Os tres meigos

2564

Os tres meigos, tamén coñecidos coma os tres sábios (wise men, na tradición anglosaxona) ou coma os tres “reis” meigos, aparecen no novo Testamento, no Evanxeo de Mateo, capítulo dous. Alí aparecen perante Xesús cando era neno, dicindo que miraran a súa estrela no leste e ofrécenlle ouro, incenso e mirra. Antes visitaran a Herodes, preguntándo-lle onde poderían atopar ao novo rei; Herodes enviou-nos a Belén, e píde-lles que volten despóis de atopa-lo. Os meigos, non embargantes, son advertidos nun soño para que non regresen canda Herodes, e como éste non ten máis novas, esa decisión dos meigos causa a masacre dos inocentes.

Os tres meigos aparecen decote nas escenas de nadal e nos seus decorados, así coma na famosa panxoliña Os tres reis. O evanxeo non dí ren do número de meigos. O número de tres só ven dado polo número de regalos, pero no Oriente a tradición fala inda de doce meigos. Os seus nomes son tan inconsistentes coma o seu número. Entre os latinos do século VII aparecen xa os actuais Gaspar, Melchor e Baltasar. Para os sírios son Larvandad, Hormisdas e Gushnasaph; para os arménios, Kagba e Badadilma.

Os artistas de todas as épocas utilizaron aos tres meigos coma símbolos, e así representan as tres idades do home (mozo, adulto e vello). Ademáis, dende a era dos descobrementos, tamén pasaron a representar as tres partes do mundo, co que ún dos meigos, o xove, Baltasar, pasou a ser negro.

A igrexa católica celebra con eles a festa da Epifanía o 6 de xaneiro. En Galiza, baixo a súa forte influéncia católica, os “Reyes Magos” (sempre en rigoroso castelán) reciben cartas cos desexos dos nenos e máxicamente tráen-lles regalos pola noite dese día, nunha burda imitación da lenda de Santa Claus. Nas vilas de España, e nas galegas por imitación, adóitan-se organizar “cabalgatas” o día anterior pola tarde, na que os meigos e máis os seus serventes desfilan en grandes carrozas e botan lambetadas aos nenos. Actualmente esta tradición coexiste coa internacional de Santa Claus (en España é chamado “Papá Noel”), e Euskadi có Olentzero e en Galiza co Apalpador.

Na cidade alemá de Köln, na súa catedral, hai un altar adicado aos meigos. Segundo a tradición, contén os ósos dos tres meigos, que din que foron descobertos en Pérsia, traídos a Constantinopla por santa Helena, logo levados a Milán no século V e a Köln en 1163.

Pero, o que son realmente os meigos? A versión en galego do segundo capítulo do evanxeo de San Mateo, copiada da versión en español, dí o seguinte:

Xesús nacera en Belén de Xudá durante o reinado de Herodes. Uns Meigos que viñan de Oriente chegaron a Xerusalem perguntando: “Onde está o rei dos xudeos recén nado? Porque vimos a súa estrela no Oriente e vimos adora-lo”. Herodes e toda Xerusalem ficaron moi alborotados ao ouvir isto. Reuniu de imediato aos sumos sacerdotes e aos que aprendían a Lei á aldea, e fixo-lles precisar onde tiña que nacer o Mesías. Eles contestaron-lle: “En Belén de Xudá, pois asi o escrebeu o profeta: E ti, Belén, terra de Xudá, non es en absoluto a máis pequena entre as aldeas de Xudá, porque de ti sairá un chefe, o que apacentará á miña aldea, Israel. Entón Herodes chamou en privado aos Meigos, e fixo-lles precisar a data en que se lles aparecera a estrela. Despois enviou-nos a Belén e dixo-lles: “Vaian e averigüen ben todo o que se refire a ese neno, e apenas o atopen, avísenme, porque eu tamén irei a render-lle homenaxe”. Despois desta entrevista co rei, os Meigos puxeron-se en camiño; e fixen-se: a estrela que viran no Oriente ía diante deles, até que se detivo sobre o lugar onde estaba o neno. Que alegría máis grande: viran outra vez á estrela!. Ao entrar á casa viron ao neno con María, a sua nai; axeonlláron-se e adoraron-lle. Abriron despóis os seus cofres e ofereceron-lle os seus regalos de ouro, incenso e mirra. Entón se lles avisou en soños que non volveran onda Herodes, asi que voltaron ao seu país por outro camiño.

