Ao longo dos séculos, os astrónomos procuraron novos planetas, a miudo sen éxito. A lenda do décimo planeta no noso sistema solar inda segue en pé. Existe realmente ese décimo planeta e agarda a ser descoberto ou é sinxelamente un fraude?
O 22 de decembro de 1859, Urbain LeVerrier, do observatório astrolóxico de París, abriu a carta dun tal Lescarbault. Mentres a lía, apoderouse del unha grande emoción. Lescarbault era un médico rural e astrónomo afeccionado, e na súa carta dicía que o 26 de marzo dese mesmo ano atopara un punto negro movéndose na superfície do sol nunha traxectória oblícula que durou unha hora e cuarto.
LeVerrier deixou a carta. Se o que dicía o médico era certo, podería probar as prediccións de LeVerrier: que había un planeta dentro da órbita de Mercúrio, descoñecido até entón. Esta non era a primeira vez que LeVerrier predicía a existéncia dun planeta descoñecido. En 1781 o astrónomo xermano-inglés William Heschel atopara unha estrela que semellaba moverse de noite en noite. Axiña decatouse de que era un novo planeta, o primeiro que se descobría dende os tempos da Antigüidade clásica. O planeta, que estaba situado alén de Saturno, recebiu o nome de Urano..
En 1846 LeVerrier xa notara irregularidades no movemento de Urano e prediciu que debía haber outro planeta alén dese que causara a disrupción. LeVerrier puido predicir a situación do planeta e logo tan só houbo que agardar a que alguén o descobrise no lugar do ceo que el indicara. E así foi: os astrónomos alemáns Johann Galle e Heinrich d’Arrest atopárono deseguida.
LeVerrier, que non era moi modesto, suxeriu que Urano debía ser chamado Heschel, na honra do seu descobridor, e que o novo planeta debía chamarse LeVerrier. Lamentablemente para el, un matemático inglés chamado John Couch Adams predicira a situación real do planeta un ano antes ca LeVerrier, e así no canto de levar o nome dos dous, deu-se-lle o nome do deus román Neptuno.
En efecto, o esnobismo custoulles aos ingleses un planeta: John Couch Adams completara os seus cálculos sobre a situación de Neptuno en setembro de 1845, uns nove meses antes de que LeVerrier publicara os seus descobrementos. Adams podería ter reclamado o mérito do descobremento, se tan só conseguira que alguén se dignase a mirar polo seu telescópio.
Adams foi mandado a paseo por James Challis, o director do Observatório de Cambridge. Challis enviou a Adams a que falara con George Airy, o director do Real Observatório Astronómico de Greenwich, ás afóras de Londres. Mália unha carta de recomendación de Challis, Airy non quixo recebir a Adams, quen soamente era fillo dun granxeiro e non tiña influéncias nos círculos astronómicos. Así pois, non pagaba a pena perder o tempo falando con el. Airy enviou unha nota a Adams decíndolle que o Observatório de Greenwich estaba moi ocupado como para comprobar o seu traballo, e enviou os cálculos de Adams ao cura e astrónomo afeccionado William Dawes. Pero Dawes estaba ocupado construíndo un observatório, e enviounos a William Lassell, un cervexeiro de Londres e astrónomo afeccionado. Pero Brewer estaba na cama cun nocello ferido e non puido facer ren cos cálculos de Adams.
Cando Airy viu nos xornais o descobremento de Neptuno por LeVerrier, decatouse de que cometera un grave erro ao iñorar os papeis de Adams, así que fixo o único que podía facer un cabaleiro inglés: planeou unha longa viaxe polo campo, para que os xornalistas non-o atoparan na súa casa cando os ingleses se decataran de que el fora o responsable de perder a honra de ser o primeiro en atopar o planeta Neptuno no ceo.
Pero voltemos a LeVerrier. Este indivíduo desexaba tan afervoadamente ter o crédito de ser o único descobridor dun planeta, e que así ese planeta levase o seu nome, que voltou os seus ollos cara ao outro lado do sistema solar, e prediciu que entre o Sol e Mercúrio debía haber outro planeta. As observacións de Lescarbault poderían ser a proba que precisaba e o comezo do seu éxito.
