De Lovecraft a J.J. Benítez

2441

Segundo denunciou nun comunicado asinado por máis de trescentos persoeiros a Sociedade para o Avance do Pensamento Crítico, a televisión oficial española, a RTVE, emitiu durante os anos 2005 e 2006 unha série chamada Planeta Encantado. Este produto, cuxo custe estíma-se nuns oito millóns de euros, intentou presentar coma hipóteses válidas ou coma realidade o que dende un punto de vista histórico e científico son únicamente lendas, cando non burdas falsidades. Os temas tratados nos programas emitidos centráron-se en “mistérios” que segundo o comunicado, “o son soamente na mente do creador deste cúmulo de despropósitos ao que se pretendeu dar a pátina de divulgación científica“. Nos distintos espazos, o director ilustraba as súas peregrinas teorías verbo dunha humanidade que conviviu cos dinosáuros cando hai unha diferéncia temporal de sesenta e cinco millóns de anos entre os “lagartos terribles” e as persoas; do “enigma” dos moais da Illa de Páscoa cando as investigacións arqueolóxicas demostraron que a talla e transporte destes moimentos tivo pouco de estrano e moito de actividade humana. Son só dous exemplos sobre moitos posibles, que moverían – e moven – á risa se non fora porque foron pagados do peto de todos os cidadáns.

A devandita série só pode ser calificada coma pertencente ao xénero fantástico, e polo tanto, de entretimento, e está dirixida e apresentada por un escritor de ciéncia-ficción chamado Juan José Benítez, autor de 33 libros, algúns deles vendidos a razón de tres millóns de cópias, récord mundial dentro do subxénero da “investigación paranormal” e envexa de todas as vacas sagradas dos mistérios sen revolver. O problema é que Benítez conta histórias de ciéncia-ficción tentando facer crer á xente que son verdade, enganando así aos seus espectadores, e por riba gañando cartos con iso grazas á venda de vídeos, libros, DVD e demáis parafernália. A súa principal teoría é que a civilización humana procede de deuses extra-terrestres (chamados “antigos astronautas”), entre os que inclúe non só a case todos os ovnis xamáis vistos, senón ao mesmo Xesús Cristo.

Pero o noso tema desta volta non é só a denúncia, senón a constatación dun feito até agora descoñecido para moita xente: o concepto de extra-terrestres disfrazándo-se de deuses non é novo, e xa existiu dun ou doutro xeito ao longo do século XX e agora do XXI. Como só ún mais na manchea de mitos modernos capaces de xerar unha xigantesca cantidade de cartos nas maos dos seus propoñentes (ún dos outros mitos deste tipo serían os ovnis), esta lenda medrou exponencialmente para abarcar un amplo rango de crénzas pseudo-científicas e fantásticas. O malo é que estes intentos de explicar o pasado en termos futuristas teñen consecuéncias negativas na vida moderna.

OS PRECURSORES DO MITO

O século XIX estivo cheo de contos fantásticos de novelas científicas, coma sinalou H.G. Wells. O mundo estaba en plea revolución industrial e os importantes avances en tecnoloxía que a acompañaron. Para os que viviron aqueles tempos, semellaba que un mundo de ilimitados avances científicos se abría perante eles.

Grazas ás leis da Evolución de Charles Darwin, o materialismo científico converteu-se de facto e extraoficialmente na relixión da “intelligentsia”, a xente máis culta e preparada, polo que as relixións organizadas convertéron-se en simples métodos de observar e comprender o mundo antigos e pasados de moda. Así pois, os arquetipos das relixións precisaban dun nova saída para se actualizaren. Este cámbio no pensamento relixioso sería un compoñenete clave na teoría dos antigos astronautas.

Foi nesta época cando xurdiron os primeiros relatos fictícios de extra-terrestres en obras coma a de Wells A Guerra dos Mundos. Pola mesma época, a mala interpretación de Percival Lowell das canles italianas e as malas imaxes telescópicas das inexistentes canles de Marte convenceran ao mundo de que a civilización marciana non era unha ficción senón unha realidade científica. Daquela, o misterioso obxecto voador coñecido coma O Grande Mistério da Nave Voadora fixo acreditar a moitos de que os marcianos tiñan naves capaces de invadir a Terra. Esta boa vontade de crér convertiría aos antigos astronautas en algo máis ca unha simples teoría un século despóis.

