O Mormonismo en Resumo

2120

Quen son eses indivíduos de camisa branca, traxe e garavata que mesmo no verán aparecen por todas as partes detendo á xente na rúa e tentando convencernos de que nos unamos á súa seita, que o seu deus é o verdadeiro e que eles son testemuñas de deus? Nesta reportaxe imos tentar descobri-lo cunha aproximación moi de preto.

A orixe terrea

O mormonismo foi fundado por Joseph Smith, Jr., nado o 23 de decembro de 1805 en Sharon, estado de Vermont, na coste leste dos Estados Unidos. Foi o cuarto fillo de Joseph Smith e Lucy Mack. Joseph pai era coñecido como buscador de diñeiro e tesouros soterrados, en particular o do lendário capitán pirata Kidd. A sua nai era moi supersticiosa.

Na súa biografía, Joseph Smith, Jr. afirmou ter sido abordado por todas as diferentes denominacións do cristianismo e perguntaba-se cal de todas seria a verdadeira. En 1820, cando tiña 14 anos, adentrou-se nunha fraga a rezar a deus para lle prguntar cal das distintas relixións cristiáns era a verdadeira e naquel intre apareceron-se-lle Deus Pai e mais Xesús, e dixeron-lle que non se unise a ningunha das igrexas existentes. Tres anos mais tarde, o 21 de setembro de 1823, cando tiña 17 anos, apareceu-se-lle un anxo chamado Moroni, quen seica viña sendo fillo de Mormón, un líder da aldea chamada nefita, que habitara a antiga América.

Moroni dixo a Joseph que el era o elixido para traducir o Libro de Mormón que fora escrito e compilado por Moroni máis de mil anos antes. O libro estaba escrito sobre pranchas de ouro, e agocho preto de onde Joseph vivia daquela, en Palmyra, Estado de New York. Joseph dixo que o 22 de setembro de 1827 recebeu finalmente as pranchas e o anxo Moroni instruiu-lle para que comenzase a tradución.

Esta foi finalmente publicada en 1830 co título de O Libro de Mormón. Segundo Joseph, durante o proceso de tradución apareceu-se-lle Xohán o Bautista, o persoaxe bíblico que batizou a Xesús, e ordenou-lle realizar a obra divina de restaurar a verdadeira igrexa por meio da predicación do verdadeiro evanxeo.

O Libro de Mormón é esencialmente o relato dunhas tribos xudeas que chegaron a América desde o Oriente Médio. Cobre o período desde 600 a.C. até 400 d.C. (tamén conta a história dunha migración anterior, dos xareditas, povo da época da torre de Babel, que emigrou a Centroamérica pero pereceu a causa da súa própria inmoralidade). A trama principal trata dun grupo de hebreos que fuxiron da persecuzón antes da caída de Xerusalén e, guiados por Deus, chegaron a América baixo o liderazgo dun home chamado Nefi.

A história relatada

Segundo O Libro do Mormón, o povo sagrado dos mormóns é o dos xareditas, quen chegaron a América ao redor de 2247 a.C. após da destrucción da Torre de Babel, e alí construiron unha civilización. Os xareditas foron destruidos na batalla de Hill Cumorah (a cuíña de Cumorá), pero hai moito debate dentro da igrexa mormona verbo de onde está situada esta cuiña, nalgures entre o golfo de México e New York.

Aos xareditas seguiunos en 600 a.C. outros dous grupos de israelitas, chamados lamanitas e nefitas, quen supostamente foron os constructores dos túmulos índios do leste americano. Cando comezou a guerra entre os lamanitas e os nefitas, os lamanitas finalmente gañaron e borraron do mapa aos nefitas. Nombergantes, os lamanitas foron maldicidos por Deus polo seu comportamento pecaminoso e foron convertidos en índios de pel vermella.

Lóxicamente, e inda que os actuais mormóns contan esta história fantástica como se fose unha verdade histórica, non hai nin a menor proba de que canto din sexa certo. Non hai probas arqueolóxicas que apoien minimamente este conto, que máis ben semella un patético esforzo por xustificar a supremacía do home branco sobre os nativos americanos: os lamanitas (que serían os nativos americanos) non soamente non son os habitantes orixinais de América, xa que os primeiros foron os xareditas, senón que cometeron un terrible pecado por mor do cal levarán a marca do crime para sempre: a súa pel vermella. Non ser branco é o sinal do crime.

