O 17 de decembro de 2003 cumpriron-se cen anos da fazaña que levou aos irmáns Wright a facer voar un aparello de seda e madeira polas práias de Kitty Hawk, en Carolina do Norte, na costa leste americana, provocando así o nacemento da aviación. Era a primeira vez na história que un aparello máis pesado có aire podía voar cun home a bordo. Ou se cadra, non. Seis anos antes, en 1896, aconteceu algo ben estraño, un abraiante fenómeno que aqueles que ollaron nunca esquecerán. Houbo persoas, milleiros delas, que vivían en Norteamérica, dende San Francisco a Chicago, e que observaron estrañas luces no ceo. Esas luces, segundo din procedentes dunha nave aérea, cruzaron o continente de oeste a este mentres o país as observaba.
As emocións deron comezo o 17 de novembro de 1896 en Sacramento, capital de Califórnia. Era unha noite chuvosa e sombría. E daquela, entre as escuras nubes, apareceu unha luz brillante. Moveuse amodo cara o leste e semellaba estar como a uns trecentos metros de altura. Centos de persoas viron a luz, incluindo a George Scott, un axudante do Secretário de Estado de Califórnia. Scott convenceu a algúns amigos a unírselle na terraza da cúpula do capitólio e dende alí puideron mirar tres luces, non só unha. E sobre as luces había unha forma escura e oblonga.
O informe máis detallado chegou de mans de R.L. Lowery, un antigo empregado dos tranvías que din que escoitou dicir: “Guíndaa máis alto; vai bater no campanário!“. Cando mirou cara arriba viu a dous homes sentados nunha espécie de bicicleta, pedaleando. Por riba deles había “un corpo con forma de cigarro de grande lonxitude“. Seica as voces tiñan acento americano, inda que outras testemuñas dixeron que era estranxeiro. Lowery dixo que a cousa tamén tiña “rodas aos lados, coma as rodas dos vellos barcos de vapor“.
Cando a história chegou aos xornais ao día seguinte, causou unha vaga de controvérsia. O Sacramento Bee e mais o San Francisco Call recolleron abondosa información, informaron dunha “luz misteriosa” ou unha “aparición estraña” e enviaron reporteiros para entrevistar ás testemuñas. Pola contra, o San Francisco Chronicle bulrouse de todo, ridiculizou a história e suxeriu que o asunto foi un fraude ou o resultado dun efecto natural coma as luces de gas do pantano. O título de “nave voadora” ficou axiña e a história esvaecéuse.
Pero o 22 de novembro a misteriosa aeronave regresou. Pasou por riba de Sacramento e apareceu sobre Oakland, San Francisco e tamén San Jose. Durante os seguintes días, a aeronave foi vista por toda Califórnia. A noite con máis avistamentos foi o 25 de novembro, cando apareceu sobre once lugares en todo o Estado, incluindo Auburn, Chico, Fresno, Hayward, Napa, Oakland, Pasadena, Petaluma, Sacramento, San Lorenzo e Visalia. En Sacramento era domingo pola noite e as condicións atmosféricas eran coma antes: escuro e nubro. A luz apareceu dende o noroeste e percorreu en liña recta a cidade correndo contra o vento. Unha testemuña, Jacob Zemansky, tiña un pequeno telescópio e informou que a lámpada era “un arco eléctrico moi intenso“. Tamén observou que a luz non se movía en liña recta, senón que semellaba moverse no vento arriba e abaixo. Outra testemuña con prismáticos, Edward Carragher, dixo que ollara un corpo escuro encol da luz.
Levoulle uns trinta minutos á cousa cruzar a cidade e desaparecer polo suroeste. Durante ese tempo milleiros de persoas puideron vela, incluindo ao sheriff da cidade e un fiscal do distrito. Esa mesma noite a “nave voadora” apareceu sobre San Francisco a unhas 90 millas de distáncia. Alí foi observada por centos de persoas, incluido o Alcalde. Cruzou a a cidade até o Océano Pacífico, encol do famoso faro Cliff House, onde a súa luz, un ráio que chegaba a 160 metros de distáncia, asustou segundo din ás focas da baía que se botaron ao mar.
