Lobeto en galego

0
212

Segundo informa o xornal El Correo Galego, a editorial santiaguesa El Patito Editorial está a preparar o primeiro cómic de Marvel en galego: será Lobeto, un volume debuxado polo ilustrador galego Julio Das Pastoras. O libro recolle as dúas historias que o debuxante ribeirense realizou o ano pasado nos Estados Unidos, Switchback e Revolver, cun Logan totalmente diferente ao que estamos afeitos

Julio Martínez (Ribeira, 1956), coñecido como Julio Das Pastoras, é un dos ilustradores galegos de maior sona, establecido dende hai moitos anos en Barcelona. Publicou as súas series en revistas coma Splatter, 1984, El Víbora, El Jueves, Comix Internacional ou Madriz. Participou en numerosas mostras internacionais e álbumes colectivos, coma La Historia del Blues (Undercomic). Este último proxecto de Siniestro Total xurdiu en boa parte grazas á adaptación que Das Pastoras fixera dunha canzón do grupo no álbum colectivo Pop Español. Traballou para o mercado francobelga coa serie Os heresiarcas, con guión de Carlos Portela, publicada en EEUU coma Deicide. Con guións de Jodorowsky empezou en 2007 a colección de álbumes Castaka. En Marvel Comics participou con historietas curtas entre outras en Punisher: Frank Castle (2009) e Deadpool: Merc without a mouth (2010).

Pola súa banda, a editorial El Patito acudirá ao Salón do Cómic de Barcelona que remata o domingo. Nela xa vimos a posta de longo do libro Vento do Norte de Álex Cal que ven de chegar ao mercado. A aposta que durante estes dous anos de vida fixo a editorial polo cómic de autores galegos podera-se ver na caseta número 55: Hexed. A marca de Lucifer de Emma Ríos; Aventura de Cacauequi de Jacobo Fernández; Aventura no Camiño de Primitivo Marcos; Cidades de Papel de David Pintor; Mensaxes de Mariano Casas; Golfiño en portada de Fausto; Os Compañeiros. A Orde da Pedra de Miguelanxo Prado ou North Wind de Álex Cal, son algunhas das obras que levan á feira.