Cada vez que chega a época do nadal temos que aturar ano tras ano a aqueles que se emperran en que estas datas teñen un carácter especialmente relixioso e que conmemoran o nacemento dalgún deus que o resto do ano fica gardado no caixón. Como se o nadal fose unha celebración creada polos cristianos! O pior é que estas mensaxes absurdas, dirixidas dende organizacións reaccionárias de tipo cristiano, chegan á xente que moitas veces non sabe como respostar. Imos ver de seguido como esta época, a do solstício de inverno, non ten ren que ver con nada relixioso, ou alomenos, non ten ren que ver más ca calquera outra época do ano.

OS NACEMENTOS DO MESÍAS

O máis antigo dos catro evanxeos oficiais dos cristiáns, o de Marcos, non di case nada verbo dos antepasados, o nacemento ou a infáncia de Xesús. Non di ren de ningún Xosé, o famoso suposto pai carpinteiro do suposto Mesías, e só menciona de pasada que a súa nai é chamada María. Tampouco di case nada o máis longo dos evanxeos, o de Xohán, no que practicamente Xesús “cae do ceo” xa feito un home. Inda que di que Xesús tiña un pai chamado Xosé, unha nai da que non di o nome, e tamén algúns irmáns, Xohán preocúpase máis de probar a orixe divina de Xesús ca de lle dar unha biografía humana. Só os evanxeos de Mateo e Lucas (entre os aceptados pola igrexa) dan a Xesús antepasados e infáncias. Por que?

Nos tempos que Marcos escribiu, supoñía-se que o fin do mundo estaba preto, e que calquera día destes Xesús había voltar entre nubes de glória. Non precisaba, pois, unha biografía, tan só a necesidade de avisar aos fieis: “Estade alerta, non sabedes cando há chegar o momento, non sabedes cando o amo da casa há regresar… estade espertos“.

Na época na que os autores dos evanxeos de Mateo e Lucas escribiron os seus libros, mesmo inda que plaxiaron claramente o de Marcos, incluindo as pasaxes nas que fala de que o fin do mundo está preto, xa estaba moi claro daquela que esa fin estaba a se atrasar sospeitosamente, e que aos cristianos agardába-lles unha moi longa espera. Así que agora o que precisaban eran probas de que aquel profeta que estaba a atrasar a súa reaparición fora realmente o Mesías, o Cristo, o agardado. E inda máis, precisaban que a xente se animase a seguir agardando. Así que incluiron algunhas “probas” na xenealoxía de Xesús e crearon histórias sobre o seu nacemento, sacándoas en parte das súas imaxinacións e en parte da rica tradición mitolóxica xudea.

A necesidade máis crítica desas xenealoxías era probar que Xesús pertencía á liñaxe de David, xa que todo o mundo acreditaba daquela que o Mesías debía ser un descendente do rei máis lascivo da Bíblia. Así que as xenealoxías foron os primeiros engadidos que se lle fixeron ao relato de Marcos. Inda que tanto Mateo coma Lucas (ou a xente que escribiu eses evanxeos) dispoñían de cópias do evanxeo de Marcos, ningún dos dous sabía que o outro estaba a escribir ún de seu. Así pois, afortunadamente para nós e para a verdade, non poideron conspirar para crear unha história igual nin unha xenealoxía consistente, polo que ambas as dúas contradícen-se case totalmente, sendo óbvio que os dous autores eran uns mintireiros.

Mália as contradicións, as dúas xenealoxías davídicas funcionaron durante algún tempo. Pero axiña non foron abondo para demostrar que Xesús era o Mesías: era preciso, dado o curto da súa carreira, facer algúns miragriños “engadidos” e así amosar a todos que Xesús fora un deus de verdade.

No mundo antigo, calquera que quixera “ser alguén”, mesmo os mortais, debía nacer dunha virxe. Non só o deus exípcio Horus, o grego Dionísio, Buda, o deus persa Mitra (moi popular no Império Romano no tempo dos evanxelistas): mesmo dicían que Alexandre o Magno e máis Xúlio César naceran de virxes. Así que precisába-se tamén unha nai virxe para Xesús. O único problema era que se facían iso, a súa xenealoxía como descendente de David non tería ningún sentido. Así pois, para que a xenealoxía servise dalgo, Xesús debía ser fillo de Xosé, quen á súa vez era fillo de Xacobe (ou Heli, segundo Lucas, a partir de aquí xa podes elixir!), e así cara atrás até David. Pero se Xesús naceu dunha virxe, a liña ficaría rachada e non se podería probar a súa caste de David. O que facer?

