O que foi o que mudou dende verán cando vós falabades das moitas dificultades para obtér a sede da Ibercon? Daquela seica o problema maior era a auséncia de apoio institucional pola banda do Concello/Xunta, etc.
É certo que o Colectivo Nemo de Fantasía e Ciencia-Ficción recoñeceu estar pasando por dificultades, concretamente en outubro de 2004. Organizar unha IberCon é difícil, e sobre todo obriga a asumir a carga dun orzamento que hai que cubrir. Cando as administracións non apoiaban o proxecto e os organizadores sentiámonos frustrados, chegaron dúas novas alentadoras: a venda de entradas da HispaCon 2004 superou as expectativas, e sobre todo a Asociación Española de Fantasía, Ciencia-Ficción e Terror presidida por Pablo Herranz comprometeu certo apoio económico. Para un grupo de organizadores que traballamos de xeito desinteresado, é importante saber co noso esforzo impórtalle á xente.
O que foi o máis doado? Obter o “si” da AEFCF ou o da Simetria?
Os dous igual!
Para os lectores de NOVA, non sodes uns descoñecidos, pero para a meirande parte da xente en Vigo témo-me que inda sí. Imos falar polo tanto un pouco do Colectivo Nemo. Quen sodes e que é o que pretendedes gañar?
O Colectivo Nemo é un grupo de afeizoados de Vigo, que decidiron deixar de ser meros espectadores para se adicaren a dinamizar a bisbarra viguesa fomentando a Fantasía e a Ciéncia-Ficción en tódalas súas facetas, favorecendo a creación de novas obras. Respeito do que pretendemos gañar, a resposta é nada. O Colectivo Nemo non recibe, o Colectivo Nemo dá.
O Colectivo Nemo: por que a ciéncia ficción? Non é mellor facer algo máis productivo, como aprender a manexar o Contaplus e procurar un emprego?
Home, a vida é algo máis que chollar. A vida tamén é cultura, e de certo que hai ciéncia-ficción na nosa cultura, porque mesmo a nosa forma de expresarnos cambiou dun xeito que hai poucos anos só existía nas novelas. A vida tamén é disfrute, e todos temos dereito a disfrutar cunha história de fantasía, polo mero pracer de imaxinar.
Que cambios coidades que vai haber no ambiente fantástico na nosa cidade despois desta Ibercon?
Na IberCon, moitos vigueses van ter a ocasión de coñecer de primeira man o que é a cultura do xénero fantástico, co seu ambiente tan atractivo e estimulante que engancha á xente, así que contamos con que vai haber moitos afeizoados novos a partir de entón.
Agora que non escoita ninguén… o que é o que hai de certo e que é o que hai de falso na vosa afirmación de que Vigo vai-se encher de turistas que veñen á Convención?
De falso, nada. Coido que ata de agora as manifestacións da organización da IberCon caracterizáron-se polo seu cru realismo, así que non vexo motivo para sospeitar nada falso nelas. O promédio de visitantes nas últimas cinco HispaCóns está próximo aos douscentos, e iso é o que contamos recibir, e de feito confiamos en supera-lo coa afluéncia de xente de Portugal.
Moita xente (entre eles os políticos e parte da prensa) ten medo de que clase de xente poden ser eses que veñan a unha Ibercon: tolos, friquis, sinxelamente psicópatas? Podedes dar unha definición positiva ou haberá que senta-se e agardar co rifle nas mans?
Non ho, nada de medos ou de rifles. As convencións caracterízan-se por un ambiente do máis agradábel, que de feito penso que é o seu principal atractivo porque cativa a todo o que asiste. Se alguén quere comprobalo, non ten máis que visitar o sítio da IberCon na Interrede, www.ibercon.tk, e mirar as fotos das convencións anteriores.
Sendo sérios… é Vigo unha cidade abondo receptiva para o xénero fantástico? E Galiza?
A resposta definitiva a esta pregunta terémo-la dentro de nove meses na IberCon. Mentres tanto, podemos dicir que si, que Vigo é unha cidade receptiva, como se amosa na continuidade da súa tertúlia do xénero fantástico, que leva xa cinco anos. E tamén Pontevedra, co éxito das xornadas Ponteficción 2003 organizadas pola asociación Novos Segreis. E tamén Santiago, onde a AGASF organizou a HispaCon 1999. E A Coruña, que organiza o Salón do Cómic todos os anos. Si, coido que póde-se dicir que Galiza é receptiva ao xénero fantástico.
Aí vai unha sencilliña… como se organiza unha Ibercon?
Con moito entusiasmo!
He, he… Vale. Imos falar dos pasos que hai que dar agora. Indo polo miúdo, o qué é o seguinte que hai que facer?
Nos vas permitir que non falemos de feitos mentres non teñamos nada concretado. O que si se pode contar é que estamos vivindo unha etapa moi bonita que consiste en acadar entidades colaboradoras, e resulta reconfortante ver o interese e ganas de colaborar que o proxecto esperta na xente. E a partir de agora comeza outra procura igualmente importante, acadar patrocinadores, así que xa podes botarnos unha man.