Após de atopar un colega que o acompañase e fose con el coma testemuña, LeVerrier partiu decontado á vila de Orgeres, onde vivía Lescarbault. Sen se identificar previamente, LeVerrier enfrontouse rudamente ao médico, esixíndolle que lle dixera como chegara á “absurda conclusión” de que había un planeta entre o Sol e Mercúrio. Lescarbault narroulle a súa história en detalle, así que LeVerrier, por fin convencido da história do médico, reveloulle quen era e felicitou ao doctor. De regreso a París, LeVerrier foi testemuña de como se lle concedía a Lexión de Honra ao médico. O mundo astronómico estaba emocionado coa discusión do novo planeta de LeVerrier. Éste calculou que debía ter un tamaño dunha séptima parte ca Mercúrio, e que pasaba por diante do sol en abril e octubre. LeVerrier, para evitar a controvérsia que houbera con respeito de Neptuno, pediu que o novo planeta fose chamado Vulcano.
Os astrónomos de todo o mundo comezaron a buscar a Vulcano durante o periodo no que se supoñía que era visible, dacordo cos cálculos de LeVerrier. Todos ficaron decepcionados, agás algunhas observacións que resultaron ser manchas solares, e Vulcano nunca foi atopado. Contra o final do século XIX, os astrónomos deixaran de acreditar nas teorías de LeVerrier, e no comezo do século XX a Teoría Xeral da Relatividade de Albert Einstein explicou que a curvatura do espazo-tempo era a causante das irregularidades na órbita de Mercúrio. Con esta explicación, o planeta Vulcano desapareceu para sempre das discusións da Ciéncia.
Percival Lowell
Após do descobremento de Neptuno, os astrónomos comezaron a conxecturar que debía haber outro planeta alén del. Neptuno non explicaba por completo as perturbacións na órbita de Urano, e o mesmo Neptuno semellaba ter unha órbita irregular de máis. Moitos matemáticos e astrónomos tentaran predicir a localizaciñón dese planeta e atopalo, pero sen éxito. Se cadra, o que máis o tentou foi un home chamado Percival Lowell.
Percival Lowell nacera nunha rica família de Boston en 1855. Acadou unha considerable fortuna e logo adquiriu un interese cada vez máis grande pola Astronomía, após de ler o libro de Camille Flammarion La Planète Mars en 1893. Marte estaba a achegarse á Terra en 1894 (igual que aconteceu o ano pasado) e Lowell organizou unha expedición a Arizona co propósito de observalo millor no ceo escuro do deserto. Lowell fixo construir un observatório privado en Flagstaff, Arizona.
Percival Lowell coidaba que mirara sinais de vida intelixente en Marte. Lowell era un home brillante, pero moitas veces permitía que a súa imaxinación fose demasiado por diante del. En 1877 o astrónomo italiano Giovanni Schiaparelli descobriu algo que semellaban “canles” sobre a superfície de Marte. A verba italiana “canale” foi mal traducida ao inglés coma “canals”, unha verba que suxire que hai algo de intelixéncia no seu deseño e construcción. Así que Lowell construiu a súa teoría das canles e dixo que observara cámbios na superfície de Marte que semellaban estar relacionados cos cámbios das estacións, se cadra con granxas. As observacións posteriores doutros astrónomos non amosaron a preséncia de canles en Marte e agora xa sabemos que non existen, e que seguramente foron só ilusións ópticas.
Ademáis do seu interese por Marte, Lowell tamén estaba disposto a descobrir o hipotético planeta alén de Neptuno e acuñou o termo “Planeta X” para describir a súa misión. Dirixiu dúas buscas polo planeta, unha a finais de 1909 e outra en 1915, pero sen éxito. Lowell finou en 1916 e o non poder descobrir o planeta X foi a maior decepción da súa vida. En 1929, un astrónomo afeccionado, Clyde Tombaugh de Kansas, foi contratado polo observatório Lowell para que continuase a súa busca. Case un ano despóis de comezar o seu traballo, Tombaugh examinou algunhas fotos que fixera uns días antes en xaneiro de 1931. Cando as comparou con outras recentes, decatouse de que algunhas “estrelas” movéranse. Como as estrelas non se moven de posición relativa con respeito ás outras estrelas no ceo, o obxecto tiña que ser un asteroide, un cometa ou un novo planeta. As observacións posteriores confirmaron que o obxecto tiña que ser un planeta atrás de Neptuno, e deuselle o nome de Plutón. O planeta X fora ao cabo atopado.