O máis intelixente tería sido eliminar as xenealoxías. Pero daquela xa había demasiadas cópias dos evanxeos por aí de man en man e era tarde de máis. E os manuscritos máis antigos de Mateo dicían claramente que Xosé enxendrou a Xesús. Así pois, había que incluir unha orixe virxinal para Xesús, e ao mesmo tempo rezar para que ninguén se decatase de que alí, nesas mesmas páxinas (ou rolos, daquela) tamén falaban de seu pai e da súa estirpe. As xenealoxías ficarían “inoperativas”.

Así pois, o Capítulo 1 de Mateo dí, nun dos manuscritos máis antigos que se conservan, que “Xacobe foi o pai de Xosé, e Xosé, unha virxe con quen Xosé estaba desposado, foi o pai de Xesús“. Isto logo mudou-se nas seguintes versións, para que dixera: “Xacobe foi o pai de Xosé, o marido de María, quen deu a luz a Xesús o Mesías“.

Polo tanto, semella totalmente irrelevante quen fora o marido de María se non foi o pai de Xesús, e así toda a xenealoxía deixa de ter sentido. Claro que este pequeno e insignificante detalle só é tido en conta seica polos herexes.

AS PROFECÍAS DE XESÚS

Nas ficcións da natividade, coma noutras partes dos evanxeos, os evanxelistas tentan de probar a divinidade de Xesús e que el era o Mesías amosando como cumpre supostamente coas profecías que realizaran os Antigos Testamentos. Calquera pode comprobar estas falsidades tan só lendo o libro A Idade da Razón III: Exame das Profecías, de Thomas Paine, ún dos máis brillantes pais dos Estados Unidos (xunto con Benjamin Franklin, o único que non era cristiano) en calquera libraría.

A primeira suposta profecía de Xesús ven no evanxeo de Mateo: após de dicir que Xesús e a súa família voltaron dende Exipto a Nazaret no canto de Belén, Mateo comenta que “isto fixérono para cumprir coas verbas do profeta Será Chamado O Nazareno“.

Desgraciadamente para este evanxelista, non existe ningunha profecía que diga iso en todo o Antigo Testamento. De feito, a vila de Nazaret non existiu até os tempos de Xesús. Calquera podería pensar que este grave erro é moi embarazoso para os cristiáns, pero non. Ao marxe de moitas Bíblias inda podemos atopar unha cita, que dí “véxa-se Xuices 13:5“, coma se alí viñese a profecía. Pero o que hai en Xuices 13:5? Algo sobre Nazaret? Algo sobre o Mesías? Pois non. O que hai é unha profecía sobre a muller estéril dun tipo chamado Manoah, e que dí que mália ser estéril, será a nai de Sansón. A pasaxe dí: “Concebirás e darás a luz un fillo, e ningunha navalla tocará a súa cabeza, porque o rapaz será un nacirita consagrado a Deus dende o día do seu nacemento“.

O noso evanxelista ou non sabía que a verba hebrea nacirita non tiña ren que ver coa verba grega Nazaret, ou estaba tentando enganar descaradamente aos seus leitores. Un nacirita era un ascético que se deixaba sen curtar o pelo, adoitaba beber bastante alcool e non gostaba da hixiene persoal. Un nacirita non é o mesmo ca un nazareno, nin agora, nin no tempo de Xesús nin no tempo de Sansón.

Se cadra a máis famosa profecía (e a máis malentendida) é a que fala supostamente do nacemento virxinal de Xesús no capítulo 7 do Libro de Isaías. Segundo Mateo, supostamente Isaías dixo “Velaiquí que unha virxe terá un neno, e será un fillo e lle porá por nome Emmanuel“. Pero no texto hebreo de Isaías dí algo distinto: “Velaquí, a rapaza [non dí ren da súa virxinidade] ten un neno, é un fillo e lle porán por nome Emmanuel“.

