A 36ª edición dos prémios Anuais Saturno foi organizada unha vez mais pola Académia de Cinema de Ciéncia-Ficción, Fantasía e Terror, unha organización privada fundada en 1972 por Donald A. Reed. E durante a pasada fin de semana entregáron-se os seus trofeios, que non por levar moitos anos consiguen sair mais aló da mediocridade e son un mero escaparate para lle dar prémios aos mais populares, que non aos millores.
Os prémios foron dominados pola obra mestra en 3D de James Cameron Avatar, que se levou dez estatuíñas. O filme estaba nominado coma millor película de ciéncia-ficción, millor actor, millor actriz (Sam Worthington e Zoe Saldana), mellor actor e actriz secundários (Stephen Lang e Sigourney Weaver), millores efectos especiais, millor música, millor deseñor de produción, millor guión e millor director(James Cameron) e levou todos e cada ún dos prémios aos que era candidato, cun total de dez e acadando novo récord.
Outros filmes gañadores foron Watchmen (Millor filme fantástico), Drag Me To Hell (Millor filme de terror), Monstros contra Áliens (Millor filme de debuxos animados), District 9 (Millor filme internacional) e Inglourious Basterds (Millor filme de acción/aventura/thriller).
A produtora de J.J. Abrams, a Bad Robot Productions, estivo pola súa banda ben representada nas honras dos prémios dos millores no eido da televisión. Así, Perdidos gañou o prémio á millor série e ao millor actor (Josh Holloway) e Fringe levou outros dous galardóns: millor actriz (Anna Torv) e millor actor convidado (Leonard Nimoy).
Entre os convidados especiais nesta gala estiveron este ano Guillermo Del Toro, Sam Raimi, Quentin Tarantino, Zack Snyder, Malcolm McDowell, David Hedison, Jon Landau (Avatar), Rod Lurie ou Deborah Snyder.