Seguro? As predicións dicían que para poder explicar as perturbacións nas órbitas de Neptuno e Urano, o planeta X tiña que ter máis de seis veces o tamaño da Terra. As observacións mostran agora que Plutón, xunto coa súa pequena lúa Caronte, ten tan só 1/400 veces o tamaño da Terra. Algúns científicos mesmo din que Plutón non merece o nome de planeta, e que debería ser considerado o obxecto máis grande do cinto de cometas coñecido coma “Cinto de Kuiper” que rodea ao noso sistema solar na órbita de Neptuno.
Tombaugh continuou a súa procura doutro planeta X outros 13 anos sen éxito e decidiu que non había outro planeta máis aí fóra. Case todos os científicos están dacordo, decindo que as irregularidades percibidas nas órbitas de Urano e Neptuno son o resultado de erros de observación feitos polos astrónomos antigos que non tiñan cámaras e tiñan que debuxar a posición dos planetas a man. Outros non están tan seguros. Moitos astrónomos din que existe a posibilidade de que haxa vários planetas do tamaño de Plutón movéndose en órbitas alén de Neptuno. E uns poucos coidan que hai un planeta do tamaño da Terra ou mesmo máis grande agocho nos ceos. Estes últimos coidan que ese planeta tería unha órbita elíptica moi grande e moi afastada de Plutón, situado nunha sección da Vía Láctea moi difícil de procurar nela.
Os científicos decatáronse hai tempo de que cada 26 millóns de anos semella haber unha extinción en masa da vida na Terra. En 1984, un tal Daniel P. Whitmire e John J. Matese, da Universidade do Sul de Louisiana desenvolveron unha teoría segundo a cal esta extinción en masa sería causada por un planeta xigante ao que chamaron Némesis (polo deus grego da vinganza). Segundo esta teoría, Némesis (seguindo unha órbita elíptica) ábrese paso a través dun cinto de miles de millóns de cometas chamado “Nube de Oort” cada 26 millóns de anos enviando un enxambre deles á Terra, causando as extincións.
Non é totalmente estraño que o Sol poida ser parte dun sistema binário de estrelas. Moitas estrelas semellan formarse en parellas. Non embargante, para que a luz desta estrela non sexa evidente aos nosos ollos, debería ser dun tipo chamado anana vermella ou anana marrón. Segundo esta teoría, podería estar a uns 3 millóns de anos luz de distáncia.
Outra posibilidade suxerida por Whitmire é que Némesis non é unha estrela, senón un planeta. Outro planeta X. Se este fora o caso, debería ser do tamaño de dous ou cinco Terras e orbitar o Sol a unha distáncia de tres veces Plutón. Nesta versión da teoría o planeta pasa a través do cinco de cometas de Kuiper cada 26 millóns de anos, enviando algúns deles contra a Terra.
Mentres algúns astrónomos continúan na procura de Némesis, ou do planeta X, a maioría son escépticos e coidan que o ciclo de extincións de 26 millóns de anos non é tan regular coma din os outros.
Hai moitos mundos que atopar no espazo. O 28 de novembro de 2000 os astrónomos descobriron un novo membro do noso sistema solar no cinto de Kuiper, chamado Varuna. Inda que Varuna é máis pequeno ca Plutón (885 quilómetros de diámetro en comparanza cos 2.300 de Plutón) e non é considerado un planeta, demostra que hai outros obxecto inda por atopar no borde do noso sistema solar.
O apocalipse é certo?
Os profetas do Apocalipse xurden na Internet cada poucos anos. Cando se achegaba o ano 2000, dixeron que o mundo había rematar por mor dun xigantesco colapso informático. En maio de 2000 advertiron que habería un aliñamento dos planetas que destroiría a Terra. E para maio de 2003 chegou o Planeta X. Esta teoría estivo tan de moda nos Estados Unidos que apareceu en moitos programas de televisión e rádio, nos xornais e revistas, e os seus promotores, especialmente Nancy Lieder e Mark Hazlewood, recadaron millóns de dólares vendendo vídeos e libros. Obviamente cando chegue a data do apocalipse, farán o mesmo ca todos os demais profetas: dicir que o fin dos tempos xa chegou, o que pasa é que non nos decatamos.
Estas dúas persoas afirmaron que o planeta X pasaría tan preto da Terra que a había afectar de tal xeito que causaría un troco nos pólos magnéticos e moitos outros desastres. O resultado final sería a morte de moitos miles de millóns de habitantes do noso planeta.