As diferéncias son abraiantes. Mentres que Mateo inventa descaradamente o término “virxe”, é dicir, unha muller que nunca tivo relacións sexuais, o texto hebreo usa a verba “alma”, que sinifica soamente “muller nova”. En hebreo, virxe díse bethulah, e se Isaías quixera ter usado esa verba, a usaría. Pero case máis importante é o verbo utilizado por ambos. Mateo usa o futuro, pero Isaías empregou o presente, sinificando que falaba dunha rapaza que xa existía e que o seu fillo xa nacera. Se Xesús é ese fillo en cuestión, debeu ser o embarazo máis longo da história, xa que durou máis de dous mil anos!

Por suposto, tamén hai unha clara diferéncia no nome: Mateo dí que será María quen lle poña por nome Emmanuel, mentres que Isaías fala de que a xente en xeral usará ese nome para se referir a el no futuro. De calquera xeito, ninguén chama nin chamou nunca “Emmanuel” a Xesús, agás nese texto de Mateo.

E finalmente, hai que facer notar que a profecía de Isaías ía dirixida ao rei Ahaz, a quen lle di que antes de que Emmanuel medre, “a desolación cobrirá a terra de cuxos dous reis te agochas de medo agora“. Non hai ningunha relación entre este contexto e o xeito no que Mateo usa as verbas ao seu albedrío máis tarde.

SEGUIDE AQUELA ESTRELA!

Lamentábelmente, o autor da xenealoxía do evanxeo de Mateo non sabía contar moi ben, porque di que hai “tres grupos de 14 xeracións” entre Abraham e Xesús. Pero se contamos os nomes, só aparecen 41. E non hai modo no que 3 multiplicado por 14 dea 41! Posteriormente, di que o fillo de María chamará-se Emmanuel, un nome que nunca utilizou Xesús, e logo xa pasa á história dos magos, ou astrólogos, que viñeron do Oriente a ver a Herodes procurando polo “rei dos xudeus”.

Mateo dí que a estrela que eles [os astrólogos] viran alzar-se foi por diante deles até que parou enriba do lugar onde estaba o neno. Pero esta história non ten pés nin cabeza. Como se pode seguir unha estrela? Se fas o que di no evanxeo, despóis de que se alce, a estrela vai ir cara ao leste, nunca ao oeste. Así que os meigos deberían dirixirse ao Irán. De todos os xeitos, a medianoite a estrela miraría ao sul e os meigos irían a Arábia Saudí. E contra o mencer, irían ao oeste cara ao mar Mediterráneo. Coa chegada da noite, voltarían a repetir este camiño estúpido, describindo círculos unha e outra vez. Dependendo da velocidade coa que camiñasen e da súa regularidade, o lugar onde pararían podería ser calquera.

Pero mesmo acreditando que foi unha estrela miragreira que se movía no ceo en dimensións imposibles, falando en termos astronómicos (algo así coma as posicións imposibles das estrelas das que falaba Lovecraft), quen podería dicir cal era xusto a casa que estaba debaixo dela? Se te moves atrás dunha casa, a posición da estrela xa muda no ceo.

En fin, que se esa estrela foi, coma din algúns, a estrela polar, que está bastante quieta no ceo, podéde-la tentar seguir e así chegar á casa de Santa Claus. Dádelle os meus recordos aos elfos.

BELÉN E O CENSO ROMANO

Xa vimos como as xenealoxías de Xesús foron inventadas e como os autores dos evanxeos de Lucas e Mateo mudaron as pasaxes do Antigo Testamento á súa enteira vontade e conveniéncia, vexamos agora por que Xesús tivo que nacer en Belén.

Dado que Xesús tiña que ser un descendente de David, os evanxelistas tiñan que procurar dados sobre as orixes do rei hebreo, e para iso tiveron que facer uso dos trucos máis incribles.

Moito antes dos evanxelistas, a vila de Belén en Xudea era coñecida coma “a cidade de David”, así que era lóxico que os evanxelistas tentaran buscar unha ligazón entre Belén e o futuro Mesías. E Mateo atopou unha mínima mención no Libro de Miqueas: “Pero ti, Belén Efrata, pequena coma es entre os clans de Xudea, de tí sairá o governador de Israel“.

