Darth Vader non estará na convención de Star Wars

0
196

David Prowse, o actor que interpretou a Darth Vader na triloxía orixinal d’A Guerra das Galáxias, ven de facer público a través de seu blog que a súa preséncia foi prohibida na vindeira Lucas Film Star Wars Celebration V (C5) en Orlando (Florida, Estados Unidos), unha convención de fans adicada aos filmes de George Lucas.

Debo comunicar con mágoa que fun informado polos meus amigos na C2 Ventures, Ben e Phillip, que non estou convidado á C5 deste ano ou a calquera outro evento relacionado coa Lucas Film. Após de preguntar, o único que me dixeron é que queimei demasiadas pontes entre Lucas Film e eu mesmo, non me deron ningunha outra explicación… Tamén fun advertido polo promotor da Paris Manga en setembro que a LFL (Lucas Film Limited) pediu-lles que non haxa sesión fotográfica co Escadrón 501, ainda que eu son o comandante en xefe do 501“.

Segundo todas as fontes consultadas, este castigo chéga-lle despois de que o ano pasado Prowse se queixase en público de non ter recebido nin un só cheque mais da Lucas Film porque segundo os estudos, os filmes non produciron benefícios (esta é unha táctica habitual dos estudos de Hollywood, declarar que non tiveron benefícios para así non pagar impostos).

Prowse conta na actualidade con 76 anos e padece graves problemas de artrite, que o obrigaron a pasar polo quirófano en dúas ocasións, para lle sustituir a súa cadeira e xeonllo orixinais por implantes. Ten os brazos paralizados e a súa única fonte de ingresos na actualidade é a de ter participado hai 20 anos na franquía cinematográfica mais exitosa da história.