Hai unha boa chea de páxinas web, chats e libros que falan deste planeta X e dos seus terribles efectos sobre a Terra, así que a cuestión é: existe o Planeta X? E, dado que está claro que non apareceu en maio de 2003, podería aparecer noutra ocasión e destroirnos? A resposta é cruel pero moi simples: non. Pero, que clase de argumentos se poden ofrecer para que tanta xente acredite na existéncia dun planeta xigantesco pero que non foi nunca detectado por ningún astrónomo? Ímolos ver ún por ún:
Os textos dos antepasados
Zechariah Sitchin, ún dos gurús do Planeta X, basea a súa teoría enteira da existéncia dun décimo planeta do sistema solar nos textos antigos, incluindo algúns escritos sumérios e referéncias bíblicas. A súa clave é un selo que amosa un diagrama que semella coma o sistema solar, co Sol no seu centro. Seica hai once planetas ao seu redor. Dado que os sumérios contaban o Sol e a Lúa coma planetas, Sitchin dí que o planeta de máis debe ser ún descoñecido. Tamén dí que nel hai áliens que se puxeron en contacto cos antigos sumérios.
Alás, hai dous problemas con isto, se non contamos as visitas de extra-terrestres como problema, claro está. Sitchin dí que o gravado mostra a Urano, Neptuno e Plutón. Pero os sumérios non tiñan telescópios e non coñecían da existéncia deses planetas, de non ser que os extra-terrestres llelo dixeran. Pero se lles dixeron tal, por que non lles dixeron tamén que o Sol e a Lúa non son planetas? Ou por que non lles falaron dos aneis de Saturno, ou as lúas de Xúpiter? O selo non mostra ninguna desas cousas. Claro que se cadra os extra-terrestres tamén coidaban que o Sol e a Lúa son planetas…
O pior de todo é que a interpretación que fai Sitchin do gravado é errónea: os sumérios tiñan coma símbolo do Sol un círculo con catro triángulos ao seu redor coma ráios, e liñas entre os triángulos. Pero ese símbolo non está no selo: o símbolo usado é o dunha estrela brillante, pero que non é o Sol.
A (in)existéncia astronómica do décimo planeta
Este é o fallo meirande que ten a teoría: sinxelamente, onde está o Planeta X? Non podemos velo ópticamente, e non notamos os seus efectos gravitacionais. Miremos a Xúpiter. Literalmente! Mide unhas dez veces o diámetro da Terra, e está a uns 750 millóns de kilómetros de distáncia. É doadamente observable a simple vista, de feito é o cuarto ou quinto obxecto máis brillante do ceo (após do Sol, a Lúa, e Venus, porque Marte só é máis brillante ás veces).
Así pois, se o Planeta X vai estar aquí en menos de dez anos, non pode estar máis lonxe de mil millóns de kilómetros de distáncia. Así, debería ser xa ún dos obxectos máis brillantes do ceo. E se fose demasiado pouco brillante para verse a simple vista, sería doadamente detectable cun telescópio, mesmo se estivera a milleiros de millóns de kilómetros. Por exemplo, Plutón está a cinco mil millóns de quilómetros de distáncia, e inda así podémolo detectar doadamente cun equipo moderno, e segundo nos din, Plutón é moito máis pequeno có Planeta X. Sinxelamente, non hai xeito de que un obxecto así non fose xa detectado polos astrónomos, mesmo os afeccionados.
Ademáis, un planeta xigante debe ter unha gravidade xigante. Neptuno foi descoberto por mor dos seus efectos gravitacionais sobre Saturno e Urano. O Planeta X, se estivera nalgures no sistema solar (ou mesmo polos seus arredores), atraería a eses planetas. Esta atracción afectaría ás súas órbitas, e iso poderíamolo ver nós. Pero non. Algúns dos créntes no Planeta X falan de como as órbitas dos planetas exteriores son afectadas polo Planeta X, pero están a falarnos de datos moi antigos.
Moitos seguidores do Planeta X falan dun par de papeis científicos publicados que falan sobre perturbacións nas órbitas dos cometas que indicarían a existéncia dun posible décimo planeta. Eses papeis son interesantes, pero as súas teorías son improbables. Pero mesmo se fosen correctas, só indicarían a existéncia dun planeta que está alén de Plutón, moito máis lonxe do que din Hazlewood e Lieder, e de feito indicarían que non hai ningún planeta xigante.
