Fantasporto día 3: A outra cara do terror coreano

0
202

Pagando os excesos. Unha historia de posesión cos característicos toques da cultura coreana. A carreira de Christian Slater, en caida libre, intenta erguer a cabeza interpretando ó vilán dun relato de Stephen King.

Cinco longametraxes, unha curta e unha conferencia de prensa. O corpo dixo basta e houbo que facer un descanso. Voluntariamente deixei de ir ver Valhalla Rising, da que non tiña moi boas críticas e despois descansei durante o pase de T.M.A (co director presente) e de Air Doll. Hai que dosificarse para poder estar a todo.

Possessed (Lee Yong-Joo, Corea, 2009)

Unha rapaza desaparece e mentras a súa irmá e un policía intentan atopala a súa nai, fanática católica, decide que o mellor é pregar para que volva. O que parece o caso dunha adolescente que fuxe da casa vaise complicando cas descubertas de feitos estraños no predio e cos estraños suicidios dos veciños.

Comedido, tranquilo e detallista, Possessed é un filme de medo puro, que enfronta as crenzas máis ancestrais cos medos máis diarios. Pouco a pouco, case sen nos enterar, imos entrando nunha historia da que xa non poderemos escapar.

Dolan’s Cadillac (Jeff Beesley, EUA e Reino Unido, 2009)

Unha muller ve como uns mafiosos matan a outra muller que intenta escapar dun transporte transfronteirizo para a prostitución. Inda que consegue fuxir na carreira perde o móbil e cando decide testificar contra eles morre por unha bomba que lle colocaron debaixo do coche. O seu home, un profesor de secundaria, e unico estadounidense que non é capaz de levar a cabo unha sanguenta vinganza cunha Dessert Eagle, fica destrozado. Pero tranquilos, que algo se lle ocorre.

Baseado nun relato de Stephen King atopamos un filme de vinganza que evita os típicos clichés do xénero e pregúntanos “Que farías ti nesta situación?” e sen ser un relato de terror non deixa de estar detrás Stephen King.

Christian Slater interpreta ó Dolan do título, un mafioso cruel e violento, que no seu Cadillac blindado adícase á trata de brancas na fronteira entre México e os EUA. Un bo intento para que nos esquenzamos de que fixo Alone in the Dark, pero moito o vai ter que seguir intentando.

Isto non para!

Vémonos nas butacas!