Atrasos na MGM

0
201

Peter Jackson ven de confirmar que os problemas da MGM terán un impacto directo na adaptación ao cinema da novela de J.R.R. Tolkien O Hobbit.

Preguntado sobre o atraso na rodaxe até o final de ano, Jackson respondeu decindo que os estudos ainda non lle deron luz verde ao proxecto e que mália todas as especulacións, nunca houbo unha data oficial de lanzamento do filme. O cásting non pode escomezar até que se aprobe o proxecto, e iso é algo que non acontecerá até que alguén merque á MGM ou os estudos pasen por unha profunda reestruturación dalgún xeito.

Pero todos estes problemas non detiveron a Jackson de seguir traballando no guión do segundo filme. O director e produtor revelou que “vimos de entregar o guión. Literalmente a semana pasada, entregamos o segundo dos dous guións, o primeiro esbozo. Así que os estudos xa teñen os dous guións, o que é un fito; e se había algo polo que estabamos a agardar, era por nós a que remataramos os guións, porque estivemos a escribir os mais rápido que puidemos, pero levou-nos todo este tempo poder remata-lo. Así que aceptamos calquera responsabilidade que haxa pola velocidade“.

Asi que como están as cousas agora? Jackson di que “estamos no proceso de presupostar os filmes, e logo esperamos poder chegar a un orzamento co que a xente dos estudos estea contenta, e que lle dean a luz verde ás películas e anunciemos as datas de rodaxe. Estaría contento de poder rodar antes de finais de ano. Imaxinaría outubro, novembro, que esteamos por aló de rodaxe. Pero eu non vou anuncia-lo“.

Por outra banda, pouco despois de que Jackson anunciase este atraso, os produtores da saga de James Bond Michael G. Wilson e Barbara Broccoli dixeron practicamente o mesmo sobre a vindeira entrega de 007.

O traballo no filme ficou paralisado por parte da EON Productions após de que a Metro fracasara no seu intento de atopar un comprador. O protagonista Daniel Craig dixo que ten confianza nos produtores e que agarda que se continúa axiña a rodaxe.

A produción estaba prevista para se estrear en novembro de 2011, pero de continuar a paralisación, o atraso podería afectar á data de estrea.