Contra a década de 1920, os áliens comezaron a se introducir na cultura dominante por mor da súa aparición no novo médio de comunicación: o cinema. Unha adaptación da obra de Jules Verne Da Terra á Lúa converteu-se nunha das primeiras películas con extra-terrestres. Moitos espectadores inxénuos acreditaron que os aliens eran reais porque non podían comprender o concepto que había atrás dun cámbio tan radical no mundo do entretemento coma era o cinema. Esta credibilidade inherente ás masas tamén xogaría o seu papel no mito dos antigos astronautas.

A ORIXE DO MITO

A finais dos anos 20 un escuro escritor de Providence, Rhode Island, chamado Howard Phillips Lovecraft comezou a publicar en revistas afeccionadas (o que hoxe chamamos “fanzines”) unha série de narracións ás que a história da Literatura lembra coma Os Mitos de Cthulhu. Estes contos céntran-se nun grupo de entidades transdimensionais e extra-terrestres que servían coma deuses aos homes da antigüidade. Lovecraft escribiu que Cthulhu e os “Antigos”, coma ás veces chamaba aos deuses alieníxenas, viñan das estrelas. Algúns vivían nun planeta chamado Yuggoth, que Lovecraft identificou co planetoide recén descoberto (en 1931) Plutón.

No seu conto A Chamada de Cthulhu, Lovecraft apresentou as bases da súa presunción mitolóxica. Dicía que hai moitos milleiros de anos, os Antigos chegaron dende outros planetas a vivir á Terra. Cando “as estrelas eran desfavorábeis” non puideron vivir, así que desapareceron baixo os oceanos ou regresaron aos seus mundos, onde utilizan poderes telepáticos para se comunicaren cos homes. E o máis importante nos mitos de Lovecraft: os Antigos formaron un culto e unha relixión na que os áliens eran adorados coma deuses. Nos seus contos, os Antigos son unha mistura entre auténticos extra-terrestres e auténticos deuses, segundo requira o argumento. Na súa novela Nas montañas da Loucura, escribiu que unha das espécies dos Antigos creou aos homes para serviren-lles, establecendo as primeiras civilizacións humanas: a Atlántida, Lemúria e Mu.

Lovecraft utilizou as mitoloxías suméria, exípcia e grega coma base para os seus monstrosos semideuses. Dixo que o seu deus-mensaxeiro Nyarlathotep era membro do panteón dos deuses exípcios. Identificou ao deus-peixe fenício Dagon (o antigo Oannes) co mesmo Grande Cthulhu, e así foi a primeira persoa que vencellou aos extra-terrestres coas grandes relixións. Pero Lovecraft nunca dixo que as súas histórias foran outra cousa ca ficción. Mesmo bulrou-se sarcásticamente daqueles que poideran chegar a coidar o contrário.

No seu estremo oposto, outro escritor de ciéncia ficción, un tal L. Ron Hubbard, comezou a se interesar no tema dos áliens coma protagonistas nunha batalla cósmica. Hubbard coqueteou brevemente co satanismo baixo a guía do xa daquela anciano bruxo Aleister Crowley, pero decediu forxar unha crénza relixiosa de seu. A mediados de século xa tiña éxito ao fundar a Igrexa da Ciencioloxía, construida baixo a premisa de que os áliens tiveron unha batalla cósmica hai millóns de anos e os perdedores chegaron á Terra onde modificaron xenéticamente ao Homo erectus para que levase os seus xens. Hubbard léra a Lovecraft e coñecía ben o traballo dos seus escritores rivais. De feito, dado que Hubbard adoitaba roubar ou “apropriar-se” de ideias doutros coma se fosen del (iso revela Russell Miller no seu estupendo website Bare-Faced Messiah), esta identificación cos mitos de Cthulhu non está fóra de cuestión. Por outra banda, Hubbard fíxose amigo íntimo do infame L. Sprague De Camp, ún dos xoves autores protexidos de Lovecraft (inda que logo traizoaría totalmente a súa memória), e os dous homes pasaban decote as noites compartindo histórias. Sen dúbida, algunhas delas debían provir do mentor de De Camp, Lovecraft. En calquera caso, tanto Lovecraft coma Hubbard crearon relixións baseadas nos extra-terrestres. O que pasa é que só Hubbard reivindicou a súa como real.

