Xogo de Tronos á tele

0
217

A canle de televisión por cable americana HBO ven de lle dar a luz verde definitiva á longamente agardada versión para a pequena pantalla da série fantástica da literatura Xogo de Tronos.

A canle de pago realizará o proxecto en princípio para unha primeira tempada que debutará a primavera que ven. A tempada constará dun piloto e de mais nove episódios mais.

Dende o momento no que o proxecto se anunciou por primeira vez a finais do ano 2008, a série baseada nas novelas de George R.R. Martin acadou unha enorme expectación, xerando un interese sen precedentes para unha saga da que ainda non se rodara nin un metro de fita.

A série está ambientada no mítico mundo de Westeros e narra a história dunha família de nobres, os Stark, que se ven atrapados no médio das intrigas de palácio cando o patriarca Eddard (a quen dará vida na tele o actor Sean Bean) se converte no novo axudante e man dereita do rei. A saga está composta por catro tomos, e a HBO pretende converter cada un deles nunha tempada completa.

Ao contrário de non poucas novelas de fantasía, a série de Xogo de Tronos evita case por completo basear-se en elementos máxicos e en troques opta por un brutal realismo, que foi descrito coma Os Soprano con espadas. Martin, que é un antigo guionista de televisión (Beauty and the Beast), escribiu cada capítulo cun final de suspense, o que deberá prestar-se moi ben para cando sexa pasado á televisión.

Ademais de Bean, os actores xa confirmados que formarán o reparto da série serán Jennifer Ehle, Richard Madden, Sophie Turner, Maisie Williams, Isaac Hempstead-Wright e Kit Harington, entre outros. David Benioff e Dan Weiss son os creadores da série.