Alícia, xa entre os grandes

0
180

A nova versión de Alicia no País das Marabillas ven de se unir ao selecto grupo de filmes que superan na história os 1.000 millóns de dólares de recadación no despacho de bileltes, un logro que únicamente acadaron outros cinco filmes na história do cinema e que a fita de Tim Burton debe en grande medida á renovada forza do 3D.

A última superprodución da Disney, protagonizada por Johnny Depp, Helena Bonham Carter, Anne Hathaway e a xoven Mia Wasikowska debe a sua entrada no clube dos mil millóns á excelente acollida que tivo fóra dos Estados Unidos. Segundo os dados feitos públicos, a fita de Burton recadou mais de 332 millóns de dólares nos Estados Unidos mentres que no resto do mundo o despacho de billetes proporcionou outros 667 millóns.

Alicia no País das Marabillas é a quinta película que supera os 1.000 millóns e a segunda de maior recadación da Disney até hoxe, por atrás da segunda entrega de Piratas do Caribe, que sumou un total de 1.070 millóns en 2006.

A lista das longametraxes con mais recadación está encabezada por Avatar, coa que James Cameron renovou o cinema de 3D, a ciéncia-ficción e o negócio do cinema. As aventuras dos Na’vi en Pandora recadaron 2.266 millóns de dólares, superando en moito á segunda clasificada, tamén dirixida por Cameron: Titanic colleitou 1.845 millóns en 1997. Os outros membros deste clube dos mil millóns son O Señor dos Aneis 3, Piratas do Caribe 2 e O Cabaleiro Escuro, o que demostra, por se alguén ainda non-o tiña moi claro, o asoballante domínio da fantasía nas preferéncias dos espectadores de cinema.