Ao mesmo tempo, o moderno mito dos ovnis desenvolvíase cos intentos de Hollywood para facer filmes de ciéncia ficción con extra-terrestres. As lendas máis famosas son o suposto accidente dun ovni en Roswell, New Mexico en 1947 e o secuestro de Betty e Barney Hill por áliens nos anos 60. O governo explicou que o acontecemento de Roswell foi un globo atmosférico que estoupara, pero esa resposta tan prosaica non satisfaceu aos créntes, quen rotundamente insitiron que as lendas locais sobre corpos de aliens mortos eran certas. Cando a história da abducción dos Hill se puxo en cuestión pola súa semellanza coa película Invasores de Marte e un episódio de Os límites da Realidade que puxeran na tele só uns días antes, os créntes pasaron por alto o peso da proba e apareceron espontáneamente unha série de novas abduccións. Co público desconfiando das explicacións oficiais e preparándose para aceptar a realidade dos extra-terrestres, o éxito das hipóteses dos antigos astronautas estaba garantido mesmo antes de que se escribira.

OS CARROS DOS DEUSES

Nos anos 50 o seudocientífico ruso Immanuel Velikovsky propuxo a súa teoría do catastrofismo periódico nunha série de libros, o máis famoso dos cales foi Cando chocan os Mundos. Postulou que o cinto de asteroides proviña dun antigo planeta que estoupara, e que Venus era un cometa ou asteroide que pasou rozando a Terra causando inundacións. Dixo que os antigos mitos de lumes no ceo referíanse ao paso de Venus. Para facer esta afirmación, os mitos precisaban facerse realidade cunha ollada tecnolóxica. No seu anceio por rebater ao uniformitarianismo, Velikovsky proporcionou o vencello final entre os extra-terrestres e o home antigo. Por primeira vez as antigas histórias dos deuses e os monstros facíanse História real e literal.

No outro extremo do mundo o profesor Charles Hapgood estaba ocupado compilando o seu Camiño do Polo (orixinalmente publicado en 1958 co título Earth’s Shifting Crust) e Mapas dos Antigos Reinos Mariños (1966), no que argumentaba que os mapas antigos amosaban claramente a influéncia dunha civilización anterior á Idade do Xeo e que era capaz de facer mapas do mundo. No primeiro libro Hapgood dicía que a códia terrestre deslízase nunha peza, coma unha casca de laranxa que estea solta, destroindo a civilización cada 20.000 anos ou así. Este pensamento deriva do movemento do catastrofismo dos 50 de Velikovsky. No segundo libro, Hapgood reconstruíu enigmáticos mapas para probar que os antigos tiñan un detallado coñecemento da xeografía. As súas reconstruccións foron predicadas baixo a asunción de que os mapas fonte orixinais que trazaron os antigos eran perfectos e seguían proxeccións modernas. Consecuentemente, non tivo máis remédio que concluir que os mapas eran perfectos, para que a súa ideia tivese razón de ser. A súa obra tivo moita influéncia sobre o pai da teoría dos antigos astronautas, Erich von Däniken.

En 1968 von Däniken publicou a súa grande obra, Carros dos Deuses? na que postulaba que as antigas obras dos homes, dende as pirámides de Exipto atá as enigmáticas liñas de Nazca, eran o traballo de extra-terrestres que baixaron á Terra e lle deron unha civilización á Humanidade. O libro vendeu de contado millóns de cópias, xerando millóns de leais seguidores e unha adaptación ao cinema narrada por Rod Serling, In Search of Ancient Astronauts (“Na procura dos antigos astronautas”).

Non hai probas directas de que von Däniken lera a Lovecraft ou fose ún dos seguidores de Hubbard, pero é dubidoso que un xove consumido polo xénero fantástico poidera iñorar os mitos de Lovecraft, alomenos de segunda man. Polos anos 60, Cthulhu e mailos seus secuaces penetraran, inda que tanxencialmente, en centos de histórias e novelas de terror e fantásticas, porque Lovecraft, que morreu en 1936, animara aos seus fans a usar as súas creaturas fictícias nos contos de seu, para así darlle un áire de verosimilitude aos seus contos e que dese xeito resultasen máis terroríficos. Durante os anos 60 moita xente ía na procura dos deuses de Lovecraft, coidando que eran reais. Mesmo inda que von Däniken nunca lera A Chamada de Cthulhu, a ideia estaba no aire daquela.

