Seica o actor australián de moda, Sam Worthington, (Avatar, Clash of the Titans) ven de asinar a súa participación na adaptación ao cinema do clásico cómic inglés Dan Dare: Piloto do Futuro na Warner Bros. Pictures.
O cómic, todo un clásico de longo percorrido no mundo do cómic de ciéncia-ficción, foi moitas veces definido coma unha espécie de Buck Rogers á inglesa, e comezou nos anos 50 creado polo ilustrador Frank Hampson cunhas tramas argumentais moi complexas, un diálogo intelixente e un excepcional deseño artístico. A tira cómica desapareceu, pero regresa mais ou menos unha vez por década nun “revival” que o fai depender dos tempos. Nos anos 90 o artista Grant Morrison deu-lle un toque escuro e moi agudo cheo de críticas ao thatcherismo.
Mália a súa longa história e ao seu grande éxito no seu país natal, a propriedade nunha tivo grande aceptación fóra do Reino Unido, e así o mundo das adaptacións dos heroes do cómic á pantalla grande sempre estivo dominado polos superheroes americanos (Batman, Superman, X-Men) e os ocasionais éxitos europeos (Tintín, Astérix).
Ainda que nos anos 80 lanzou-se unha adaptación ao mundo dos videoxogos, a reencarnación mais actual de Dan Dare é a minisérie que debuxou Garth Ennis e grazas á cal este proxecto comezou a se desenvolver. Ainda non hai nin guionista nin director vencellados á longametraxe.