É exactamente o mesmo argumento que usaron os cristiáns brancos de Sudáfrica para xustificar o apartheid. A chegada destes xudeus mariñeiros (que percorreron supostamente todo o mar Mediterráneo e despóis o Atlántico coma se tal cousa 3.700 anos antes ca Colón) non se corresponde nin coa chegada dos primeiros humanos a América do Norde (datada ao redor de 13.000 anos antes de Cristo) nin co florecemento de ningunha civilización americana. Obviamente a verdade científica ocasiona un grave problema aos arqueólogos mormóns, que non poden detectar que ningunha civilización en Norteamérica teña a data correcta ou posúa as características atribuidas polo seu “libro santo” para encaixa-la dentro da súa fe.

O Libro do Mormón e a Arqueoloxía

As partes narrativas dentro d’O Libro do Mormón están adicadas ás supostas migracións dende a antiga Xudea a América. Supostamente aconteceron tres migracións: a primeira en 2247 a.C. dos xareditas, quen morreron en 600 a.C. na batalla de Hill Cumorah; a segunda e terceira migracións, dos nefitas e dos lamanitas, aconteceu após do ano 600 a.C. entre os tempos das victórias dos asírios e os babilónios sobre Israel e Xudá.

Os nefitas gardaron a Lei de Moisés, pero os lamanitas esqueceron as súas ancestrais crénzas, dando como resultado que “O Señor Deus provocou que unha negrura de pel caera sobre eles” (2 Nephi 5.21). De novo os nefitas foron eliminados en 421 d.C. nunha segunda batalla de Hill Cumorah. Se estas afirmacións tan disparatadas sobre a história de América que narra O Libro do Mormón fosen certas, poderíamos ter a esperanza de atopar algún resto arqueolóxico que as confirmase.

Segundo O Libro do Mormón, o povo xudeu transatlántico espallou-se de norde a sul e de mar a mar (Mormon 1.17), construindo cidades fortificadas e sinagogas (Helaman 3.8-9). Posuían metalúrxia (Jarom 1.8, 2 Nephi 5.15, Alma 43.18-19), trigo e cebada (Mosiah 9.9), acuñaban moedas (Helaman 3.7-12, Alma 11.5-20), domesticaron elefantes (!?), cabalos, vacas, ovellas, cabras e porcos (Ether 9.17-19), tiñan unha relixión organizada baseada ao redor dos templos e sinagogas (Jerom 1.8, Helaman 3.9), seda e liño (Alma 4.6, Ether 10.24), unha linguaxe escrita coñecida coma “exípcio reformado” (Helaman 3.15, Mormon 9.32) e unha tecnoloxía militar que incluía arcos e carros (3 Nephi 3:22).

Algúns membros da igrexa mormona apuntan a certos festivais estacionais índios e a outras xuntanzas dos nativos americanos como proba de que O Libro do Mormón é auténtico. A antiga vila de Kaminaljuyu (a actual Cidade de Guatemala) foi identificada con Nefi, unha vila mencionada n’O Libro do Mormón, mentres que unha cuíña no Estado de New York é identificada con Hill Cumorah (inda que hai algúns mormóns non ortodoxos que afirman que Hill Cumorah está en El Cerro Vigia, unha cuíña no sul de México).

A moderna ciéncia da xenética permitiu aos arqueólogos examinar os devanceiros dos actuais nativos americanos. Se foran descendentes dos lamanitas mencionados n´O Libro do Mormón, daquela atoparíamos fortes semellanzas entre o seu ADN e o dos actuais xudeus ou palestinos.

Pero o certo é que non hai ningunha semellanza. O ADN dos actuais índios americanos só se semella ao do actuais habitantes de Sibéria. E ainda as cousas póñense pior para os mormóns: non hai ósos nin sementes das espécies descritas polo Libro do Mormón en ningunha excavación realizada nos lugares precolombinos. Ademáis, inda que hai algunhas probas de que os índios usaron antigos martelos para achantar o cobre ou o ferro, non hai probas de que practicasen a metalúrxia antes da chegada dos europeos. Non hai restos de ningún templo xudeu; e ademáis, as sinagogas non existían no tempo histórico do que fala O Libro do Mormón (escrito evidentemente por un iñorante), pero de todas formas, ningunha sinagoga foi xamáis descoberta en América. A tecnoloxía para facer arcos e frechas non existiu en América até o ano 1000 d.C., uns 600 anos despóis da suposta segunda batalla de Hill Cumorah.