Von Däniken admitiu libremente a débeda que tiña con Hapgood e Velikovsky. Os seus libros están cheios de referéncias aos seus traballos, e Von Däniken tivo moitísimo tempo para ler a Velikovsky e Hapgood porque estivo no cárcere. Claro que este pequeno detalle é pasado por alto polos seus admiradores: Von Däniken dixo que escribiu Carros dos Deuses mentres traballaba de botóns nun hotel aos 19 anos (nunca rematou a escola). Iso sinificaría que o seu libro foi escrito en 1954, pero o libro foi publicado en 1968, o mesmo ano no que rematou o seu xuízo. Mália que no libro apunta a que foi encarcerado polos que se opoñían ás súas radicais teorías, os arquivos da Xustiza de Suíza desminten esa afirmación tan romántica, e tan só din que foi á cadea por desfalco, xa que gastou 40.000 francos suizos que eran do hotel nunha viaxe ao redor do mundo. Logo diría que esta viaxe foi para facer unha investigación para o seu libro. A verdade é que o único xeito de poder situar temporalmente o seu libro antes dos de Hapgood sería asumindo que a súa viaxe polo mundo conta como escribir un libro. E dado que Hapgood e Velikovsky son citados en Carros dos Deuses?, iso é obviamente imposíbel.

Von Däniken afirmaba que o seu libro cambiaría o mundo: “Mesmo se un exército reaccionário tentara detér esta nova marea intelectual, conquistaríase un novo mundo por todos os insubornables no nome da verdade e da realidade“. Desgraciadamente, moito dese libro e das súas secuelas Deuses do espácio exterior (1970) e Ouro dos Deuses (1972) é mentira, desinformación ou fraude descarado. A mediados dos anos 90, von Däniken admitiu que algo do material do libro orixinal foi inventado, pero engadiu que o fraude era necesário para vender “a verdade” aos incrédulos. Atá hoxe, os crédulos mercaron millóns de cópias dos seus 25 libros, e moi poucos cuestionan a validez dos seus argumentos.

As moitas fallas e defectos de Carros dos Deuses e das súas secuelas non detiveron á comunidade ovni e paranormal, anceiosas á procura de credibilidade, de adoptar o punto de vista de von Däniken coma versión extraoficial da História por médio da cal poderían interpretar os modernos acontecementos. Contra o ano 1976, as teorías de von Däniken avanzaban en dúas direccións, que conducirían finalmente aos mundos da história alternativa e mesmo á clonación humana. Ese ano Robert Temple publicou O Mistério de Sírio e Zecharia Sitchin publicou O Doudécimo planeta, sendo cada ún deles unha pedra angular no mundo paranormal.

O MISTÉRIO DE SÍRIO

Filip Coppensno seu sítio Web que a obra de Temple O Mistério de Sírio é a máis importante das dúas de 1976, porque o libro de Temple ten o estatus dun traballo semi-científico. Nel, Temple di que a tribo Dogon do África occidental acadou os seus coñecementos esotéricos sobre a natureza da estrela dobre de Sirius por contacto co Antigo Exipto. Continuou afirmando que Exipto recebiu a súa sabedoría da estrela binária de Sirius por médio de áliens anfíbios provintes desa estrela que chegaron á Terra e fundaron a civilización disfrazados do deus sumério Oannes, coñecido na Bíblia coma Dagon, ao que xa vimos antes que Lovecraft identifica co seu deus Cthulhu.

Temple engadiu a ciéncia imperante daquela e relacionou os seus descobrementos coa tese científica Hamlet’s Mill, de Georgio de Santillana e Hertha von Deshund. Aquel libro fai a afirmación de que os antigos tiñan un coñecemento moi sofisticado da astronomía, que codificaron dentro dos seus mitos e relixións. Temple deu un paso adiante e atribuiu ese coñecemento aos deuses anfíbios de Sirio.