Non embergantes, a versión en latín do evanxeo, que é traducción do orixinal en grego “magoi”, non dí “Meigos” senón “Magi”, que é o plural de “Magus”, ou sexa, “meigo”. E daquela o que son os “meigos” segundo a Bíblia?

Os Meigos eran astrólogos e sacerdotes zoroastras da antiga Pérsia (actualmente, Irán). A verba “meigo” é tamén un xeito de denominar aos feiticeiros ou bruxos, especialmente aqueles máis poderosos e expertos. Segundo o historiador grego Herodoto, os meigos pertencían á caste sagrada dos Medas ou medeas. Eran os encargados de organizar a sociedade persa após da caída de Asíria e Babilónia. O seu poder foi recurtado polo rei Ciro, o fundador do Império Persa, e polo seu fillo Cambises II; os meigos volvéronse contra Cambises e atoparon a un pretendente ao trono que era favorable aos seus intereses, chamado Smerdis. Smerdis foi asasinado en 521 a.C. e as súas forzas foron derrotadas polos persas baixo o reinado de Darío I, co que a seita dos meigos inda puido ficar en Pérsia, pero xa co seu poder moi mermado após desta derrota política. Dí Herodoto que a caída dos meigos foi celebrada en Pérsia coma festa nacional, á que chamaban “Magofonía”, pero contra o tempo do nacemento de Xesús é probable que esta seita estivese renacendo novamente. O historiador Estrabón dí que os meigos persas formaban ún dos dous consellos do Império Parto.

Hoxe sabemos que o relato que fan os evanxeos é case todo ficción, esaxeracións ou fabulacións. Pero que os meigos usaron unha estrela para guiarse está claro segundo Mateo, non é unha simples metáfora (“eidomen gar autou ton astera“). Mateo dí que a estrela que os meigos viran alzarse foi por diante deles até que parou enriba do lugar onde estaba o neno. Pero esta história non ten pés nin cabeza. Como se pode seguir unha estrela? Se fas o que di no evanxeo, despóis de que se alce, a estrela vai ir cara ao leste, nunca ao oeste. Así que os meigos deberían dirixirse de volta á súa casa, ao Irán. De todos os xeitos, a medianoite a estrela miraría ao sul e os meigos irían a Arábia Saudí. E contra o mencer, irían ao oeste cara ao mar mediterráneo. Coa chegada da noite, voltarían a repetir este camiño estúpido, describindo círculos unha e outra vez. Dependendo da velocidade coa que camiñasen e da súa regularidade, o lugar onde pararían podería ser calquera.

A verba “astera” pode sinificar un cometa, a conxunción de Xúpiter e Saturno, ou unha nova (unha estrela que estoupou), pero todas esas teorías non explican como a estrela “foi vista no leste, foi por diante dos meigos e logo pousou por riba da casa onde estaba o neno. Por non falar da súa desaparición no espazo mentres estaban en Xerusalem! Pero mesmo acreditando que foi unha estrela miragreira que se movía no ceo en dimensións imposibles falando en termos astronómicos (algo así coma as “posicións desfavorables” das estrelas das que falaba Lovecraft?), quen podería dicir cal era xusto a casa que estaba debaixo dela? Se te moves atrás dunha casa, a posición da estrela xa muda no ceo! En resumidas contas, que non hai maneira de acreditar nesta lenda.

