Sen Amencer Vermello

0
197

Após de que a semana pasada soubéramos dos movementos censores e vitimistas da ditadura chinesa por botar abaixo este filme, seica non tiveron que agardar moito para que este caese polo seu própio peso. O remake de Red Dawn (Amencer Vermello) é a seguinte vítima da bancarrota da Metro.

O filme, que contaba cun orzamento de 75 millóns de dólares e estaba dirixido por Dan Bradley, era un remake do clásico dos anos 80 de John Milius sobre un grupo de adolescentes que se converten en guerrilleiros para salvar á súa vila da invasión do exército ruso e chinés que ven de conquistar aos Estados Unidos.

O proxecto tiña prevista a súa estrea para o 24 d enovembro deste ano, pero as débedas cada vez maiores da MGM obrigaron á compañía do león a renunciar ao filme, para o que xa simplemente non teñen cartos para a súa distribución e promoción.

Cando a Disney se desfixo da súa filial Miramax hai uns meses, vários proxectos completados ou próximos a se completar tiveron que dicir adéus á estrea e seguen sen ver a luz a día de hoxe. Agora as circunstáncias semellan ser as mesmas para o caso da Metro Goldwyn Meyer, que está nunha situación financeira ainda pior.

Dous proxectos de alto orzamento en deselvolvemento (Bond 23 e O Hobbit) están agora mesmo á espera de que alguén poña os cartos para poder realiza-los, e se atopan en estado de pendentes até que se aclare a súa situación. De feito, o seguinte en caer podería ser o moi agardado filme de Joss Whedon e Drew Goddard Cabin in the Woods, que tiña previsto estrear-se en xaneiro.

A Sony retomou o proxecto de comédia de Kevin James The Zookeeper que estaba estancado na MGM e se cadra se podería chegar a un acordo semellante no caso de Amencer Vermello, se ben non hai nada que indique que isto podería acontecer nun futuro próximo.