Avatar non terá sexo

0
164

Non faltarán os que digan que se hai unha película da que non queren nin unha soa ración mais, esa é Avatar, pero tal e coma estaba previsto polo seu director James Cameron dende había moitos meses, este verán teremos garantida unha reestrea do meirande éxito da cinematografía de todos os tempos. A Edición Especial de Avatar chegará ás salas de cinema o vindeiro 27 de agosto, segundo se ven de facer oficial.

O filme, que a estas alturas leva xa 2.700 millóns de dólares de recadación, terá un novo lanzamento exclusivamente en Digital 3D e en IMAX 3D con 8 minutos de novas escenas que engadir aos 162 dos que consta a versión orixinal. A nova metraxe incluirá novas escenas de acción e novas creaturas, segundo unha declaración oficial de Cameron.

Pero o que aconteceu coas prometidas esceas de sexo Na’vi que foran un dos principais reclamos para que os afeccionados regresasen ao cinema? Na primeira película hai unha escena na que Neytiri (Zoe Saldana) e Jake Sully (Sam Worthington) manteñen sexo ao estilo Na´vi. Segundo a versión orixinal do guión a escena incluía dous corpos totalmente espidos e detalles coma “anticipación tremente”, “camas de brión”, “gaviñas entrelazadas” e “suaves ondulacións”. Pois ben, non haberá ren disto nas novas escenas. Ou agardamos á versión en DVD ou ficamos definitivamente sen sexo extra-terrestre. Unha mágoa?