Douglas Adams e Gurb por fin en galego

0
207

Desde este 1 de marzo, en preto de 300 librarías de toda Galiza, poderedes atopar os libros dunha nova editorial galega, a 2.0 Editora que pretende non só introducir-se no mercado habitual senón tamén no do autopublicación.

Pero a nova interesante para os afeccionados ao xénero é que para escomezar a súa andaina no universo galego das letras, lanzan dúas coleccións, unha de narrativa e outra de ensaio, e a primeira serve para introducir nas letras galegas a un par de vellos coñecidos: Douglas Adams e Gurb o extra-terrestre.

Así, a primeira obra da colección Mundos é nada menos que A Guía do Autostopista Galáctico, un clásico da ciéncia-ficción e do humor de Douglas Adams, unha obra de ficción social cun humor enxeñoso e punzante, unha sátira que nos amosa dun xeito divertido as nosas condutas cotiás. A Guía do autostopista galáctico é o volume inicial da triloxía en cinco partes e obra cimeira de Douglas Adams. Agora, logo de 30 anos da súa primeira edición, podes lela en galego.

A tradución de Ruth Layús Quiroga conta como un xoves á hora de comer a vida de Arthur Dent, e  da poboación enteira dese soporífero planeta chamado Terra, ía mudar de xeito inexorable e repentino. Só Arthur e o seu particular amigo Ford foxen a tempo da demolición do planeta e inician unha estraña aventura polo espazo na compaña de suxerentes personaxes e obxectos futuristas: un androide paranoide, un insólito presidente da Galáxia, un motor de probabilidade infinita, un sorprendente libro que recolle o saber intergaláctico e que advirte na súa cuberta QUE NON CUNDA O PÁNICO, un peixe babel causante dos máis catastróficos equívocos espaciais ou unha indispensábel toalla.

Pola súa banda, o número 2 da mesma colección é o clásico Sen novas de Gurb, de Eduardo  Mendoza. Coa tradución de Antón Lado e estruturado a modo de diário, ateigado de ironía e fino sarcasmo, Sen novas de Gurb é o relato da busca iniciada polo protagonista, nas rúas da Barcelona preolímpica, do seu compañeiro alieníxena Gurb. Nesa busca fará partícipe ao lector dunha visión nova, insólita e en moitos casos esclarecedora da vida na gran cidade.