Nunca sabes o que vai vender nestes tempos. É un problema para os auténticos ladróns de tempo profesionais coma min. Podes estudiar perfís culturais, analizar tendéncias do Mercado, contratar chamáns da publicidade… e ainda así fallar na secuéncia. Non hai garantías nin explicacións. Simplemente non podes dicir por adiantado quen é o que terá o tempo mais valioso.
Non era así nos vellos días. Tiñamos todos aqueles praceres indirectos que fornecer, todos eses usuários famentos dunha nova experiéncia. Os atletas tiñan un tempo de mercado, os paracaidistas, os escaladores no cúmio da montaña. Mesmo pilotar un trineo lixeiro por un brillante túnel de xelo? Ese foi ún dos meus millores daquela. Ou correr diante dos touros en Pamplona? Ou loitar cunha anaconda no bosque tropical do Amazonas? Esas eran grandes vendas no seu día.
O porno tamén era bó, unha emoción escandalosa sen risco de contáxios. Fixen unha chea de sórdidas sincronizcións durante os meus primeiros tempos de aprendiz – o que fora con tal de enchera a miña cuota – e un traballo longo e duro, non tes nin ideia. As prostitutas eran un obxectivo óbvio e doado, pero se souberas o que tiñan na cabeza levarían-te á castidade de puro aburrimento. A cea para os nenos, a colada, vai ter este tipo un ataque ao corazón estando enriba de min ou? Como algunhas delas facían un espectáculo animado non-o comprendo. A maioría non pagaban a pena o tempo de computador por soubar a secuéncia. Precisas un auténtico fanático mesmo para o porno marxinal.
E por lle dar o mesmo tempo á outra face da moeda, relembremos as vellas secuéncias de evanxeo. Relembras Carismanía? Recordas presidir unha reunión de milleiros de persoas, rodeado dun mar de mans alzadas en oración, o espírito da glória camiñando sobre as augas, movéndo-se no teu corazón, falando cos teu beizos – esa foi a miña primeira venda millonária, unha que confirmou a miña reputación coma ladrón de tempo por exceléncia. Eses foron os bós vellos días.
Agora o público está saciado, normal. Cada acto que poidas concebir nun ser humán xa está gravado. Roubou-se tempo abondo para volver ao Pleistoceno. É simplemente imposíbel abraiar ao usuário moderno e sofisticado, traer outra novela á súa vasta experiéncia. Xa gañou o campionato do mundo e foi elixido Presidente dos Estados Unidos. Xa estivo no espazo sen gravidade e fíxo-o con Marilyn Monroe, posíbelmente todo ao mesmo tempo. O que pode engadir un ladrón de tempo a iso?
Concentrar-se na técnica, iso é o que lle digo aos meus millores estudantes hoxe. O roubo do tempo é un arte, a suprema forma de entretemento. Somos profesionais intelixentes roubando para usuários intelixentes, e non conta o que revelamos senón o que damos a entender. A experiéncia humana por si soa é só unha base na que construir, a harmonía de fondo nunha sinfonía experimental. Con boa técnica un ladrón de tempo pode converter O Descanso do Bibliotecário nun supervendas. Que secretos pensamentos se agochan após deses afábeis ollos? Que exóticas imaxinacións? Podes explorar os niveis subconscientes se estás ben sintonizado: tes que usar todos os avances tecnolóxicos. Estou a traballar agora nunha nova xeración de secuéncias “superconscientes”. O usuário discrimina hoxe…
Por onde ía? Algunha vez miraches a miña secuéncia de Heroe? Ás veces das cun clásico coma ese sen un chisco de previsión. Estaba na miña unidade móbil aquel día, escaneando as rúas por calquera cousa para facer a miña cuota, cando decatei-me do edifício ardendo, unha casa de ladrillo de dous pisos con lapas que saían pola porta de diante e unha brétema de fume enroscándo-se sobre os aleiros. O edifício chuchaba aire cun són audíbel, resoprando por osíxeno coma un forno de leña sobrequentado. Había unha multitude ao redor. Os bombeiros estaban a afastar aos pais para que non volveran dentro. Podías de feito oír aos nenos berrando a través das fiestras dos pisos de arriba.
Activei o meu sistema e comecei e escanear visualmente aos peóns. Estaba á procura dunha base emocional particular, esa sensación de sede de sangue que ás veces atopas nunha secuéncia de morte – só unha insensíbel secuéncia comercial de fiasco para os semanários. Decatei-me dun xoven fitando embelesado para arriba, a face paralizada coa tensión, e coidei que atopara un obxectivo que pagaba a pena. Probei e atopei bó contido emotivo. Bloqueéi-no en modo cerebral completo e comecei a ampliar os meus filtros. Horror, pánico, – un sinal irresistíbel. Afinei a visión para corrixir un pequeno astigmatismo e maximicei o sinal olfativo do fume. Aumentei os niveis das amígdalas e do hipocampo para o efecto artístico e rebaixei a cognición verbal, que semellaba enredada nunha rutina circular sobre axentes sobrenaturais. Sincronicei e comecei o traspaso da secuéncia.
Eu/nós estabamos alí, saboreando o fume coma ácido quente, oindo os berros dos nenos sobre a charla da multitude, retrocedendo interiormente e rebotando a unha consciéncia completa, rebotando coma nun tambor, coma unha lente enfocando e desenfocando unha escena demasiado truculenta para contemplar. Eu/nós non podiamos aceptar a realidade, a tortura dos inocentes.
