Worthington, o novo Quatermain

0
186

O actor mais de moda grazas á súa interpretación do protagonista de Avatar, Sam Worthington, será o produtor e posíbelmente tamén a estrela de Quatermain, unha nova volta de rosca sobre o clásico persoaxe da literatura e mais o cinema, esta vez dende un punto de vista da ciéncia-ficción e coa produción da DreamWorks Pictures.

H. Rider Haggard escribiu en 1885 a novela As Minas do Rei Salomón protagonizada polo aventureiro británico Allan Quartermain, quen pasou a meirande parte da súa vida en África e liderou unha expedición a unha rexión sen explorar para atopar ao irmán perdido dun amigo e de paso os fabulosos tesouros das minas do rei xudeu. O mesmo persoaxe apareceu tamén en moitas outras novelas.

A versión que agora proxecta a Dreamworks estará ambientada no futuro, cando a humanidade xa abandonou a Terra e Quatermain regresa para unha aventura a escala planetária. Mark Verheiden é o autor do primeiro boceto do guión.

Os creadores de Smallville Alfred Gough e Miles Millar tamén producirán este filme, para o que aínda non hai ningún director vencellado. Entre os actores que deron vida anteriormente ao aventureiro e explorador que mais fixo polos pantalóns curtos cór caqui no mundo do cinema están Richard Chamberlain, Patrick Swayze, Stewart Granger, Cedric Hardwicke e Sean Connery.