Poderes Extra-Sensoriais

1578

O máis seguro é que nunca foses abducido polos áliens, e que non coñezas a ninguén que tivera un encontro co Yeti. Pero sen dúbida, tí ou alguén preto de tí tivo algunha vez a experiéncia de “ver” o futuro ou acontecementos distantes.

Moitos de nós temos soñado cousas que logo aconteceron, tivemos unha premonición sobre algo que pasou a moitos quilómetros, ou predicimos unha chamada telefónica dun amigo xusto antes de que en efecto chamase. A experiéncia é incríbelmente extraña, mesmo misteriosa, pero pasa moitas veces. Daquela, o que pasa aquí?

Depende de a quen preguntes. Unha grande parte da povoación mundial atribúe eses extraños acontecementos á percepción extra-sensorial (máis coñecida polas súas siglas en inglés, ESP, de Extra Sensorial Perception), un sentido especial alén da visión, do olfato, do oído, do tacto e do gusto. Ao contrário dos sentidos normais, a ESP ten uns límites virtualmente inexistentes, e é experimentada máis coma pensamentos que coma sensacións do corpo. E o outro punto de vista é que non hai ren sobrenatural neses acontecementos.

Estas cousas pasan, din os escépticos, pero están perfectamente explicadas pola ciéncia convencional. Neste artigo botaremos unha ollada a ámbolos dous argumentos para averiguar que podería haber detrás do fenómeno da ESP. Tamén averiguaremos como os falsos médiums poden crear experiéncias extra-sensoriais, e veremos como interveñen estes trucos no debate xeral da parapsicoloxía.

O que é a ESP?

A percepción extra-sensorial é un termo colectivo para várias habilidades mentais que supostamente existen. Estas habilidades (xunto con outros fenómenos paranormais) tamén son coñecidas coma “psi”. Os tipos máis importantes de ESP son:

  1. Telepatía: A habilidade de lér os pensamentos doutra persoa Clarividéncia: A habilidade de “ver” acontecementos ou obxectos que hai nalgunha outra parte Precognición: A habilidade de ver o futuro Retrocognición: A habilidade de ver o pasado distante Médium: a habilidade de comunicarse cos espíritos dos mortos
  2. Psicometría: A habilidade de lér información sobre unha persoa ou lugar tan só tocando un obxecto físico relacionado con esa persoa ou lugar.

Un fenómeno “psi” relacionado, pero que técnicamente non é parte das ESP, é a telequinésia, a habilidade de alterar o mundo físico co só poder da mente. Todas estas habilidades están baseadas na ideia de que os seres humanos poden poden albiscar cousas alén dos sentidos corporais coñecidos. Este concepto estivo dando voltas dende os comezos da civilización humana, baixo moitos nomes distintos, pero a concepción moderna non se desenvolveu atá a primeira metade do século XX.

O termo ESP foi acuñado en 1934 polo profesor da Universidade Duke J.B. Rhine, ún dos primeiros científicos respectados que dirixiu investigacións paranormais nun laboratório universitário. Os créntes da ESP teñen ideias moi distintas de como se manifestan estas habilidades. Algunha xente coida que todo o mundo as posúe, e que involuntáriamente experimentamos momentos de ESP ás veces. Outros din que só algúns médiums, chamáns ou xente especial dispón deses poderes, e que poden acceder a eles cando se poñen nun estado mental especial (en trance). Moitos créntes din que todo o mundo ten o potencial da ESP, pero que algúns están millor sintonizados coas súas habilidades paranormais ca outros.

Os créntes tampouco se poñen dacordo en como funciona realmente a ESP. Unha teoría dí que, o mesmo cós nosos sentidos normais, a ESP é enerxía movéndose dun punto a outro. Tipicamente, os que propoñen esta teoría din que a ESP ten forma de ondas electromagnéticas coma a luz, a rádio ou os ráios X, e que é unha enerxía que non podemos detectar científicamente. Esta teoría foi moi popular nos primeiros anos do século XX, pero hoxe non ten moitos seguidores porque ten problemas inherentes.

Por unha banda, a explicación só é válida para a telepatía, e non a clarividéncia nin a precognición. Presumiblemente, se a información viaxa coma enerxía electromagnética, ten que ser enviada por alguén e viaxar de mente a mente, pero isto non explica como pode viaxar a través do tempo ou dende un obxecto a unha persoa. Pola outra banda, a teoría non cadra co que sabemos sobre nós mesmos e o universo. Na maioría dos casos de telepatía, a ESP funciona de xeito totalmente independente da distáncia. Isto é: o poder do “sinal” é o mesmo se a mente do trnasmitente e a do receptor están na mesma habitación ou nos lados opostos da Terra.

