Un actor de Harry Potter morre acoitelado

0
204

Robert KnoxO xove actor do novo filme de Harry Potter que interpretaba a Marcus Belby, un estudante da casa Ravenclaw na escola Hogwarts, foi asasinado este sábado á porta dun bar de Londres cando acudiu na axuda do seu irmán pequeno, a quen lle querían roubar o móbil. Robert Knox, de 18 anos, foi asasinado a navalladas polo mesmo indivíduo que ameazara ao seu irmán, dous anos menor ca el.

Con Knox son xa vinteoito os adolescentes asasinados no que vai de ano no Reino Unido e dez en morrer por arma branca en Londres. Knox era membro do mesmo clube de rubgy que outro rapaz de dezaséis anos morto tamén a navalladas hai duas semanas no suleste da capital.

O indivíduo que feriu de morte ao xove actor se apresentou á porta do bar blandindo dous coitelos de cociña, ameazou aos se atopaban bebendo na rua e agrediu a vários deles, que resultaron feridos. Robert Knox tiña un pequeno papel no filme Harry Potter e o Príncipe Mestizo, que ainda non se estreou, e esperaba facer carreira como actor o mesmo có protagonista do personaxe principal, Daniel Radcliffe.

Un voceiro da produtora Warner Brothers dixo que a nova causara conmoción na empresa á vez que expresou as suas condoléncias á família. O voceiro da Policia Metropolitana de Londres anunciou a deteción do agresor, un indivíduo de 21 anos, e descartou que se tratase dun axuste de contas entre bandas rivais.

A oposición conservadora británica acusou aos laboristas de non ter feito ren para frear o incremento dos crimes con arma branca, que non deixaron de medrar nos últimos anos. A pena máxima por levar unha navalla nun lugar público é de dous anos no cárcere, que poden elevar-se a catro se o lugar é unha escola.

En 1997, un total de 4.466 persoas foron declaradas culpábeis de posesión dunha arma branca ou dun obxecto punzante en lugar público, cifra que medrou até 7.654 no 2006.