O pasado sábado finou por mor dunha neumonía Richard Joseph “Dick” Giordano (1932 – 2010), un artista e editor do mundo do cómic cuxo só nome esperta relembranzas dos tempos mais gloriosos da banda deseñada. Coñecido polo seu traballo na Charlton Comics e na DC Comics, foi como entintador como mais salientou, debuxando o lápis de Neal Adams nas séries de Batman, Lanterna Verde e Frecha Verde.
Dick Giordano naceu na cidade de New York, no bárrio de Manhattan. Comezou como debuxante freelance na Charlton Comics en 1952, unha empresa na que chegou a ser editor xefe en 1965. Grazas a el chegaron ao cómic artistas lendários coma Jim Aparo, Denny O’Neil ou Steve Skeates.
O daquela editor da DC Comics Carmine Infantino contratou a Giordano como editor en 1967, onde ficou até 1971, cando deixa a compañía para xunto a Neal Adams fundar a Continuity Associates, que serviu coma lanzadeira a artistas da Charlton, da Marvel Comics e da Big Apple Comix.
En 1980 a nova xefa da DC, Jenette Kahn, trouxo de volta a Giordano. Convertido inicialmente no editor dos títulos de Batman, foi nomeado novo editor xefe en 1981 e Vicepresidente e Editor Executivo en 1983. Con Kahn e Paul Levitz, Giordano axudou a relanzar persoaxes coma Superman, Batman, Wonder Woman, Flash, Lanterna Verde, a Liga da Xustiza e os Novos Titáns. A finais dos anos 80, crearon o novo selo Vertigo para audiéncias mais maduras, e para iso contaron con talentos británicos coma Alan Moore e Neil Gaiman.
Durante este periodo o traballo mais salientábel de Giordano foi coma entintador dos debuxos de George Pérez na mítica saga Crise en Terras Infinitas e de John Byrne en O Home de Aceiro.
En 1993 e após da tráxica morte da súa muller, Giordano deixou a DC e comezou un semi retiro, no decurso do cal ainda lle deu tempo a ilustrar a novela gráfica Modesty Blaise da DC Comics para Peter O’Donnell.
En 2002, Giordano axudou no lanzamento da Future Comics xunto ao guionista David Michelinie e mais o debuxante Bob Layton. A Future non tivo moito éxito porque pechou só dous anos despois, en 2004. Nos seus últimos anos mantivo unha intensa actividade benéfica na ACTOR (A Commitment To Our Roots), renomeada en 2006 a Hero Initiative. En 2005, a F+W Publications Inc. publicou Drawing Comics with Dick Giordano (que el escribiu e ilustrou), un tomo no que comparte os seus métodos e técnicas de debuxo cos leitores, aos que ainda lle deixou como testamento o seu traballo no número 51 de Jonah Hex, publicado en marzo deste ano.
O traballo de Dick Giordano serviu coma axuda e inspiración para toda unha xeración de entintadores, entre os que se inclúen Terry Austin, Klaus Janson, Bob Layton, Steve Mitchell, Joe Rubinstein e Mike DeCarlo.
Os que disfrutamos nos anos 80 co seu traballo e sempre asociaremos o seu nome co Superman máis clásico o botaremos de menos.