No seu por outra banda rocambolesco e pouco fiábel libro The Stargate Conspiracy, Lynn Pickett e Clive Prince descobriron que Temple recebira unha forte influéncia de Arthur Young, o seu mentor. Young era un crénte de “Os Nove”, un grupo de médiums e videntes dos anos 50 que dicían que representaban aos nove deuses creadores do antigo Exipto. Sinificativamente, eses Nove dicían (a través de mediums) que eran extra-terrestres do sistema estelar Sirius. Young asistiu en 1952 ao primeiro contacto cos Nove, iniciado por Andrija Puharich, un tipo que se fixo famoso por ser o home que trouxo ao dobrador de culleres Uri Gellar a América nos anos 70. Os Nove semellaban fortemente influidos polo satanismo misturado con exiptoloxía case-mística de Aleister Crowley, quen á súa vez influira á Ciencioloxía de Hubbard. Os Nove engadiron ao pastel os ovnis, moi de moda após do incidente de Roswell.

Pickett e Prince conclúen que o Mistério de Sirius de Temple representaba o intento dun xove por agradar ao seu mentor, e descobriron que o coñecemento esotérico de Sirius dos Dogon fora proporcionado polos antropólogos que estudiaran á tribo Marcel Griaule e Germaine Dieterlen. O antropólogo Walter van Beek dixo aos Dogon en 1991: “Todos están de acordo (…) que souberon da estrela por médio de Griaule“.

Inda así, Temple proporcionou unha boa adquisición á crecente mitoloxía sobre antepasados cósmicos. En O Mistério de Sírio Temple identifica cidades gregas e exípcias concretas con estrelas do ceo, e fai a extraordinária afirmación de que certos centros oraculares gregos e exípcios, coma o Oráculo de Delfos, formaban unha grande imaxe da constelación de Argos. Por primeira vez, as estrelas tiñan unha imaxe na Terra.

Esta nova interpretación das construcións antigas foi advertida de contado por un antigo viaxante e arqueólogo afeccionado chamado Robert Bauval, quen tentaba aplicar os mapas das estrelas de Temple ás antigas construccións exípcias. Bauval decatouse dunha semellanza entre o trazado das tres pirámides de Gizah e os tres cintos de estrelas da constelaciónde Orión. Cando usou os textos das pirámides para identificar unha coa outra, decatouse dalgo importante. Asociou-se con Adrian Gilbert para escribir The Orion Mystery (1994). Gilbert era famoso polo seu libro The Mayan Prophecies, onde usaba o derradeiro día do calendário máia, o 23 de nadal de 2012, coma día do xuizo final nunha predicción dun desastre cósmico.

A teoría de Bauval tiña unha elegáncia sinxela da que carecían os intentos anteriores por reescribir a história. O aliñamento pirámides-estrelas semellaba lóxico e convincente. Daquela, Bauval deu outro paso e dixo (porque así o dicía Hamlet’s Mill) que os exípcios entendían o movemento das estrelas no tempo, a predicción dos equinóccios e os ciclos das estrelas polo ceo cada 25.800 anos. Así pois, as pirámides deben estar aliñadas coas estrelas. Bauval dixo que as pirámides encaixaban coa posición das estrelas xusto no ano 10.500 antes de Cristo. Polo tanto, a civilización debe ter esa idade.

Ao mesmo tempo o escritor e xornalista inglés Graham Hancock chegara a Exipto para explorar o traballo do guía turístico John Anthony West e do xeólogo disidente Robert Schoch, quen dicían que a Grande Esfinxe tiña 10.500 anos de antigüidade, dando como proba a súa destrucción polo auga. Hancock interesárase nos mistérios antigos após de andar á procura do Arca da Alianza e do consecuente éxito do libro que escribiu sobre o tema, The Sign and the Seal. Procurou novos mistérios para os seus leitores, así que as marabillas de Exipto eran un bó lugar para escomezar. Hancock atopou a Bauval e os dous fixéronse grandes amigos de contado. Hancock publicou o seu grande tomo de história antiga Fingerprints of the Gods (1995) e escribiu unha secuela, Mystery of the Sphinx (1997) con Bauval.

Neses libros Hancock expoñía a súa teoría, inspirada por Temple e von Däniken, de que as marabillas da antigüidade, coma os megalitos de Tihuanaco e as pirámides de Exipto eran a obra dunha civilización perdida que desapareceu coa Idade do Xeo. Hancock utilizaba moitas das probas de von Däniken, pero prescindía dos extra-terrestres, agochando a súa lóxica na mitografía de Hamlet’s Mill. Hancock dicía que os “subtís cámbios nas estrelas” eran a forza conductora tras os antigos mitos. Xusto coma facía Lovecraft cando falaba de que “as estrelas eran desfavorábeis” e que daquela os Antigos non podían sobrevivir, Hancock insinuaba que o ciclo das estrelas traería o comezo e o fin das civilizacións!

