O aclamado director de anúncios e curtametraxes Carl Erik Rinsch será o encargado de se poñer á fronte dun novo intento por relanzar o clásico da ciéncia-ficción A Fuga de Logan, nesta ocasión na Warner Bros. Pictures.
William F. Nolan e George Clayton Johnson escribiron a novela orixinal en 1967 (e tamén as súas dúas seguintes dúas secuelas) ambientadas nun futuro utópico onde todo o mundo debe morrer cando chega á idade de 30 anos, nunha eutanásia forzosa para evitar que se consuman demasiados recursos. A história vai sobre Logan, un encargado de perseguir aos que non se queren someter vontáriamente á eutanásia, pero que cando lle chega o turno a el mesmo no seu 30 aniversário, decide escapar e converter-se nun fuxitivo.
A maioría dos fans relembran a história grazas ao filme de culto rodado en 1976 e que protagonizou Michael York. O director de X-Men, Bryan Singer, estaba a desenvolver unha adaptación en 2004, pero o seu traballo en Superman Returns obrigouno a aparcar o proxecto. Dende aquela, os nomes de Robert Schwenke (Flightplan), James McTeigue (V for Vendetta) e Joseph Kosinski (Tron Legacy) ficaron vencellados nalgún momento á dirección da longametraxe, se ben ningún deles chegou nunca a completar o proxecto.
Rinsch ía facer o seu debut coma director na vindeira precuela da saga de Alien, pero ficou fóra do posto cando o mesmísimo Ridley Scott en persoa aceptou dirixir o filme. Rinsch dirixiu recentemente unha curta de ciéncia-ficción para a empresa holandesa Phillips, titulado The Gift, que os estudos querían adaptar nunha película, pero non puideron facer-se cos dereitos.