Durante os días seguintes as aparicións da nave non foron só en Califórnia, senón no Estado de Washington e Canadá. Os xornais estaban tolos, algúns apoiaban a ideia dunha nave voadora, outros a ridiculizaban. As histórias comezaban a suxerir que a nave era a obra dalgún misterioso inventor que probaba o seu traballo pola noite para que non lle roubasen a ideia. Isto non semellou raro para a maioría da xente: os globos capaces de levar persoas xa levaban case cen anos sobrevoando a terra e semellaba que axiña habían inventar algún tipo de mecanismo que permitise voar con motor.
Un avogado de San Francisco, chamado George D. Collins e alcumado “Aeronave Collins”, afirmou que representaba ao excéntrico e rico inventor que construira a cousa nun lugar agocho de Oroville, a sesenta millas ao norde de Sacramento. Segundo Collins a aeronave tiña 50 metros de lonxitude e podía transportar a 15 pasaxeiros. “Está feita co sistema dos aeroplanos e ten dúas ás de tela de 18 pés de ancho e unha cola coma a dun paxaro“, dixo á xente, “Vin ascender a cousa uns 90 pés cun control perfecto“. Cando o misterioso inventor non apareceu Collins atopouse sometido ao ridículo público e tivo que desdicirse das súas declaracións.
Pouco despóis, William H. H. Hart, antigo Fiscal Xeral de Califórnia, proclamou que estaba en comunicación co misterioso inventor, e que a aeronave sería utilizada axiña para bombardear o forte español de La Habana e ceibar Cuba: “Polo que teño visto dela non teño a menor dúbida de que levará catro homes e mil libras de dinamita“. Pero cando foi preguntado para que dera máis detalles ou algunha proba, Hart tamén botouse atrás e dixo que lle entenderan mal.
Contra o 7 de decembro Califórnia xa estaba farta da aeronave, ou se cadra era ao revés. Os informes foron esvaéndose e a xente deixou de pensar nela, pero o mistério estaba lonxe de rematar. Dende xaneiro até abril de 1897 unha grande vaga de avistamentos da aeronave cruzou as Grandes Chairas do oeste ao leste. Coma en Califórnia, os informes falaban dunha brillante luz no ceo da noite. Daquela, o 2 de febreiro de 1897, a “aeronave” amosouse sobre a vila de Hastings, Nebraska. O 5 de febreiro foi vista 40 millas máis ao sul preto da vila de Invale. Os informes comezaron a bulir por todo o Estado. O 16 de febreiro foi vista sobre Omaha. Apareceron máis histórias. Un granxeiro afirmou que atopara a aeronave no chan, coma se estivera a ser reparada. “Ten forma de cigarro, uns 200 pés de longo e 50 pés de ancho, e vaise estreitando gradualmente a ámbolous dous lados“, dixo o granxeiro. Os relatos volvéronse cada vez máis fantásticos. Un tal Coronel Shaw de Stockton afirmou que atopara seres inhumanos canda a aeronave nunha estrada rural. Un home en Indio dixo que viaxara a bordo da aeronave durante un rato.
Dende xaneiro os xornais falaban do asunto en Nebraska, pero o cúmio acadouse en abril, cando as noites despexadas de primavera permitían á xente ir ao monte a observar o ceo. Os organizadores dunha feira en Omaha recebiron unha carta dalguén que dicía ser o inventor da aeronave, que asinaba como A.C. Clinton e pedía un espazo de tres millóns de pes cadrados para poder exhibir a súa máquina. Pero nunca apareceu.