Coma os enganos dos séculos XIX e XX de Lemúria e Mu, que Lovecraft tomou prestados para inventar a súa civilización antiga, Hancock viu o antigo mundo perdido coma cheo de alta tecnoloxía e cultura. Daquela el e Robert Bauval escribiron The Mars Mystery (1998), no que seu punto de vista mudara. Os autores dicían agora que a civilización perdida poido ser destruida por un asteroide durante unha choiva de meteoritos que tamén destroiu a civilización marciana. Con isto querían dicir que Marte e a Terra tiveran contacto por mor da “Faciana de Marte”. Especulaban que se cadra os marcianos deran a civilización á Terra, seguindo o traballo de Richard Hoagland, un seguidor de von Däniken.

Hoxendía Hancock segue a ser o rei da História alternativa, e as súas teorías inflúen á ciéncia. Mesmo algúns estudosos comezaron a acreditar que as pirámides representan a Orión, e moitos exiptólogos comezaron a examinar o papel das estrelas e dos aliñamentos das estrelas na história antiga. Inda que isto non é só o resultado dos libros de Hancock, o poder do seu mercado forzou á ciéncia a reaccionar e a incorporar algunhas das súas supostas probas na cultura aceptada maioritáriamente.

Atá o día de hoxe, moitos moimentos foron relacionados con constelacións e imaxes de estrelas. Así, os templos de Ankgor Wat (Draco), o campo das pirámides chinesas (Gemini) e a catedral de Notre Dame en Franza (Virgo).

Ao cabo, o Cthulhu de Lovecraft puido abrir-se camiño dentro da ciéncia e adoptar a forma de coñecemento humano. Pero a outra face deste cadro é moito máis escuro e perturbador. A história dá comezo con outro libro do ano 1976.

O DUODÉCIMO PLANETA

Zecharia Sitchin irrumpiu na escena nunha das vagas de furor de von Däniken. Sitchin acreditaba firmemente na hipótese da intervención extra-terrestre na história antiga e percuraba como aplicar o seu coñecemento da escritura xeroglífica e cuneiforme dos sumérios para que lles servisen como proba das súas teorías. Interpretando á lixeira os mitos antigos e combinándo-os coas “probas” de von Däniken, Sitchin puido crear un conto de antigos astronautas que sairon do planeta agocho de Niburu ou Marduk (chamado “o duodécimo planeta”, sendo os outros os nove que coñecemos mais o sol e a lúa) e que chegaban á Terra onde excavaron ouro que precisaban para salvar o seu planeta, algo case exacto aos contos de Yuggoth de Lovecraft. O planeta, por suposto, entrou no sistema solar e por médio dunha extraña física creou a Terra após de destroir outro planeta que había no lugar do cinto de asteroides. Todo isto aconteceu hai uns 450.000 anos, segundo Sitchin. Sitchin chama Marduk ao líder dos áliens, usando o nome do deus babilónio; e engadiu que os axudantes de Marduk eran os Annunaki, os 50 deuses sen rosto de Suméria cuxo templo equivalía á órbita de 50 anos das estrelas de Sirius unha ao redor da outra.

Sitchin engadiu á súa teoría unhas pingas de von Däniken e Velikovsky, dándo-lle ao seu mito unha fasquía única. Se os extra-terrestres déron-lle a civilizaciñón aos homes, por que non puideron tamén de paso crear ao ser humano á súa própria imaxe? Sitchin afirmou que as fontes sumérias indicaban “claramente” que a expedición á Terra requería que os Annunaki maquinaran xenéticamente á raza humana e a clonaran a unha grande escala para proporcionar unha forza de traballo escrava para as súas operacións de procura de ouro, xusto o mesmo que dixo Lovecraft que acontecera cos Antigos na súa novela Nas Montañas da Loucura. Pero Sitchin continuou e dixo que o home e mais os deuses rifaran durante milleiros de anos forxando o destiño da humanidade. Dixo coñecer a identidade de Yahveh, o deus hebreo, pero pediu á xente que mercase o seu seguinte libro, onde faría a grande revelación.