Evidentemente, NOVA fantasia estará presente entre os colaboradores, ainda que non sabemos a que nivel, todo depende do que pidades! E falando de cartos, falemos do destiño que lles ides dar. Por exemplo, realmente é necesário poñer tradutores simultáneos para que podamos entendermo-nos cos nosos irmaos portugueses? Hai tanta xente que vai vir de España e que non quera entender o portugués?
Pode ser que moitos dos asistentes non precisen da interpretación simultánea, pero nós queremos que absolutamente ninguén perda detalle. A hospitalidade é unha virtude característica en xeral de Galiza e en particular de Vigo, a cidade Sempre Benéfica. Por iso o Colectivo Nemo garante os intérpretes, para que todos os asistentes se sintan como na súa casa e ninguén de Porto perda média conférencia dun barcelonés que fala de présa, ou que os de Madrid non entendan a metade do que fala un lisboeta cun acento pechado.
Que tipo de apoio esperades por parte dos médios?
Pois o normal, que fagan a súa función e informen verazmente do que é a IberCon, e non se poñan a falar de tolos e psicópatas.
He, he… Iso non vai por ninguén, nonsí? Oes, que actos hai nunha Ibercon? Cal coidas que será o acto estrela que atraerá a máis xente?
Non faltarán as conferéncias/colóquio, mesas redondas, exposicións, audiovisuais, postos de venda e unha cea de gala. Polo de agora nos vas permitir que non desvelemos máis.
Ben, pois para esa cea espero que haxa un menú vexetariano! Está ben claro que ún dos principais obxectivos desta e de calquera Convención é atraer a máis xente da que normalmente acodiría a unha xuntanza de fans diversos da ciéncia ficción. O qué é o que tedes pensado facer para atraer a esa xente e convencer-lles de que non somos unha banda de friquis maníacos?
Nas quince convencións do fantástico ás que levo asistido atopei concelleiros, alcaldes e senadores, pero coido que inda non atopei ningún friqui maníaco. De todos os xeitos, non entra no enfoque do Colectivo Nemo pretender convencer a ninguén de nada, nin temos ningunha estratéxia de estilo empresarial para atraer a colectivos concretos. Soamente somos un grupo de afeizoados que traballa desinteresadamente e que trata de disfrutar organizando a IberCon. A nosa receita é sinxela: nós coidaremos dos actos, e os actos coidarán da asisténcia.
Podemos concretar a alguén nesa asisténcia? Todo o mundo está xa a falar de quen poden ser os invitados estrela deste ano: Stephen King, David Eddings, Michael Crichton, Stephen Baxter, Philip J. Farmer, Joe Haldeman, Ursula K. Leguin, Michael Moorcock, Connie Willis…? Só estou a citar algúns dos meus favoritos ainda vivos, por se vos dá algunha ideia, he, he…
Pois penso que non é mal gusto. Joe Haldeman xa estivo na HispaCon e Stephen Baxter nos Encontros. Para esta I IberCon pensamos ante todo en contar con invitados de España e Portugal, pero non descartamos invitados estranxeiros. Nos vas a permitir que non revelemos máis ata que teñamos algo definitivo.
Que experienza tedes xa cos Encontros da Simetria? Coido que algún de vós estivo presente en Portugal e con moito éxito, nonsí?
Eu acudín aos sextos Encontros, organizados pola Simetria en dúas partes, unha en cada semestre de 2004. Foi sorprendente atopar tantas semellanzas entre os Encontros e a HispaCon. Non sei se se pode falar de éxito, porque o único que fixen alí foi presentar o proxecto á directiva de Simetria.
Un tema que interesa en especial aos nosos lectores é o da língua. Tendo en conta a forte (por non dicir en moitos casos exclusiva) presenza do catalán nas hispacones celebradas en Cataluña, ¿que presenza agardades que vai ter o idioma galego nesta primeira IberCon?
Non ho, de presencia forte ou exclusiva do catalán nas HispaCóns, nada. En canto á presenza das distintas línguas na IberCon, o Colectivo Nemo ten desde que naceu a filosofía de tratar por igual ao galego, ao español e ao portugués. Iso é algo que amósase no sitio www.colectivo nemo.tk, no que tódalas páxinas están dispoñibles nas tres linguas, incluso as estatísticas das visitas. Co sitio da IberCon sucede o mesmo, toda a información está nas tres linguas e así imos seguir. De feito, gustaríanos moito que a interpretación simultánea estivera dispoñible en galego ademais de en español e portugués, o único inconvinte é o custe.
E como é lóxico para rematar nunha entrevista de ciéncia ficción, falemos do futuro: xa hai alguén de vós que estea a aprender ucraíno para asistir á vindeira EuroCon de 2008?
Asistir a unha EuroCon ou a unha WorldCon debe ser unha experiéncia abraiante que coido que gostaría a calquera afeizoado ao xénero fantástico. A mágoa é que habitualmente quedan-nos moi lonxe; a WorldCon celébrase case sempre en Norteamérica, e a EuroCon estivo celebrándo-se nos países da Europa do Leste nos últimos cinco anos. Este ano 2005 seica vai ser algo extraordinário porque os dous acontecementos van-se celebrar conxuntamente en Escócia, algo semellante ao que vai suceder coa HispaCon e os Encontros en Vigo. De momento ninguén do Colectivo Nemo ten planeado asistir, pero nunca se sabe…