Branca Neves gótica

581

Coa nova interpretación de Tim Burton de Alícia no País das Marabillas, que resultou un éxito tan grande este ano, as películas de contos de fadas están volvendo a estar de moda e agora o director de Rush Hour, Brett Ratner, está a preparar unha nova adaptación de Brancaneves e os sete Ananos.

Este novo filme, titulado simplemente Snow White, está a ser escrito por Melisa Wallack (Meet Bill) e seica estará mais estreitamente vencellado ao tón orixinal dos relatos dos irmáns Grimm, no canto de se fixar na adaptación en debuxos animados da Disney dirixida ao público infantil en 1938.

Ratner dixo que “Melisa volveu ao conto popular de 500 anos de antigüidade e engadiu algunhas das cousas que fallaban na película de Walt Disney. Os seus ananos eran mineiros, e aquí son ladróns. Tamén hai un dragón que estaba no conto popular orixinal. Walt fixo unha das grandes películas de todos os tempos, pero a nosa está ao límite e hai máis comédia. O orixinal, feito para a súa época, era suave comparado co que imos facer“.

Ademais da de Disney, tamén se fixeron alomenos media dúcia de adaptacións de Branca Neves nos últimos anos. A ideia de Ratner seica estará a médio camiño entre o filme de Disney e o dirixido por Michael Cohn en 1997, Snow White: A Tale of Terror, unha interpretación de terror gótico, que valeu a Sigourney Weaver gañar un Emmy e unha nominación ao SAG pola sua actuación.