Os Pitufos toman forma

0
205

Os pitufosA Columbia Pictures e mais a Sony Pictures Animation veñen de se facer cos dereitos cinematográficos para a franquía dos populares debuxos animados dos Pitufos da Lafig Belgium. Jordan Kerner (Charlotte’s Web) producirá o filme, que combinará elementos de acción real e de animación. David Stem e David Weiss, que escribiron a segunda e máis a terceira entregas de Schrek, están en negociacións para se encargaren do guión.

Kerner xa se fixera cos dereitos para o cinema dos Pitufos en 2002 e estivo desenvolvendo un filme en 3D coa Paramount/Nickelodeon, que agora terán unha opción para cofinanzar as novas andanzas dos pequenos seres azuis e distribui-los internacionalmente.

Os Pitufos foron creados en 1958 polo debuxante belga Pierre Culliford, coñecido en todo o mundo polo alcume de Peyo. Os Pitufos (orixinalmente, “Les Schtroumpfs” en francés), creáron-se coma série de cómic, primeiro coma persoaxes secundários. Actualmente son unha franquía coñecida en todo mundo, utilizados en merchandising de toda caste e cunha série de debuxos animados producida pola Hanna Barbera e emitida dende 1981 a 1990.

Kerner dixo que a xénese do actual proxecto comezou durante unha conversa en vacacións co presidente e CEO da Sony Pictures Entertainment, Michael Lynton, un admirador dos Pitufos dende neno. Xunto co presidente da Lafig, Hendrik Coysman, e Veronique Culliford, a filla de Peyo, leva vários anos traballando neste proxecto.