Outra das afirmacións favoritas de Mark Hazlewood é que a NASA atopou o décimo planeta en 1983, e que mesmo anunciouno. Isto é totalmente falso. O que aconteceu de verdade é que un satélite que se utilizaba para facer observacións astronómicas en luz infravermella atopou vários obxectos préviamente sen identificar. Durante a conferéncia de prensa, os astrónomos fixeron unha lista de posibles fontes, incluindo (pero non limitándose a) un décimo planeta. Por suposto, os titulares do Washington Post só falaban do décimo planeta, pero está claro que a ciéncia non son os titulares da prensa. E por certo, observacións máis recentes confirmaron que os obxectos eran galáxias afastadas e unha nube de gas na nosa galáxia. Ningún planeta.
Por suposto, Hazlewood e mailos seus seguidores din que a NASA agochou de contado o seu descobremento após de se decatar da perigosidade. Os seguidores do Planeta X din que a NASA errou dúas veces: primeiro por anunciar o decobremento e logo por desmentilo.
O Sol non está a facer “cousas raras”
Os seguidores do Planeta X gostan de berrar cada vez que o Sol ten unha erupción, xa sexa unha laparada ou ou unha exección da masa da coroa solar. Din que o pico no ciclo solar de once anos foi hai dous ou tres anos, e que agora mesmo o Sol debería estar acougado, e claro, cada vez que hai unha erupción, din que son os efectos da proximidade do Planeta X.
Pero de novo están errados. O “pico” do ciclo solar foi en efecto no ano 2000, pero eses picos non son repentinos; medran e deminúen amodo, ao longo de anos. De feito, cada pico ten vários sub-picos, a actividade solar medra e logo declina, e así unha e outra vez. Agora mesmo estamos a rematar o segundo pico, así que hai moita actividade solar. Mesmo podemos afirmar que o segundo pico adoita ser máis violento có primeiro.
Non hai máis terremotos do habitual
Esta afirmación é semellante ao do sol. Os seguidores do Planeta X din que os terremotos están medrando, o que indica a preséncia do Planeta X por algures preto de nós. Cada vez que hai un terremoto, din que é unha proba do Planeta X.
Pero de novo isto é falso. Se miramos para a actividade dos terremotos ao longo dos últimos 10 anos, e se o Planeta X estivera aquí, deberiamos observar un incremento sinificativo dos terremotos, pero non-o hai. De feito, en 2002 houbo menos terremotos do que é o habitual. É certo que o número total de terremotos semella aumentar co tempo, pero iso é porque cada vez temos máis e millores instrumentos para medilos e/ou detectalos. Pero o incremento prodúcese só nos terremotos menores, que son os máis difíciles de detectaren.
A comezos de 2003 houbo dous terremotos de importáncia, ámbolos dous sobre o 7 na escala Richter, pero é que se miramos para o gráfico dos anos anteriores, debería haber máis de dous para manter a média. Así pois, ese ano houbo menos có anterior. E no 2004, mália o desastre de Irán, o certo é que ese terremoto foi dunha magnitude moi inferior á de, por exemplo, o acontecido un mes antes en Xapón e que só causou dous feridos (6,3 na escala Richter fronte a 7,2).
O tempo está a ser cada vez máis raro
Outra das grandes afirmacións dos seguidores do Planeta X e dos catastrofistas en xeral é que o tempo atmosférico está a mudar cada vez máis e a pior. Cada vez que acontece algo extraordinário, é unha nova proba de que o desastre xa está aquí.
Pero antes que nada, sorpresa! O tempo non está a ser extraño por mor dun planeta misterioso, senón por culpa da actividade dos mesmos seres humáns, que están a producir un lento pero inexorábel cambio climático por mor da acumulación de gases invernadoiro na atmosfera. Os eventos atmosféricos mais espectaculares, que se adoitan utilizar coma probas do desastre, son do mais habitual e estacional, coma os tornados nos Estados Unidos, en Texas ou en Oklahoma, onde non só non son extraños, senón que son o normal.
Cada ano ráchanse récords, pero iso é o que acontece co tempo sempre. É a mesma clase de mala lóxica que acontece co asunto dos terremotos. E mesmo se fose certo, que diaños ten que ver o cámbio atmosférico coa chegada dun planeta? Se houbese forzas electromagnéticas, o primeiro que veriamos serían máis auroras boreais e austrais, pero non. E se fosen gravitacionais, os efectos serían moitísimo máis grandes e recoñecibles ca unha simples chúvia en Perú. Variarían, por exemplo, os intres nos que se producen eclipses de lúa, e iso non aconteceu inda.