Sitchin procurou credibilidade afastándo-se do florecente movemento ovni. Dixo que había claras diferéncias entre os encontros antigos e os modernos cos ovnis. Insinuou que os áliens modernos son unha espécie diferente das antigas. Para el, os antigos astronautas abandoaron a Terra e deixaron pegadas en Marte, o lugar que utilizaban como punto de paso para chegar ao seu “Duodécimo Planeta”.

Na páxina 163 de O Duodécimo planeta, Sitchin presenta unha imaxe debuxada a man, sen cita-la, dun suposto cilindro sumério con alas coroado por un paxaro, do que pregunta: “Que ou quen era o águia que levou a Etana aos distantes ceos? Non podemos evitar asociar o texto antigo coa mensaxe que saiu cara á Terra en xullo de 1969 de Neil Armstrong, comandante da nave Apolo 11: Houston! Aquí Base da Tranquilidade. O Águia ven de aterrar“. Como apunta Paul Hafernik, este argumento non ten sentido. Só serve para preguntar-se por que os escritores de astronautas da antigüidade están obsesionados polos foguetes. Despóis de todo, as civilizacións avanzadas deberían lóxicamente ter millores métodos de se moveren polo espazo que os foguetes impulsados por combustíbel. non embargante, cando eses libros se escribiron, os foguetes eran o máis avanzado e a imaxinación dos escritores non daba máis de si.

Até hoxe máis de 30 libros doutros escritores seguiron a mesma pegada do prolífico Sitchin. Pero os fans de Sitchin son un grupo leal. Cando ún dos escritores que apóian as teses de Sitchin non estivo dacordo coa teima dos foguetes, choveu lume e xofre sobre o seu tellado procedente da comunidade paranormal. Alan F. Alford escribiu Gods of the New Millennium (2000), un libro no que discrepaba coa afirmación de Sitchin de que as resurreccións na mitoloxía referían-se aos foguetes que transportaban aos áliens Annunaki de volta ao seu planeta. O 6 de abril de 2000, Alford, quen di de si mesmo que é “a voz do sentidiño”, escribiu no seu sítio web que a teoría de Sitchin era errónea: “Comecei a me decatar de que os antigos deuses exípcios non eran extra-terrestres de carne e óso en absoluto. Polo contrário, os deuses exípcios eran personificacións de poderes celestiais“. Os leitores protestaron a centos e Sitchin pediu a Alford que non volvese a criticar as súas teorías nunca máis. Lonxe de ser un debate entre escritores alternativos con mentalidades abertas, esta disidéncia supuxo unha volta á ortodóxia e un duro golpe aos “herexes”.

Pero Sitchin escribiu moitos libros máis, e a súa filosofía influiría a moitos autores posteriores. David Childress, por exemplo, escribiu un libro sobre antiga alta tecnoloxía (que incluía bombas atómicas) titulado moi axeitadamente Tecnoloxía dos Deuses (2000). non embargante, o impacto máis importante de Sitchin foi no reino da relixión.

Sir Laurence Gardner é o historiador oficial da Casa dos Estuardo (os reis de Inglaterra) e trazou a liña dos Estuardo atrás no tempo até os supostos fillos de Cristo no seu libro best-seller Bloodline of the Holy Grail (1996), no que incidentalmente identifica as catedrais de Notre Dame coa constelación de Virgo. No seu novo libro Genesis of the Grail Kings (2000), Gardner argumenta que a liña dos Estuardo, dende Cristo, ten as súas verdadeiras orixes na liña de David, rei de Israel. David, á súa vez, descendeu dunha liña de reis sumérios cuxa relixión politeísta foi transformada no xudaísmo. Gardner coida que a liña de David recebiu o seu dereito divino a governar por descender dos Annunaki, adoptando a identificación de Sitchen cos áliens.

Nunha escura nota, tanto o libro O Mistério de Sírio de Temple coma O Duodécimo Planeta de Sitchen foron adoptadas polos cultos dos ovnis para procurar un transfondo mítico e histórico para a súa fe da New Age segundo a cal os benefactores áliens rescatarían aos elixidos da Terra nunha nave espacial. En 1998 unha seita chamada Heaven’s Gate (As Portas do Ceo) cometeu un suicídio en masa mentres agardaban a chegada dunha nave espacial que viría atrás do cometa Hale-Bopp para levar as súas almas ao planeta Plutón, ao que Lovecraft chamaba Yuggoth, fogar dos Antigos.