En Kansas o primeiro avistamento foi o 26 de marzo, e os informes continuaron durante os meses de abril e maio. Un granxeiro chamado Alexander Hamilton, na vila de Le Roy, dixo que a aeronave aterrara na súa granxa a noite do 20 de abril. Os pilotos colleron cun lazo unha vaca do gando de Hamilton e levárona polo aire. O señor Hamilton mesmo publicou unha declaración xurada asinada por doce importantes persoeiros de Le Roy que testemuñaban a súa honradez e veracidade. Non embargante, meses despóis sóubouse que todo o asunto de Hamilton fora unha broma argallada por el mesmo e un grupo de notables da vila para escachar a rir a costa dos crédulos.
Axiña a aeronave fora vista por todo o médio oeste incluindo Texas, Kansas, Iowa e Missouri. Apareceron máis histórias sobre encontros coa tripulación no chan. Finalmente en abril a excitación acadou o seu zénit cando a aeronave chegou a Chicago. O 11 de abril díxose que alguen tiña unha foto da cousa, probablemente a primeira foto dun ovni da história. Pero os expertos denunciaron que a foto era un truco.
O 15 de abril, preto de Kalamazoo, Michigan, houbo informes de que a aeronave se incendiara e estoupara. “Anunciaron que fora coma unha tronada de cañóns grosos seguida de contado por un són afastado de proxectís voando polo aire” proclamou un xornal. Mália isto, as vistas da aeronave continuaron durante uns días máis. Algúns agardaban que a cousa seguise na costa leste, pero os informes esvaéronse e contra o final de abril a história rematara.
Daquela, o que fora? Que foi esta cousa que foi vista por milleiros de persoas de todo o oeste e do médio oeste? Daquela non existían os aeroplanos. O dirixible “La France” voara un pouco en 1885 polos arredores de París, e en Alemaña o famoso Conde Zeppelin estaba a fabricar o seu primeiro “Luftschiff” nas beiras do lago Constanza. Nos Estados Unidos houbo algún intento de facer unha máquina desas características xa en 1865, cando Solomon Andrews de Perth Amboy fixo voar unha aeronave contra o vento en New Jersey.
En 1867, Frederick Marriott de San Francisco construira unha nave chamada o “Aviator” que tiña moitas das características descritas no caso da aeronave misteriosa: forma de cigarro e alas. Acadou contruir un modelo a escala, pero nunca puido facer un aparello dirixido por persoas.
Inda levaría vinte anos máis até que un avión voase dende San Francisco a Chicago. De todos os xeitos, a ideia de facer voar un aparello experimental por médio das Montañas Rochosas en pleo inverno é absurda, por dicilo dun xeito suave.
A explicación máis popular hoxendía é que era un prato voador, un ovni dirixido por extra-terrestres, ou se cadra moitos ovnis. É imposible probar que esta teoría sexa a verdade, pero hai moitas outras explicacións máis doadas de crér e por suposto máis probables de seren certas, inda que claro está, menos entretidas.
Un “sospeitoso habitual” é o planeta Venus. Ás horas nas que foi visto o aparello Venus era claramente visible no ceo, e cando os avistamentos pararon Venus era xa moito menos visible. Venus é o obxecto máis brillante no ceo agás o sol e a lúa, e baixo certas condicións atmosféricas pode semellar que se move, parpadea, ou mesmo semellar de moitas córes distintas. O brillante disco de Venus peneirado e movido polas nubes do inverno ben puido semellar unha nave voadora a moita xente. Venus ben poido ser responsable de moitos dos informes de avistamentos.
As aves migratórias puideron ser responsables dalgún avistamento, especialmente nas cidades con modernos sistemas de iluminación a gas. A primavera é a data na que moitas destas aves regresan dos seus agochos do inverno, e puideron ser as “alas” que algúns din que tiña a aeronave.
