20.000 légoas, 4 proxectos

933

Hai só un ano todo semellaba moi clariño. Agora, todo o mundo está a rañar a cabeza porque o orixinal converteu-se en tres filmes diferentes, e todos eles levan vencellado a algún grande talento do cinema.

O ano pasado había dous proxectos distintos baseados no clásico de Jules Verne 20.000 légoas de viaxe submariña. O primeiro era unha precuela do libro que narraría as orixes do capitán Nemo na Disney e que tiña a McG como director e a Justin Haythe (Revolutionary Road) no guión.

Por outra banda estaba o segundo filme, unha adaptación que contaba co guión de Craig Titley e con Sam Raimi vencellado na produción. Este segundo filme levaba moitos anos en desenvolvemento, sempre coa ideia de ser moi fiel á novela orixinal de Verne, e con David Fincher (O Clube da Loita) coma posíbel director.

Daquela, o primeiro filme foi oficialmente cancelado en febreiro, vítima do troco de directores na Walt Disney e deixando ao segundo filme coma único proxecto. Pero esta fin de semana anuncian-nos que a Disney está en negociacións con Fincher para que dirixa unha nova película.

Hai uns poucos meses os estudos cancelaron un proxecto moi semellante que incluía 150 millóns de dólares de orzamento e mais ao director McG, que se converteu nunha das primeiras vítimas dos trocos que sofriu a empresa após de despedir a Dick Cook. Pero agora semella que lle van dar un novo púlo ao proxecto, se ben cun xiro que a fará algo distinta, xa que están asemade en conversas con Scott Z. Burns (O Ultimato Bourne, The Informant) para que escriba un guión.

A resurrección do proxecto chegou grazas ao mesmo Fincher, que contactou cos estudos coa ideia de facer un filme de grande orzamento, algo que fose moi diferente dos seus mais recentes traballos, que inclúen dramas escuros para adultos e thrillers. O proxecto comezou a se desenvolver paseniño até que nos últimos días as conversas entre Burns e Fincher se fixeron invevitábelmente públicas e mesmo se está a falar dunha saga épica de filmes ao nivel da Guerra das Galáxias.

Co tempo saberemos se esta ideia sae adiante ou non ainda que o mais lóxico é que de se levar a cabo a produción non escomece até o ano que ven, deixando tempo a Fincher a rematar o seu actual proxecto, o remake de The Girl with the Dragon Tattoo.

Todo isto déixa-nos pensando en que é o que acontece co segundo filme, o que ía dirixir Fincher e que ainda segue en desenvolvemento activamente.

Para confundir mais a cousa, chega outra versión mais. A 20th Century Fox anúncia que ten a intención de facer unha longametraxe co mesmo argumento e con Ridley e Tony Scott vencellados á produxión, cun guión de Travis Beacham (Clash of the Titans) e que podería contar coma director a nada menos có ruso Timur Bekmambetov (Wanted).

A nova versión, que xa non sabemos se é a terceira ou a cuarta, levaría en desenvolvemento vários anos e seica está mais avanzada cá segunda (ou terceira). Unha cousa que a fai diferente é que segundo din, estaría ambientada no futuro, se ben co mesmo argument cá novela orixinal.

Coma o traballo de Verne é de domínio público, non hai dereitos que lle pagar a ninguén pola súa novela e calquera pode adapta-la, tomándo-se o tempo que queira. Que versión chegará antes aos cinemas, se é que chega algunha? Esa é unha competición da que ainda somos espectadores.