As “ananas marróns”
Unha anana marrón é un obxecto algo máis grande ca un planeta, pero máis pequeno ca unha estrela. Un obxecto de máis de 0,077 veces a masa do Sol (unhas 80 veces a masa de Xúpiter) que inícia unha fusión nuclear no seu interior, convertíndoa nunha estrela estoupada. O límite inferior da masa é menos claro, pero podemos dicir sen dúbida que Xúpiter está por debaixo dese límite. E mesmo se chamamos “anana marrón” a Xúpiter, é inda moito máis grande do que Nancy Lieder e Mark Hazlewood din que é a mesa do Planeta X. Nancy di que é 4 veces o rádio da Terra (Xúpiter é 11 veces) e a masa é 20 veces máis grande (Xúpiter é 310 veces máis grande en masa cá Terra). Pero ningunha das dúas posibilidades describe nin de lonxe o que é unha anana marrón.
Ademáis, mesmo as máis vellas e pequenas ananas marróns despiden luz. Un obxecto así sería moi visible se estivera preto do noso sistema solar. E coma mínimo, reflictiría a luz do Sol, así que se o Planeta X fose unha anana marrón, habería moitos anos que saberíamos da súa existéncia.
Usar o termo “anana marrón” para describir o Planeta X é un erro, debido a que os seus seguidores coidan que é máis científico falar desas cousas.
Os observatórios non están a pechar
Moitos seguidores do Planeta X (especialmente Hazlewood) din que moitos observatórios astronómicos de todo o mundo están a pechar “sospeitosamente” (todo é sempre “sospeitoso” nas teorías da Conspiración). Din que teñen unha listaxe moi grande, pero inda non-a fixeron pública, e din que pechan porque non queren que o público vexa o Planeta X por médio deses telescópios, así que os Governos péchanos.
Pero isto non ten sentido. Se o Planeta X existise, non faría falla un telescópio moi grande para velo. Se temos que acreditar no que dí Nancy Lieder, sería tan brillante que poderíamolo ver mesmo levando postas gafas de sol.
As probas gráficas
Nancy Lieder ten várias imaxes no seu sítio web que din que son do Planeta X. Pero é outro erro. Moitas desas imaxes son trucos evidentes, doadas de facer con software de manipulación fotográfica coma o Photoshop.
E outras imaxes son malas interpretacións que fan que a xente que as mira non saiba o que está a mirar. Hai moitos exemplos fotográficos do “segundo sol”, que supostamente amosa o Planeta X coma un disco vermello preto do Sol. Pero iso é claramente unha reflexión interna da cámara: a luz do sol rebotando no interior das lentes da cámara.
Algúns seguidores da Sra. Lieder teñen producido imaxes dixitais con telescópios e din que son o Planeta X, pero tampouco acertan. As imaxes dixitais non se poden procesar coma simples fitas de película fotográfica, senón que leva semanas de adestramento para entender os detalles. O problema básicamente é a calibración dos datos: un detector astronómico precisa tomar moitas imaxes e baixo circunstáncias controladas para chegar a entender o que estamos a mirar.
Cando as partículas cargadas chegan a un detector electrónico, deixan un punto brillante na imaxe. Esas partículas son producidas polo Sol e poden “pegarse” na cámara. Tamén son producidas naturalmente por elementos radioactivos, que ás veces conteñen as mesmas cámaras.
Abraiantemente, a Sra. Lieder non entende ren disto, nin os seus seguidores. Limítanse a coller unha imaxe e se fixan en puntos que se se volve sacar a foto un segundo despóis xa non están. Eses puntos non son planetas xigantes que veñen cara a nós, senón protóns que golpearon contra o chip electrónico que hai no fondo do telescópio.
O certo é que os seguidores do Planeta X son xente que non sabe ren de astronomía (se cadra os áliens cos que contactan non lles aprenderon ben), e menos de imaxes astronómicas dixitais.
Os axentes do Governo
Cando todo o demáis falla, xa estamos acostumados a escoitar que é por culpa do governo. Quen lles leva a contrária aos profetas do apocalipse son en realidade axentes do Governo que están ao seu soldo para falar contra deles e así desinformar á xente.
Xa quixeramos nós ser axentes do Governo, inda que fose o governo rexional de Santiago e levar un bó pico do AVE, pero lamentablemente non temos ren que ver con eles e non queremos ter que ver con eles. Claro que aquí sempre deixamos unha porta aberta á ilusión, esa que tanto se vende agora: se hai por aí algún axente do governo que queira poñernos a soldo, estamos dispostos.