E logo o que acontece coas moitas histórias da xente que di que atopou á tripulación ou que mesmo viron á aeronave estoupar? É difícil imaxina-lo para nós, acostumados á televisión e á Internet, de que maneira se entretiñan antigamente cos contos, relatos e fraudes. Os fraudes xornalísticos, mesmo nos xornais máis importantes, eran moeda de troco habitual. Agardábase que os leitores tiveran o bó xuizo de saber diferenciar os fraudes das novas de verdade. Case cada vila pequena tiña o seu “clube de mintireiros” onde adoitaban troulear: unha das máis famosas histórias destas foi o rapto da vaca de Alexander Hamilton. En resumidas contas, que debido a estas características, podemos afirmar que case con certeza, case calquera história imposible ou fantástica que apareza nun xornal no século XIX é un invento.
É importante suliñar que foron poucos os xornais que publicaron novas sobre a aeronave, e que eses xornais non eran os máis importantes nas súas rexións. É doado coidar que o único que pretendían era vender máis a costa de falsificar moitas cousas. Os xornais tan só daban á xente o que quería ler, sen ter ningún reparo en inventar histórias completamente falsas. Isto pode soar moi pouco ético, pero era o que facían todos os xornais daquela, e inda máis os pertencentes á cadea de W. Randolph Hearst.
Por outra banda, o mesmiño ca hoxe, os bromistas adoitaban enviar globos de papel cunha vela acesa cara o ceo coa espranza de que os demáis “picasen”, ou deixar soltos gatos con lanternas atadas, a pouco que coidasen que a xente podía acreditar en histórias desas. Outros poideron crear “lugares do accidente” moi completos con lixo diverso. Un xornal, o Peoria Transcript, enviou globos con luces de córes unha noite ao ceo para probar se a imaxinación da xente era eficaz. Como resultado, esa noite houbo centos de avistamentos da aeronave.
Polo tanto, se eliminamos as identificacións erróneas e os fraudes directos do fenómeno da aeronave, ficará inda algo? Puido ser unha nave extra-terrestre? Unha das cousas máis abraiantes sobre a aeronave é que case ningunha das histórias que a rodearon tiñan ren que ver con seres extra-terrestres, agás se cadra o relato do accidente dunha nave marciana en Aurora, Texas, onde se dixo que chegaran recuperar os corpos mutilados dos pilotos, acharon que eran de Marte e logo soterráronos no cemitério masónico da vila. Anos máis tarde o director do xornal que publicou a nova confesou que o inventara todo coa intención de darlle algo de publicidade á súa vila. Todos os demáis relatos dixeron sen excepción que a aeronave estaba pilotada por americanos e deseñada por un misterioso inventor humano. Evidentemente, as modernas ficcións e seudociéncias de ovnis non estaban de moda, así que a xente non podía ver tantos marcianos coma hoxe.
Daquela, cal é a posibilidade final? Houbo realmente un misterioso inventor que construiu secretamente unha aeronave que voóu arredor dos Estados Unidos? Certamente o público estaba predisposto a acreditar nesa história. A ciéncia ficción da época adoitaba utilizar a figura do “inventor tolo” como persoaxe habitual. A novela de Jules Verne Vinte mil légoas de viaxe submariña tiña un misterioso inventor, o Capitán Nemo, que construiu un submariño. E a súa seguinte novela, Robur o conquistador, tiña outro misterioso inventor que construira unha aeronave cuxas semellanzas coas histórias da realidade son abraiantes. E esa novela foi escrita dez anos antes de que comezaran os avistamentos.
Se houbo tal inventor, por que deixou o seu invento fóra do coñecemento do público? Podería un inventor daquela facer tal nave e mantela fóra dos ollos da prensa? Ía realmente dez anos por diante dos seus inventores contemporáneos? Se existiu, realmente tivo éxito en manter o seu segredo fóra do coñecemento público, porque o mistério fica sen resolver até o día de hoxe.
Bibliografía:
- The Great Airship Mystery, de Daniel Cohen.
- A Geo-Bibliography of Anomalies, de George Eberhart.
- The Book of the Damned, de Charles Fort