Lamentabelmente para Mateo, Miqueas non se refería a unha cidade, senón a unha tribo ou clan descendente dun home chamado Belén. No Libro Primeiro das Crónicas lémos que Belén foi o fillo de Hur e da súa esposa Efrata. Inda que o contexto de Miqueas 5 non dá indicación algunha de que se refira a un futuro distante, Mateo mudou Belén Efrata por Belén de Xudea (é dicir, unha vila no canto dunha persoa) e engadiu parte dunha pasaxe do Libro Segundo de Samuel e así saíu: “Porque está escrito polo profeta ‘E tí, ouh, Belén na terra de Xudá, non es a derradeira entre os governantes de Xudá, porque de ti sairá un governador que dirixirá ao meu povo Israel“.

Mateo polo tanto sitúa en Belén non só o nacemento de Xesús, senón o lugar onde vivían xa os seus pais. Lucas, pola súa banda, semella ter escoitado unha tradición segundo a cal Xosé vivía en Nazaret no reino ao norde de Galilea, pero ten que situar o lugar de nacemento de Xesús en Belén, e para satisfaer á pseudoprofecía non lle importa poñer patas arriba todo o Império Romano.

Así, segundo Lucas, naqueles días houbo un decreto do Emperador Augusto para que todo o mundo se rexistrase nos censos do Império. Foi o primeiro decreto deste tipo, tivo lugar cando Quirino era o governador de Síria. E para elo todo o mundo tivo que dirixir-se á súa própria cidade, polo que Xosé foi a Xudea dende Nazaret para se rexistrar na vila de David, chamada Belén, porque el era descendente de David, e con el foi María, con quen estaba desposado. Ela estaba esperando un fillo.

En contraste coa lenda de Mateo, Lucas fai nacer a Xesús nun cortello, e non semella que Xosé tivera unha casa de seu en Belén, lugar onde supostamente nacera. De feito, din-nos que non hai lugar para a família na pensión, un detalle que sería irrelevante se a versión de Mateo fose correcta.

O engano de Lucas tería menos éxito se o seu coñecemento sobre a história romana fose menos defectuoso. Inda que Augusto governou dende o ano 44 ou 42 A.C. até o 14 D.C. non hai ningunha constáncia de que ordeara facer un censo a nivel de todo o império. Mentres que Quirino, coma governador de Síria, si que ordeou un censo, foi nos anos 6-7 D.C. ou sexa, 10 ou 11 anos despóis da morte de Herodes, quen era supostamente o rei de Xudea no intre que naceu Xesús e que segundo din ordeou matar a todos os nenos de menos de dous anos. Deixando á marxe que Herodes nunca fixo tal cousa (os seus biógrafos estarían encantados de engadir tal pecado ao seu catálogo) está o pequeno problema de que Herodes morreu no ano 4 a.C. Así que Xesús non puido nacer no reinado de Herodes nos tempos do censo de Quirino, porque eses tempos non existiron!

Hai outro problema menor. Inda que Quirino fixo un censo, foi só para Xudea, non para Galilea, e non hai ningún motivo para que Xosé fose dunha xurisdicción á outra. Se estivera en Nazaret daquela, podería ter ficado alí. Supoñendo que Nazaret existise daquela, por suposto.

Os romanos non eran estúpidos, e nunca ordearon facer un censo que obrigase á xente a voltar á vila na que naceu. O Império ficaría feito un caos, dado o desastroso sistema de transporte da época, se todo o mundo tivera que regresar á súa vila natal: imaxinade aos hispanos regresando dende Exipto, os babilónios dende África do norde, etc. Non hai nin a menor evidéncia de que esta práctica fose real!

Ás veces fála-se dun antigo papiro gardado en Londres que describe un censo no que a xente ten que voltar aos seus enderezos habituais para se rexistraren. É certo que este papiro existe, pero só describe o censo “kata oikian” dirixido en Exipto no ano 104 d.C. (si, cen anos despois de que vivise supostamente o tal Xesús) e só se refire á província de Exipto.