Ningunha outra forma de enerxía compórtase así, apuntan os escépticos, así que non ten moito sentido o de que as “ondas psi” viaxen así. É maís, semella extraño que non atopáramos ningún órgano sensorial no corpo que poda recibir esa enerxía, nin ningunha evidéncia das mesmas ondas de enerxía. Á luz destes problemas, a teoría prevalente hoxe entre os créntes é que a ESP é o resultado dalgo que está alén do mundo físico. Por exemplo, moita xente mírao como unha “fuga” que provén doutra realidade. Segundo esta teoría, ademáis do universo físico do que somos conscentes, tamén existimos noutra dimensión que ten leis totalmente distintas que nos governan.

O tempo e mailo espácio funcionan dun xeito moi distinto na outra realidade, permitíndonos coñecer os pensamentos doutras persoas, sucesos distantes ou cousas que inda non aconteceron na realidade física. Normalmente, a nosa percepción deste plano da existéncia é totalmente inconsciente, pero ás veces a mente consciente recolle algo desa información. Non é preciso dicir que esta teoría está totalmente fóra do noso entendemento científico do mundo. Pero segundo din os seus propoñentes, a teoría non ten por que encaixar na concepción científica.

O mesmo cós conceptos de Deus ou do Alén, a realidade hipotética non ten as mesmas leis físicas do universo. Dependería da existéncia dun alma dalgunha caste. Así que, dado que está totalmente afastada do noso coñecemento do mundo, por que tanta xente acredita na ESP?

O caso da ESP

Moitos créntes chegan a ter as súas conviccións após dunha experiéncia persoal ou dunha evidéncia anecdótica. Se tes un soño que se fai realidade, cos mesmos detalles, poderías moi ben tomalo como proba de que tés poderes. E se escoitas bastantes histórias incribles sobre a ESP de fontes fiables, podes ter cada vez máis e máis fe no fenómeno. Moita xente relaciona as oracións relixiosas coa ESP e outros fenómenos “psi”.

A noción de oración intercesora sostén que enfocar a enerxía en forma de oración pode ter auténticos efectos na realidade, xa sexa a través dunha forza divina, ou por virtude da mesma enerxía. Este argumento úsase especialmente no caso da Medicina, onde seica algúns estúdios encargados por entidades relixiosas revelaron que cando hai xente rezando, a recuperación dos enfermos é máis probable.

Pero para algúns escépticos mal pensados, se o futuro da Medicina é a oración, máis vale abandoar a Seguridade Social e apuntarse á Igrexa, onde, por certo, non teñen moito éxito as pregárias polo Papa. O que é innegable é que o mundo está cheo de “probas” dese tipo. Moitos de nós podemos atopar coincidéncias extraordinárias, e hai algúns casos ben documentados de suposta precognición e clarividéncia.

Por exemplo, en 1898, un tal Morgan Robertson publicou Futility, unha novela sobre un xigantesco barco de pasaxeiros chamado Titán, escrita segundo din nun estado de trance. Na novela, o barco navega por un denso banco de néboa unha noite de abril, choca contra un iceberg e afúndese, morrendo centos de persoas. Catorce anos despóis, o Titanic, un barco semellante en tamaño e estructura ao barco da ficción, fixo exactamente iso, na mesma época do ano, e baixo as mesmas condicións.

Tanto no caso do barco fictítico coma no real, non había abondo balsas de salvamento para todos os pasaxeiros e por iso houbo tantas víctimas. Hai dúcias doutras famosas histórias, moitas non tan ben documentadas, detallando casos máis e menos importantes de suposta ESP en todo o mundo. Pero inda que sexan moi convincentes para oscréntes, esas histórias teñen unha utilidade limitada para os científicos porque acontecen baixo un ambiente sen control.

Para demostrar algo con probas definitivas, os científicos precisan desenvolver experimentos controlados nun laboratório baixo condicións moi estrictas. Dende os anos 30, os parapsicólogos de todo o mundo veñen facendo iso mesmo. J.B. Rhine, decote considerado o pai da parapsicoloxía, está após dun dos máis tempranos e famosos esforzos, os experimentos das cartas Zener.

As cartas Zener orixinais (chamadas así polo seu deseñador, Karl Zener) eran unha baralla de 25 cartas brancas, cada unha delas con ún dos cinco debuxos sinxelos. Cada baralla contiña cinco cartas de cada debuxo, así que calquera tiña unha oportunidade sobre cinco de adiviñar correctamente o debuxo dunha carta. O experimento era sinxelo: Rhine preguntaba ao seu paciente que adiviñara que debuxo había en cada carta e anotaba o resultado. Por termo médio, e dando unha resposta ao chou, debería haber cinco acertos nunha baralla de 25 cartas.