A igrexa católica interpreta os evanxeos coma se fosen feitos históricos reais e non simples metáforas misturadas con moitas esaxeracións, e baséanse para elo non nos mesmos evanxeos, senón nos “Pais da Igrexa” que viñeron moitos séculos despóis e dos que non hai motivos para acreditar que tivesen máis coñecementos dos feitos que relatan cá nós mesmos. Inda así, ningún Pai da Igrexa dí que os meigos fosen reis. Só Tertuliano dí de pasada que eran “case reis” (fere reges), polo que para comezar coa lenda de que eran tres reis temos que remontarnos á litúrxia da Igrexa, onde dí “Os reis de Tarsis e das costas traerán presentes; os reis de Sabá e de Seba ofrecerán dons. Todos os reis postraranse perante del” (Salmos 71). Como é lóxico, buscar no Antigo Testamento calquera referéncia é ben doado, pero facela coincidir con algo do Novo para que semelle unha profecía xa non-o é tanto, e este é o caso. Aquí non se dí ren de meigos nin nada semellante.

No tocante á súa procedéncia, Mateo dí que eran “do leste”. Suponse que do leste de Palestina, e por alí só había meigos en Média, Pérsia, Asíria e Babilónia. Dado que estes dous últimos impérios xa desapareceran case por completo, só fica Pérsia.

Dende Pérsia até Xerusalem había unha viaxe de entre 1.600 e 1.900 quilómetros. Tal distáncia levaría entre tres e doce meses en camelo, pero antes diso habería moitas semanas de preparación, polo que é máis probable que en total a viaxe levase un ano enteiro.

O primeiro que temos que relembrar é que a lenda dos reis meigos é iso, só unha lenda, non é História baixo ningún punto de vista. Porsuposto, existe a remota posibilidade de que todo acontecera tal e coma dí a tradición (cal delas?), pero evidentemente non hai ningunha proba diso. O máis seguro é que sexa a metáfora de que deus é adorado por todos os povos da Terra, e coma moitas outras cousas relatadas por Mateo, unha clara esaxeración co único ánimo de darlle crédito á súa história e azos aos créntes.

A história dos meigos no Novo testamento, relatada por xudeus conversos ao cristianismo, está chea de referéncias ao Antigo Testamento, que é o que millor coñecían, e úsase só para probar que Xesús é o auténtico Mesías, en forma de “predicións” que hai que coller con alfinetes para que parezan reais. Para os cristiáns, a interpretación é que os povos non cristiáns do mundo hánse converter axiña. Foi en Europa onde a actual imaxe “internacional” dos reis meigos tomou forma, para dramatizar a conversión das nacións a Cristo. Un rei foi convertido en africano negro, outro en oriental árabe, e outro en europeo.

Agora ben, dado que a história foi narrada unha e outra vez (en ocasións, as “tradicións milenárias” veñen directamente do departamento comercial dos grandes almacéns), o que é o que fica de zoroástrico nos meigos?

A fe zoroástrica provén de Zoroastro ou Zaratustra, un grande profeta entre os persas e que vivíu posiblemente ao redor do ano 6.000 a.C. e seguidor de Ahura Mazda, un deus daquela. A fe zoroástrica foise incorporando á relixión dos babilónios e persas e os meigos eran os seus sacerdotes. Moitas das súas prácticas eran adaptadas da relixión zoroástrica, coma as leis da pureza ou a astroloxía mesma. E así é como os meigos eran coñecidos en occidente coma astrólogos.

A estrela que seguiron é o símbolo dun deus, ou dun rei, que na antigüidade viña sendo o mesmo, e na actualidade non hai poucos que a identifican coa estrela Sírio. Pero hai moitos outros símbolos na lenda de Mateo que identifican aos tes meigos con zoroastristas. O incenso, por exemplo, é parte da tradición zoroastrista dos meigos: coñecido coma “loban”, é unha homenaxe ao deus Ahura Mazda cando está a arder.

Os reis meigos (ou “reyes magos”, ainda para a maior parte dos galegos) son unha lenda que case con total certeza non responde á realidade. O máis probable é que xamáis existisen, pero o certo é que grazas ao cinema e á publicidade teremos que seguir relatando a súa história unha e outra vez. A única pregunta é se dentro duns anos esta lenda se semellará xa abondo á de Santa Claus como para non ter que andar preguntando como parvos se “tí és dos reis ou de papanoel”. Inda que só sexa para evitar esa polémica (moi semellante á que hai anos fixo saltar chispas entre os seguidores de Bic Laranxa e Bic Cristal), nós continuaremos sendo cada vez máis republicanos.