Os únicos sistemas de escritura usados en América algunha vez foron os dos máias e os aztecas, ningún dos cales semélla-se o máis mínimo ao dos exípcios, inda que Joseph Smith, o fundador da relixión mormona, escribiu algúns papiros con hieroglíficos e logo dixo que estaban escritos en exípcio reformado polo mesmísimo Abraham. Outro problema nunca explicado é por que os xudeus escribirían en exípcio, a língua dos seus odiados opresores, no canto de usar a súa própria língua! E inda que algúns afirman ter atopado milagrosas probas de que O Libro do Mormón non minte, coma a Pedra de Bat Creek, as planchas de Kinderhook, as pedras de Newark ou os Dez Mandamentos fenícios (tamén coñecidos coma a inscripción de Los Lunas), ningunha de todas estas probas puido pasar o máis mínimo exame e non son outra cousa ca falsificacións realizadas no decurso do século XIX.


O que hai atrás

Non son poucos os que consideran que ainda que se fagan chamar cristiáns, os mormóns teñen pouco ou nada que ver coa doutriña das distintas igrexas fundadas na honra do Xesús Cristo, e isto é polo que hai atrás do mosmonismo, a súa base relixiosa que ten pouco que ver co cristianismo e moito coa ciéncia-ficción. De feito, o mormonismo di que deus era antes un home normal e corrente que vivía noutro planeta e que chegou a ser un deus por ter seguido as leis e ordenanzas do seu próprio deus no seu planeta de orixe. No seu presente estado divino, deus governa o noso mundo.

El ten un corpo de carne e oso e, segundo o mormonismo, ten unha esposa, tamén divina. Xa que ambos os dous son persoas exaltadas, cada unha posue un corpo físico. No seu estado exaltado, divino, teñen relazóns sexuais das cales se enxendran espíritos fillos que medran e maturan no ámbito espiritual. O primeiro fillo nado foi Xesús, e logo viñeron o diaño e outras moitas criaturas espirituais.

Despóis de que estes fillos nacen da parella divina no ceu, baixan e entran nos corpos dos bebés que nacen na terra. A causa do “proceso de compresión” implicado ao se converetern en nenos, toda memória da súa preexisténcia desaparece. Segundo o mormonismo toda a xente primeiro naceu no ceo e logo na Terra, onde deben medrar, aprender e retornar a Deus. Deus o pai, que é chamado Elohim, precisaba un plano para a futura salvación da xente da terra. Xesús ofereceu un plano, e Lucifer outro.

Elohim foi un tipo que aceitou o plano de Xesús e rexeitou o plano de Lucifer. Este último volveu-se celoso e rebelou-se. Na sua rebelión, persuadiu a un terzo dos espíritos que existian no ceo para que o seguisen e opuxesen-se a Deus. Xa que Elohim era mais poderoso cós rebeldes, maldeciu-nos e fixo que estes espíritos se volvesen demos. Dos demáis espíritos, un terzo do total puxo-se do lado de Xesús. Xa que escolleron o mellor, teñen o priviléxio de naceren en famílias brancas. O terzo restante, que non tomou partido nen por Xesús nen por Satán, sofreu a maldición de naceren en famílias de pel escura, coma os negros, os índios ou os hispanos.

No plano mormón de salvación requeria-se un salvador, Xesús. Pero el era un espírito no ceo, así que para que puidese nacer na Terra, Brigham Young, o autoproclamado Segundo Profeta Mormón, dixo que no canto de permitir que nengun home o fixese por el, Deus o pai enxendrou-no de María. Young dixo que a xerazón do Salvador foi tan natural como a dos nosos pais. Isto eséncialmente sinifica que Deus o pai descendeu do ceo e tivo relazóns sexuais con María, un dos seus espíritos fillas, para producir o corpo de Xesús. Entón Xesús naceu, casou e tivo fillos. Morreu na cruz, pero en realidade pagou polos nosos pecados antes de ir á cruz, no xardin de Xetsemaní.

