non vin a primeira parte, que a teño no montón de pendentes.

Samuel Hadida (produtor) e Michael J. Basset (director e guionista) amosáronse moi cercanos e tamén moi bem avenidos. Entre risos e xestos de complicidade explicaron como se fai un filme europeo com grande orzamento, todo o traballo que hai detrás, como acaba sendo un traballo colaborativo entro todo o equipo… e moitos outros detalles do traballo que levaron durante máis de 3 anos para sacar adiante Solomon Kane. Na distancia curta puidemos ver que estabamos a falar com dous namorados do xénero e do seu traballo.

Unha das preguntas máis interesantes foi: “Vai haber Solomon Kane 2?” Ao que o director respondeu, mirando ó produtor: “Iso mesmo gustaríame saber a min”. O filme está tendo un éxito aceptábel naqueles paises nos que xa se estreou, a falta dos EUA neste verán, e James Purefoy está agora mesmo rodando John Carter of Mars, mais é bastante probábel que haxa unha segunda parte (o filme está pensado como unha franquía). Michael J. Basset engadiu que xa ten unha historia pensada na que Kane vai a África onde se atopa com novos demos e moita maxia negra.

Nós estaremos agardando por ela.

First Squad (Yoshiharu Ashino, Rusia-Xapón-Canadá, 2009)

A animación xaponesa non deixa de darnos sorpresas (agradabeis). Desta volta cunha mistura entre (falso?) documental e animación fantástica e unha temática pouco explotada por esas latitudes coma é a Segunda Guerra Mundial.

O filme conta como durante a Segunda Guerra Mundial tanto os nazis coma o exército Roxo investigaron nas artes ocultas e os poderes paranormais para desequilibrar a contenda para o seu lado, os primeiros convocando os poderes do alén, os segundos experimentando cas viaxes entre os dous mundos. Mozos e mozas com poderes extraordinarios son entrenados na retaguardia do exército soviético e entre eles está Nadaya, unha rapaza que pode ver o futuro (entre outros poderes varios).

Unha das particularidades do filme é que entre as escenas de animación que contan a vida de Nadaya vemos declaracións de ex-combatentes dos dous bandos, historiadores, psicólogos, etc. sobre a batalla que se representa no filme e a utilización de poderes paranormais no transcurso da contenda.

Un filme máis que recomendábel, especialmente para os afeccionados da estética soviética, a Segunda Guerra Mundial, o retro-futurismo e, claro está, a animación xaponesa.

E está en ruso!

Loins of Punjab (Manish Acharya, India, 2007)

Esquencédevos do humor amarelo, do humor británico ou o humor negro, chega o humor hindú!

Loins of Punjab é unha comedia india sobre un concurso de talentos musicais. Un magnate indio do lombo de porco feito a si mesmo nos EUA decide convocar un corcurso de canción entre a comunidade Desi de Nova York. E alí preséntanse o máis variado e excéntrico: unha moza en busca do seu soño, unha rica filántropa, unha parella de rapeiros gais fanáticos do banghra, unha actriz que quere facer a súa carreira en Bollywood pero non fala hindi, un branco namorado da cultura india…

Unha comedia para non parar de rir e que toca todos os estereotipos e prexuizos sobre o mundo hindú na sociedade occidental.

La horde (Yannick Dahan e Benjamin Rocher, Francia, 2009)

Os dous novos realizadores presentaron persoalmente no festival o que é o seu primeiro filme e o que para moitos no seu país era imposíbel, un filme francés de zombis (cheo de acción, humor e moito, moito sangue)

La horde ten lugar nun edifcio abandonado ás aforas de calquera cidade francesa, onde uns policias van tomar a xustiza pola súa man e vingar a morte dun compañeiro. As cousas non saen como esperaban e no medio do enfrontamento policías e criminais deberán unirse para loitar e sobrevivir a unha ameza maior: unha invasión zombi.

A “moda” dos zombis tamén chega a Francia e non se quedan en medias tintas. Le horde é un filme brutal cheo de sangue (litros e litros), pelexas corpo a corpo (nunca vira mallar tanto nun zombi) e escenas que quedarán para o recordo do xénero.

Sen dúbida unha das favoritas para levar o premio do festival.

Bulide, porque estes son dos zombis que corren (e moito)!

La carte (Stefan Le Lay, Francia, 2009)

O próprio director presentou esta sinxela curtametraxe (sinxela no argumenta máis complicada na realización) na que un home dunha postal dunha praia namora da muller doutra postal e fará todo o posíbel para chegar ata ela.

Thirst (Park Chan Wook, Corea, 2009)

Despois da súa triloxía sobre a vinganza (Sympathy for Mr. Vengeance, Old Boy e Sympathy for Lady Vengeance) e a súa particular e onírica incursión no mundo dos cyborgs com I’m a Cyborg but That’s Ok, preséntanos agora a súa visión sobre o mundo dos vampiros.

O padre Sang-Hyeon é un sacerdote católico volcado en axudar ós demáis e que se presenta voluntario para ir a África para axudar nas investigación dun virus mortal. As probas fracasan, pero milagreiramente, Hyeon non morre, senon que se converte nun ser sedento de sangue e que non pode frear os seus máis baixos instintos, condición enfrontada á súa condición de sacerdote. En plena crise persoal e de fe comezará un relación cunha rapaza casada, situación que se irá complicando ata límites insospeitados.

O cinema de Park Chan Wook é de todo menos convencional e neste filme dá máis dunha volta ó mito do vampiro. Misturando como so saben facer os orientais comedia, drama e de novo comedia absurda, Thirst é un filme cheo de sangue, dúbidas existenciais, sexo e o humor máis delirante.

Unha peza imperdíbel no puzzle da fimografía de Chan Wook.

Vémonos nas butacas!