Moitos o temían pero poucos coidaban que o pesadelo poidese facer-se realidade. A mais recente meniña prodíxio da factoría Disney, a repelente Miley Cyrus, quere facer cinema, e xa escolleu á súa vítima: o xénero fantástico.
A rapaza, que na actualidade conta con 17 anos, está en conversas para protagonizar a adaptación dun persoaxe do cómic inglés ao cinema, Tank Girl.
Coma é lóxico, a intervención de Cyrus faría que o persoaxe se converta no novo Hello Kitty e os produtores comezan a esfregar as mans pensando nos cartos que iso pode producir. Unha fonte interna dixo que “isto pode supoñer un novo enfoque de filme de alto orzamento para Tank Girl“. Relembremos que o proxecto xa existía antes de que Cyrus se interesase por protagoniza-lo.
O cómic, que conta cun estilo claramente punk, vai sobre as aventuras surrealistas e decote absurdas dunha rapaza que conduce un tanque e do seu mozo, un canguro mutante. O persoaxe nos cómics adoita protagonizar actos de roubo, sexo, drogas e violéncia, pero seica iso non é impedimento para que a anxelical Cyrus queira continuar adiante do proxecto, no que obviamente desaparecerán todas esas cousas.
O persoaxe xa foi anteriormente adaptado ao cinema nun filme de 1995 protagonizado por Lori Petty e Naomi Watts, que resultou un grande fiasco de crítica e de espectadores.
Cyrus comentou que “teño a sensación de que a xente non fala comigo seriamente, só porque son noviña. Espero que isto lles faga cambiar“.
O certo é que os creadores do cómic, Jamie Hewlett e Alan Martin, xa amosaron o seu descontento pola anterior versión do seu persoaxe no cinema, e queren na seguinte ter mais control creativo.