AS CONTRADICIÓNS DAS XENEALOXÍAS

LUCAS
  1. Xesús
  2. Xosé
  3. Heli
  4. Matthat*
  5. Levi *
  6. Melchi
  7. Xanai
  8. Xosé
  9. Matatías *
  10. Amos *
  11. Nahum
  12. Hesli
  13. Nagai
  14. Maat *
  15. Matatías
  16. Semein
  17. Xosech
  18. Xodá
  19. Xoanán
  20. Rhesa
  21. Zerubbabel
  22. Shealtiel
  23. Neri
  24. Melchi
  25. Addi
  26. Cosam
  27. Elmadam
  28. Er
  29. Xosuá
  30. Eliezer
  31. Xorim
  32. Mathat *
  33. Levi *
  34. Simeón
    Xudá
  35. Xosé
  36. Xonam
  37. Eliakim
  38. Melea *
  39. Menna *
  40. Matatán
  41. Natán
  42. David
  43. Xese
  44. Obad
  45. Boaz
  46. Salmon
  47. Nahshon
  48. Aminadab *
  49. Admin *
  50. Arni *
  51. Hezron
  52. Perez
  53. Xudá
  54. Xacobe
  55. Isaac
  56. Abraham
A lista de Lucas continúa até un total de 77 xeracións, até Adán.
MATEO
  1. Xesús
  2. Xosé
  3. Xacobe
  4. Matán
  5. Eleazar
  6. Eliud
  7. Achim
  8. Zadok
  9. Azor
  10. Eliakim
  11. Abiud
  12. Zarubabel
  13. Shealtiel
  14. Xaconia
  15. Xosia
  16. Amos
  17. Manasé
  18. Hezekia
  19. Ahaz
  20. Xotam
  21. Uzziah
  22. Xoram
  23. Xehosafat
  24. Asaph
  25. Abixah
  26. Rehoboam
  27. Salomón
  28. David
  29. Xese
  30. Obed
  31. Boaz
  32. Salmon
  33. Nohshon
  34. Aminadab
  35. Aram
  36. Hezron
  37. Perez
  38. Xudá
  39. Xacobe
  40. Isaac
  41. Abraham

XESÚS, O XENRO, OU FILLO, OU…

Durante séculos as igrexas cristianas mentiron coa boa cheia respeito das xenealoxías, afirmando que a de Lucas é realmente a de María, e que o texto quere dicir é que Xosé era o xenro de Heli. Por suposto, non hai ningunha proba de que iso sexa verdade.

Tanto o hebreo coma o grego teñen verbas que sinifican perfectamente ben “xenro” e se iso fose o que querían dicir os evanxelistas, diríano. A única vez que a verba Heli é mencionada en toda a Bíblia é nesa pasaxe de Lucas, así que os apoloxistas non poden citar outros textos que apoien a teoría de que Xosé era realmente o xenro de Heli, ou que a verba grega “huios” usada aquí na versión orixinal non sinifica realmente “fillo”.

Claro que hai unha parte graciosa en todo isto. A versión que nós coñecemos dos evanxeos, en español ou galego, dí “A fillo de B, fillo de C, fillo de…” pero na versión orixinal soamente din “fillo” unha vez, así que o que pon realmente é: “A fillo de B, de C, de D…“. Polo tanto, se cando Lucas dí “fillo” realmente quere dicir “xenro”, daquela a versión orixinal tamén falaría de xenros todo o tempo! Polo tanto, Adán era o xenro de Deus, non o seu fillo. E Xesús, o xenro de Xosé! Quen sería a filla de Xosé coa que casou Xesús…?

UN XESÚS DE DOCE ANOS?

Se o profeta Isaías realmente refería-se a Xesús cando escribiu aquilo de que sería chamado Emmanuel, temos que concluir que Isaías estaba enganado. Xesús nunca foi chamado Emmanuel. Pero a verdade é que tampouco foi chamado Xesús, alomenos despóis de ter tres ou catro anos. Inda que ningún dos evanxeos teñen o dado, non hai dúbida de que refíren-se a Xesús coma “o de doce anos”, ou “o de vintedous anos”.

Este feito curioso deriva da circunstáncia de que Herodes, supostamente, ordeou que todos os nenos da idade de Xesús foran asasinados, por medo a que ún deles chegase ser “o rei dos xudeus”. Xesús fuxiu dese destiño porque escapou coa súa família a Exipto, e non voltou até os funerais de Herodes.

Xa vimos que isto non aconteceu nunca, pero de todos os xeitos sería, daquela, moi curioso que Xesús fose o único neno de cinco anos en toda a Xudea. O ano no que se perdeu no templo todo o mundo miraría para el con curiosidade: vaites! un neno de doce anos! É o único que hai no mundo!