A icona gótica de milleiros de adolescentes Emily the Strange será adaptada ao cinema grazas á Dark Horse Entertainment. O filme narrará a orixe do persoaxe e mais dos seus catro misteriosos gatos.
O patinador Rob Reger creou a este persoaxe nos anos 90 coa intención de utiliza-la en autocolantes, camisetas e monopatíns que vendería a súa empresa, Cosmic Debris. Dende aquela, Emily ven adornando unha ampla variedade de merchandising, incluindo xoguetes, accesórios escolares, e moitos aparellos. En 2005 apareceu por primeira vez nunha série de cómic editado pola Dark Horse Comics, Emily the Strange nº1: Chairman of the Bored. O persoaxe, que adoita apoarecer xunto aos seus catro gatos, converteu-se axiña nunha icona para as rapazas seguidoras do estilo gótico e nunha figura do anticonformismo feminino. Reger continúa a ser o director creativo do persoaxe e ún dos vários artistas responsábeis de Emily.
O presidente da Dark Horse Entertainment, Mike Richardson, supervisará o proxecto. Xa ten algunha experiencia no cinema de xénero porque foi o produtor dos dous filmes de Hellboy, así coma de 30 Days of Night. El e mais Reger están á procura dun director. A elección do realizador podería indicar de que tipo pode ser o filme: acción real, animación ou unha combinación de ambas as dúas. O proxecto ainda non ten o apoio de ningún estudo, ainda que a Universal ten moitas papeletas ao ser pareceiro noutros negócios coa Dark Horse.
O argumento ainda está gardado en segredo, pero Reger dixo que ofrecerá algo da história de Emily e que aparecerán os seus catro gatos: Sabbath, Nee-Chee, Miles e Mystery. Tamén sairán 13 novos persoaxe con nomes coma Earwig, Umlaut, McFreeley e mais o oficial Summers. A história será adaptada asemade nunha novela xuvenil que publicará a HarperCollins o ano que ven.
Reger, influenzado polo Dr. Suess e por M.C. Escher entre outros nos seus deseños, dixo que a popularidade de Emily débe-se ao senso de moda punk do persoaxe, a limpeza e a calidade gráfica do seu deseño, aos seus acompañantes felinos e ao mensaxe de poder que ela representa.
“Na vida todo o mundo, especialmente na adolescéncia, tentpou procurar-se a si mesmo e sentiu que non encaixaba“, dixo Reger. “Emily representa a esa persoa, pero baixo unha luz positiva. Ela prefire ser diferente e mirar ás cousas dun xeito de seu. É un grande modelo de comportamento para a xente para que pensen por si mesmos“.
E engadiu: “Foi ún dos meus moitos deseños que simplemente ficou. Lembro que tres anos despois de crea-la ainda pensaba: ‘A xente ainda fai pedidos da mesma camiseta!’ Ten que haber algo aí“.