Rhine razonaba que se había unha persoa que unha e outra vez estivera por riba desa marca, tería poderes ESP. A comunidade científica estaba abraiada, e moi incrédula, cando Rhine afirmou no seu libro Extra-Sensory Perception que algúns dos seus suxeitos adiviñaban unha e outra vez por riba do termo médio. Moitos negaron os métodos e a credibilidade de Rhine, pero en xeral, foi tido coma un científico sincero e lexítimo. Nos anos que foron dende os traballos pioneiros de Rhine, centos de parapsicólogos desenvolveron experimentos semellantes, ásveces cos mesmos resultados positivos.

Moitos deses investigadores mudaran os debuxos das ríxidas cartas de Zener por imaxes máis abertas, coma cadros ou fotografías. Nun experimento típico, a persoa que “envía” a mensaxe ten que concentrarse nunha imaxe particular (o obxectivo) e tentar comunicalo telepáticamente a un suxeito aillado. O suxeito “receptor” describe o que ve na súa mente, e a equipa investigadora recolle as súas impresións. Ao remate da sesión, o receptor tenta recoller a imaxe correcta de entre unha colección de imaxes creadas polas súas impresións durante a sesión.

Nos experimentos ganzfeld (que en alemán sinifica “campo enteiro”), desenvolvidos nos anos 70, o receptor é privado de información sensorial para facerlle máis doado enfocar as mensaxes ESP. O suxeito está tumbado nunha hanitación con luz vermella, escoitando un són branco e cos ollos tapados (con médias pelotas de ping-pong no experimento orixinal). A maior parte das veces, os receptores neses experimentos fallan totalmente as adiviñas, pero algúns suxeitos describen as imaxes obxectivo con abraiante detalle. Noutros experimentos semellantes, deseñados só para probar a clarividéncia e non a telepatía, non hai persoa que envíe as mensaxes, só un receptor.

Noutro popular experimento, os suxeitos tentan influir nunha máquina, coma un xerador de números aleatórios, coa mente. Após de centos de probas, os investigadores atoparon que hai suxeitos que seica poden influir no comportamento da máquina, pero moi lixeiramente. Moitos parapsicólogos din que os seus descobrementos indican a existéncia de ESP, pero os escépticos non están nin moito menos convencidos.

O caso contra a ESP

Inda que a parapsicoloxía gañou moita credibilidade nos últimos cen anos, o san escepticismo mira os estúdios da ESP como mal feitos no millor dos casos e totalmente pseudociéncia no pior. Para os escépticos, o argumento principal contra a ESP é moi sinxelo: que é unha parvada.

Coma xa vimos antes, a existéncia do fenómeno da ESP está fundamentalmente en contra das regras do universo tal e coma as coñecemos por innumerables experimentos científicos. Por moito que queiramos acreditar, a ESP é demasiado extraordinária como para aceptala sen probas igual de extraordinárias. E as probas que temos son tan só anecdóticas, non moi extraordinárias se consideramos o cadro xeral.

Para unha persoa normal, un soño ou un sentimento que se faga realidade, cos detalles precisos, é algo demasiado abraiante como para ser unha simples coincidéncia. Pero se o miras dende o punto de vista dun estatístico, non é tan incrible. Hai máis de seis mil millóns de persoas na Terra, todas elas constantemente pensando e experimentando cousas todos os días.

Estatísticamente, nalgún día particular, algunha das cousas que unha persoa pode soñar ou imaxinar poden chegar a se facer realidade. En todo o tempo que hás pasar na Terra, isto sen dúbida que te acontecerá en máis dunha ocasión. Engade isto ao desexo de que exista un Alén, e non é de extrañar que unha grande parte da povoación mundial acredite nos fenómenos “psi”. As posibilidades de acerto medran máis cando consideramos a habilidade da xente para facer acertos razoados e educados.

Por exemplo, a aparente predicción de Morgan Robertson do desastre do Titanic semella menos incrible cando temos en conta que era un antigo mariñeiro que sabía moitísimo sobre moderna tecnoloxía de buques. O seu libro acertaba correctamente detalles do barco real e do desastre porque tiña bós coñecementos de como funciona un barco, como é construido, que clase de problemas pode ter e que acontecería se os tiver. Igualmente, pode semellar que algunha xente ten poderes psíquicos cando só teñen unha grande intuición.

Os nosos cinco sentidos están recollendo información constantemente e o cerebro está a procesala mesmo a un nivel subconsciente. Algunha xente é particularmente boa analisando información que semella irrelevante e unir as pezas para facer acertos moi elevados. Por exemplo, moita xente sabe cando lle están a mentir porque inconscentemente recoñece subtís variacións na expresión facial e no tono da voz.

Moitos crentes da ESP contraatacan estos argumentos coa afirmación de que as visións psíquicas non son pensamentos normais, senón revelacións extrañas que son doadamente distinguibles do pensamento normaal dunha persoa. Se só consideras estas visións especiais, din, a explicación da coincidéncia non se mantén. A teoría dos acertos intelixentes pode explicar moitas revelacións aparentes, pero non todas. En calquera caso, está claro que a natureza humana leva á xente a enfocar só unhas pocas veces nas que hai concidéncias extraordinárias coma proba dalgo sobrenatural, mentres que ignoran completamente os milleiros de soños e visións que non encaixan con ningunha cousa real.