Algo rachou-se – así é ainda coma o describiría no día de hoxe. Unha reorganización conceptual completa. Do caos xurdiu a determinación, do terror unha resolución invencíbel. Eu/nós corrimos cara o lume, polas escaleiras ennegrecidas, cegados polo fume e xadeando, nunca temendo á morte. Eu/nós eramos invencíbeis, sobrehumáns. Eu/nós seguimos os berros, abrimos portas a patadas, gateamos por alfombras fumeantes. Dous nenos baixo dunha cama e un bebé inconsciente nun berce. Eu/nós axuntámo-los coma sacos da colada, enrolámo-los en sabas e alzámo-los. Eu/nós notei dór daquela, mareo, debilidade. Eu/nós tivemos arcadas co fume e vomitamos bile e tropezamos cara adiante.
Xa experimentaches a secuéncia, coñeces a peculiar auséncia de tempo da fuga do heroe. Mesmo agora en retrospectiva pregúnto-me coma mantiven visión profesional abondo para sinalar o computador por mais tempo. Os avogados déron-se presa en criticar tal acción, coma é o seu dereito, pero os usuários adicados entenden por que me pasei de tempo con Heroe. Tiña que colle-lo todo, con ou sen enmendas contractuais. Estiven alí a primeira vez, sufrín a versión sen editar, non me digas como debo facer o meu traballo.
As mans e os pes do heroe ficaron mutiladas para sempre, a face desfigurada, os pulmóns queimados e ennegrecidos. Os nenos foron tratados no hospotal por inhalació nde fume e dados de alta. Os pais converteron-se ao cristianismo. O heroe mais tarde dixo aos xornalistas que non recordaba ren do que aconteceu. Por suposto que non – eu roubara o episódio enteiro. Enviei ao heroe unha cópia prepublicada e ofrecin-lle o dez por cento para chegar a un acordo extraxudicial polo tempo extra roubado. (A edición final deixou a secuéncia en sete minutos, coma xa sabes) El é un home rico hoxe en día.
A min preguntan-me de seguido se influin no heroe dalgún xeito para que levara a cabo o seu arriscado rescate, se a miña sincronización e roubo da súa actividade cerebral dalgún xeito fabricou a secuéncia, o que, por suposto, é absurdo. O roubo de tempo é puramente pasivo, non se nota nin se pode rastrear polo suxeito. Nunca se intentou unha comunicación de dúas vías fóra do laboratório, e os resultados non valen a pena de se publicaren – conversas telefónicas glorificadas. O heroe se arroxaría ás lapas con ou sen min, e pode agradecer-llo a todos os santos.
Por onde ía? De acordo, imos coa ética cuestionábel. Primeiro decíde-me, quen vai botar de menos realmente cinco minutos de proceso mental? A xente malgasta mais ca iso nun atasco de tráfico ou meditando no wáter. Alguna xente está tan drogada que perden as principais funcións cerebrais durante a maior parte do día. Unha cultura sen respecto polo tempo pode permitir-se perfectamente perder unha fracción inconsistente a mans dos ladróns coma min. Se deus quixer que os nosos pensamentos e sentimentos fosen privados non permitiría que se desenvolve-se a tecnoloxía de seguimento – e non estou tentando ser gracioso, vin abondo cousas estrañas para denegar totalmente a súa existéncia. Confesarei o pior e deixarei que xulgues. Recordas a Noiva Virxe? Esta rapaza pode ter algún motivo de queixa. Aqueles cruciais catro minutos e cincuenta e cinco segundos poden de feito ter unha certa iportáncia sentimental – coma home eu só podo supoñer até que nivel – pero pensa na gratificación indirecta que forneceu a millóns, homes e mulleres, virxes ou o que sexa. Ela contribuiu ao gelstalt social, ela influiu no contorno contemporáneo. Ela sempre pode comprar a secuéncia, estou seguro que xa está en masa no mercado agora. En calquera caso…
Maldición, iso é desconcertante. Por onde ía? A cualidade é a palabra chave estes días. Un bó produto de cualidade nunca pasará de moda. Non está gravado en granito ningures que o mercado comercial non aceptará as sutilezas da expresión artística. Calquera ladrón de tempo pode dominar a perfección técnica, e moitos poden aprender a rachar as regras estándar para obtér un bó efecto, pero só os millores estudantes amosan esa muxica de orixinalidade, ese amor polo tema e pola forma precisos para ter unha secuéncia clásica. O resto seguirá as modas pasaxeiras do seu tempo; fornecerán de bó traballo aos semanários e se cadra farán os gráficos agora e sempre con esforzo supremo e un pouco de sorte. E ninguén estará a salvo do seu foco. Cando a realeza se resinta descenderán coma animais de présa sobre os reis e raíñas por todo o mundo, cando un novo papa é elixido revolotearán coma moscas sobre donuts de azucre. Eu seguín as tendéncias durante a maior parte da miña carreira, así que non malinterpretes as miñas críticas. Só estou decindo que a busca das novidades ten que rematar nalgures, nalgún intre.
Os usuários estiveron no Mar da Tranquilidade e miraron a Terra por riba deles nunha paisaxe luar chea de cráteres. Os usuários danzaron ao ritmo de tambores tribais nunha chaira africana ao redor dunha fogueira. Os usuáriostomaron prestado o cerebro dun físico subatómico para poder coñecer os primeiros nanosegundos da creación, cando to do o universo non era mais grande ca un átocomo de hidróxeno. E ainda así após de todos estes anos, a procura da secuéncia suprema non mostra sinais de decaer, os semanários berran por mais, o público trága-o, crítico, demandando, e agora a atención semella enfocar-se nos ladróns de tempo en si mesmos. Ás veces eu quixer…
Por onde ía?