O señor Spock xubíla-se

513

Spock non voltará embarcar-se a bordo da Enterpise. Leonard Nimoy, o home que durante décadas deu vida a Mr. Spock na mítica saga Star Trek, anunciou o seu retiro definitivo do mundo do espectáculo aos seus 79 anos.

Estiven a facer isto profesionalmente durante 60 anos, e gosta-me a idea de me ir dunha forma positiva. Vivín grandes, grandes momentos pero quero sair da escena“, afirmou o actor en declaracións á prensa canadiana. Nimoy ven de rodar o que foi o seu derradeiro traballo, un pequeno pero fundamental papel na série Fringe creada por J.J Abrams.

Debutou no cinema moi xoven, en 1951, e tras papeis esporádicos en dúcias de séries de televisión o éxito chegou-lle da man de Gene Roddenberry. Foi en 1966 cando o creador de Star Trek asignou-lle o papel do sábio vulcanián Spock e converteu-lle a el, e mais á toda a tripulación orixinal da Enterprise en lendas do xénero da ciéncia-ficción.

A derradeira vez que vimos a Nimoy na grande pantalla foi precisamente no último filme da saga Star Trek dirixida por J.J. Abrams. Na fita, estreada en 2009, Nimoy interpreta a un envellecido Spock que volve do futuro, mentres que o papel do xoven Spock era para Zachary Quinto, un dos protagonistas da série Heroes, que será o encarregado de tomar a testemuña nos vindeiros filmes da rexurdida franquía.

É un grandioso actor, ten a apariencia correcta, e é hora de lle dar un pouco de espazo. E sinto-me moi honrado ante o feito de que o personaxe vaia continuar“, sinalou ao respeito de Quinto o xa xubilado Nimoy, ao que xa só cabe desexar-lle “longa vida e prosperidade” no seu merecido retiro.