Os homes e mulleres mormóns teñen a posibilidade de chegaren a ser deuses. Un famoso dito mormón di: “O home é como Deus unha vez foi. Como Deus é agora, o home pode chegar a ser“. Para atinxir este estado exaltado unha persoa primeiro debe ser un bó mormón e pagar un dezmo completo á sua igrexa. Só despois diso se lle permitirá a entrada ao templo e pasar por rituais secretos: batismo polos mortos, matrimónio celestial e vários xuramentos. Ademais, ao mormón fiel aprenden-se-lle catro apretóns de mans e catro apertas secretas, de modo que cando ingrese ao terceiro nível do ceo mormón, o crente mormón no ceo poda apertar as mans de Deus e abrazá-lo segundo este modelo.

Este ritual celestial é esixido para poder acceder a este nível, o mais alto do ceo. A exaltación, ou divindade, agarda a aqueles que atinxen o ceo máis alto. Entón a el ou ela (en realidade, por parellas) permitirá-se-lles ter o seu próprio planeta e ser os deuses dos seus próprios mundos.

A história posterior

Após da publicación d´O Libro de Mormón constituiu-se a Igrexa fundada por Joseph Smith Junior. Tras un rápido medre inicial, e debido en parte a que a nova relixión afastába-se considerabelmente do cristianismo – permitindo pluralidade de deuses, poligámia (disque Joseph tivo 27 esposas; outros contan 48), o seu rexeitamento de todas as demáis igrexas, etc. – a persecuzón por parte dos fanáticos cristiáns forzou-nos a se mudaren dende New York a Ohio, logo a Missouri, e finalmente a Nauvoo, Illinois, onde Joseph e o seu irmán Hyrum foron prendidos por crebantar a lei. Unha turba asaltou o cárcere e asasinou-nos a ambos.

Despóis do asasinato, a igrexa dividiu-se en dous grupos: ún foi liderado por unha das suas viúvas, Emma Hale (primeira e lexítima esposa), de volta a Independence, Missouri. Este grupo é coñecido como a Igrexa Reorganizada de Xesús Cristo dos Santos dos Derradeiros Dias. Afirman ser a verdadeira continuación da igrexa e a sucesión legal que foi outorgada sobre o fillo de Joseph por éste.

O outro grupo, mais numeroso, foi guiado polo discípulo predileito de Smith, Bringham Young, autodenominado Segundo Profeta e Presidente, e dirixiron-se ao que hoxe é o Estado de Utah, onde en 1847 chegaron ao lago Salgado (Salt Lake) e fundaron Salt Lake City. Brigham tivo 25 esposas e amasou unha considerabel fortuna, grazas á obrigatoriedade de pagar o dezmo.

O mormonismo hoxe

Se ben todas as relixións son incríbeis e claramente orientadas ao xénero fantástico, moitas delas agochan as súas orixes no feito de que a história dos seus comezos non está escrita. Pola súa banda, o mormonismo, mália que ten unhas orixes históricas claras, que mesmo se poden rastrexar nos xornais da época, disfruta do estatus de relixión case oficial no actual Estado de Utah, nos Estados Unidos. De feito o mormonismo é a primeira relixión cento por cento americana, dato que levan moi orgullosos.

En 2007, a porcentaxe de habitantes de Utah que se consideraban membros da Igrexa de Xesús Cristo dos Santos dos Derradeiros Días (nome oficial do mormonismo) era do 60,7 % da povoación do Estado, e case o 100% nas zonas rurais. Ainda que a igrexa é oficialmente neutral en cuestións políticas, é moi convervadora e o Estado de Utah vota sempre aos republicáns. Os seus delegados (congresistas e senadores) sempre están aliñados coas políticas mais dereitistas.

Un dos efectos mais directos sobre a povoación é que a tasa de nacemento é un 25% superior á média do resto do país. En Utah está prohibido o aborto, o seu Senado declarou oficialmente que o cámbio climático non existe e declarou asemade oficialmente inócuo o dióxido de carbono. Ainda que foi o segundo Estado que aprobou o dereito das mulleres ao voto, este dereito foi retirado uns poucos anos despois, e só foi aceptado para que en 1895 o Estado puidese converter-se en membro dos Estados Unidos. Utah é un dos sete Estados da Unión que non aprobaron a enmenda á Constitución americana que outorgaba dereitos iguais a homes e mulleres, polo que a devandita enmenda nunca entrou en vigor.