Nunha liña semellante, Claude Vorhillon dixo que o 13 de nadal de 1973 contactou cun ovni conducido por Elohim (identificado cos Annunaki) e recebiu unha revelación sobre a humanidade. Nun descobremento demasiado semellante á ciencioloxía de Hubbard para ser coincidéncia, aprendeu que o home foi o producto maquinado xenéticamente dos experimentos áliens. Vorhillon logo mudou o seu nome a Raël e batizou a súa nova fe coma “a revolución raeliana”. A súa igrexa dí ter 55.000 membros en 84 países do mundo e dan conferéncias pagadas con cartos públicos en lugares coma a Universidade de Valéncia (España).

Raël di que o Elohim (Annunaki) explicoulle en 1973: “Somos os que creamos toda a vida na Terra, confundíchesnos con deuses; estamos na orixe das vosas principais relixións“.

Na superfície semella que esta fe é independente da de Sitchin porque foi fundada antes de que saíra á luz o libro O duodécimo planeta. Nonbergantes, unha leitura máis detallada da literatura raeliana amosa que o primeiro libro de Raël non foi publicado até 1976, o ano dos libros de Temple e Sitchin; e o culto despegou nos primeiros anos 80. Só daquela os raelianos comezaron a engadir a manipulación xenética ás súas doutriñas de fe. Consecuentemente, semellaría que a fe de Raël foi orixinalmente un culto tipo von Däniken/ovni que tomou partes da xenética e dos Annunaki (Elohim) após de que Sitchin e Temple fixeran os seus “descobrementos”. De Sitchin hai referéncias no website de Raël. Pero mesmo se Raël xa tiña as súas ideias fixadas no ano 1973, puido tomalas de pistas nas primeiras obras de von Däniken que Sitchin desenvolveu nas súas teorías. De feito, as crénzas de Raël descenden do movemento dos antigos astronautas dos anos 60 combinado co movemento ovni.

Inda que a Revolución Raeliana puidera semellar unha crénza inofensiva, hai un asunto moi sério de por médio. Dado que os raelianos acreditan que os extra-terrestres crearon ao home por manipulación xenética e clonación, coidan que é o seu deber relixioso clonar humanos. Os raelianos están tentando clonar un neno suizo de dez anos cuxa tráxica morte deixou destrozados aos seus pais. Un profesor do Hamilton College en Hamilton, New York, membro dos raelianos, dixo en marzo de 2001 que o proxecto de clonación estaba case rematado e que o clon sería implantado nun mes. Os expertos en Ética de contado ergueron obxeccións contra a clonación, citando a alta posibilidade de fallos como barreira moral. A profesora Brigitte Boisselier renunciou ao seu posto en Hamilton en abril de 2001 para se adicar en exclusiva á clonación, pero tivo que pechar o seu laboratório o 30 de xuño cando un xurado federal comezou a investiga-lo. Máis dun ano despóis, en nadal de 2002, Boisselier ofreceu unha rolda de prensa anunciando o nacemento do primeiro bebé clon humano, pero sen dar nin unha soa proba do que dicía.

CONCLUSIÓN

Vemos asemade como a obra de ficción de H.P. Lovecraft deu orixe a unha arqueoloxía alternativa, a antigos astronautas e a novas relixións. Tamén vimos que cada ún destes fenómenos produciu consecuéncias imprevistas que afectan á nosa vida de hoxe. Dende a Exiptoloxía até a clonación, o Grande Cthulhu inda axexa nas mentes humanas, inda que só despóis de se agochar e disfrazarse de Ciéncia. O que comezou como ficción converteu-se nas mentes de non poucos iñorantes en feitos incontrovertíbeis con consecuéncias que van alén dos horrores fictícios que creara Lovecraft.

BIBLIOGRAFÍA:

  • From Cthulhu to Cloning, de Jason Colavito
  • The Stargate Conspiracy: The Truth About Extraterrestrial Life and the Mysteries of Ancient Egypt, por Lynn Picknett e Clive Prince
  • The Sirius Mystery: New Scientific Evidence for Alien Contact 5,000 Years Ago, por Robert K.G. Temple
  • Fingerprints of the Gods, por Graham Hancock e Santha Faiia
  • Gods of the New Millennium : Scientific Proof of Flesh & Blood Gods, por Alan F. Alford
  • The Twelfth Planet : Book I of the Earth Chronicles, por Zecharia Sitchin