Ron Howard levará ao cinema A Torre Escura, a saga literária creada polo mestre do terror Stephen King. O director d’O Código da Vinci, Cocoon e Willow produciría as adaptacións das sete novelas que compoñen a franquía a través da sua compañía, a Imagine Entertainment.
Hai uns meses anunciara-se que ía ser J.J. Abrams, xunto aos seus colaboradores habituais, Damon Lindelof e Carlton Cuse (co-creadores de Lost) quen ían levar ao cinema a obra de King. Pero agora Ron Howard, xunto co produtor Brian Grazer (que producirá a película d’O Símbolo perdido) e mais o guionista Akiva Goldsman (guionista d’O Código Da Vinci e Anxos e Demos), quen se fixeron cos dereitos do proxecto.
Todo semella indicar que o trío Howard-Grazer-Goldsman realizará a película, que podería realmente converter-se en triloxía cinematográfica segundo informan outros médios, e que será o xérmolo dunha futura série de televisión.
Definida coma unha mistura d’O Señor dos Anéis de Tolkien cun spaghetti western, a saga da Torre Escura (que King escribiu entre 1970 e 2004) ten como protagonista a Roland Deschain, un pistoleiro solitário á procura da Torre Escura, un edifício que supón a porta de entrada a universos paralelos. Unha aventura cargada de suspense, enigmas, fantasía e tamén terror, todos os ingredientes necesários para obter unha saga cinematográfica de éxito.