Fóra de contexto, os acertos individuais son moi impresionantes, especialmente se comezamos a relembrar mal os pensamentos para que se correspondan millor coa realidade. Se isto conta ou non para os créntes da ESP, ben, seica conta bastante.

Refutando as probas

Non é moi difícil refutar as probas anecdóticas da ESP, pero os dados científicos son un pouco más complicados. O punto de vista común dos escépticos é que os resultados positivos dos parapsicólogos nos laboratórios son resultado de problemas co experimento ou simples mala ciéncia. Se o modelo matemático do investigador é fallido, por exemplo, as oportunidades de acertar normais poden semellar excepcionais.

Ou os investigadores poden influir accidentalmente no suxeito para que escolla a carta correcta. Isto pode pasar se o experimento non está ben controlado. Nos primeiros experimentos de Rhine, por exemplo, el coñecía a carta correcta e normalmente tiña contacto visual coa persoa que adiviñaba. O suxeito podía acertar soamente lendo a linguaxe corporal de Rhine, o que convertería a ESP nunha simple intuición. Rhine máis tarde millorou os seus métodos, co que o nivel de acertos deminuiu ostensiblemente. O maior problema coa investigación da ESP é que non é reproducible.

Ou sexa, un científico pode obtér resultados que outro científico non pode se replica o experimento con distintos suxeitos. Os parapsicólogos din que é porque algunha xente non está tan “sintonizada” psíquicamente coma outra, así que distintos suxeitos obnterán distintos resultados, pero o estigma inda fica aí. Os resultados reproducibles son esenciais para o método científico convencional, así que moitos científicos descartan os datos non reproducibles, non importa o fiables que sexan as fontes. Nalgúns casos, os escépticos acusan que as probas de ESP son o producto de fraudes totais.

Houbo certamente experimentos onde os parapsicólogos manipularon os seus datos para apoiar as súas próprias teorías (pero isto acontece en moitas, ou se cadra en todas as disciplinas científicas), e mesmo un científico inocente pode pasar moito tempo rexeitando esas afirmacións. Acusar a un científico respeitado de frause é un asunto moi sério, así que os escépticos dubidan moito antes de dar ese paso. Os escépticos prefiren descobrir fraudes nas demostracións de ESP non-científicas, coma os espectáculos públicos. A meirande parte dos parapsicólogos non están de acordo coas demostracións para entretemento público, simplemente porque é doado de máis crear a ilusión de poderes psíquicos.

O método de fraude máis habitual é a leitura fría, na que o psíquico do escenário arroxa sobre o público suxeréncias xerais atá que algunha delas “acerta”. Por exemplo, o meigo pode dicir “Vexo un home moi preto de vosté, o seu nome comeza con X… Xosé, Xoán, Xaime…? É un tío, un avó, ou algún amigo…?” Obxectivamente, podemos ver que este truco é tan amplo que pode aplicar-se a case calquera persoa. Pero nese intre, no médio do show, os suxeitos normalmente concéntranse nos acertos e ignoran os erros. É o vello truco de nunca enganarse e acertar de cando en vez.

A derradeira verba

A meirande parte dos parpsicólogos recoñecen que o punto de vista dos escépticos é beneficioso para que o público comprenda os fenómenos ESP. Os escépticos máis salientables, coma o antigo mago James Randi, axudan a manter a discusión sobre a ESP lonxe das respostas emocionais e preto dunha análise lóxica desenmascarando aos falsos psíquicos e proporcionando explicacións razoables para os supostos fenómenos paranormais. Expoñendo as estatísticas de coincidéncias e mailos trucos do ofício dos meigos, os escépticos fan que a xente poda pensar críticamente sobre as súas crénzas e as cousas que asumen sen máis.

Randi é moi coñecido polo seu ofrecemento de doar un millón de dólares a calquera que poda probar a existéncia dun fenómeno paranormal nunha demostración supervisada. Atá agora, ninguén puido reclamar o prémio, o que demostra segundo Randi que non existe nada sobrenatural. Os moitos meigos, psíquicos e médiums que tentaron gañar o prémio aceptando o desafío foron doadamente batidos, o que certamente non deixa en bó lugar aos seguidores da ESP.

Polo de agora, e mentres non haxa unha demostración válida, está claro que acreditar na ESP require algo que non todo o mundo ten (afortunadamente): a fe en que todas esas cousas son certas. Os que non dispoñemos dese “don” teremos que seguir conformándonos con acreditar tan só no que existe de verdade e vivir desacougados as nosas tristes vidas.