Cando empezou a guerra

0
215

Mentres a prensa chinesa racha as vestiduras pola produción do remake de Red Dawn, chegan novas doutro proxecto que podería aumentar o sentimento antichinés no mundo.

O proxecto é o da adaptación ao cinema da novela de 1993 escrita por John Marsden Tomorrow When the War Began, que contará cun orzamento de 25 millóns de dólares. O libro é o primeiro dunha série de sete, ambientados en Austrália e que van sobre a ocupación do continente por parte dunha poténcia estranxeira. O argumento xira ao redor dun grupo de adolescentes que se converten en guerrilleiros e escomezan a resisténcia contra o invasor.

Nin o país invasor nin a raza dos invasores é mencionada nestas novelas, algo que o seu escritor fixo para evitar sentimentos de racismo de calquera caste. Pero iso non evitou que os chineses se sintan identificados cos invasores e consideren que os libros son unha aldraxe contra a súa ditadura, a meirande do mundo na actualidade.

Obviamente, cando os persoaxes pasen ao cinema deixarán de ser unha raza anónima e aí é onde Mardsen lava as mans, decindo que será unha elección dos produtores.

Stuart Beattie, o guionista e director desta adaptación, revelou que ningún país será mencionado no filme, pero que obviamente a étnia dos invasores debe amosar-se na pantalla e que será unha elección lóxica: “se eu nomeara un país, non sería o mesmo libro, sería unha cousa totalmente distinta. O libro e mais a película van sobre eses oito adolescentes e o que lles acontece cando o seu país é invadido, non sobre quen o fai ou por que. E a étnia é de sentido común. Se alguén vai invadir Austrália, non vai ser Europa nin África. Non será a Antártida nin Nova Celándia. Vai ser alguén de Ásia. É o lóxico“.

Os produtores están encantados coa polémica, que fará que a xente fale do seu filme, e mentres Beattie está a lle dar os últimos toques antes da estrea, que será o 2 de setembro en Austrália. Se esta adaptación colleita o éxito agardado, a ideia é continuar con dous filmes mais e completar unha triloxía.