Xesús Manuel Marcos: “O Brindo de Ouro é un libro dirixido a aqueles que gostan das histórias fermosas”

1720

Xesús Manuel Marcos López (Seoane do Caurel, 1967) é o máis recente gañador do Prémio Merlín de Literatura Fantástica en galego, polo que a súa presenza nas nosas páxinas non podería ser mais axeitada. A súa novela O Brindo de Ouro, recentemente publicada por Xerais, é o título da obra que gañou o prémio. Para o xurado é un texto que “remite a un pasado mítico no que a máxia e o heroísmo ocupan un lugar sobranceiro“. O protagonismo do texto recae nun mozo guerreiro, fillo do gardián dunha tribo cuxa cidade é queimada polos seus inimigos.

Herois, meigas, fadas e lobos albinos son protagonistas da novela gañadora do Merlín que, ademais, utiliza a xeografía do Courel como fondo para as aventuras. Para o xurado, unha das virtudes desta novela é “a calidade dun texto que crea un mundo autónomo ao xeito de Tolkien, coas pautas das obras de espada e bruxería“.

Xesús, definido decote como un “novo autor” na literatura galega, estudou Dereito na Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente traballa como funcionário da Administración de Xustiza en Madrid. Deu-se a coñecer como narrador en 1994 co relato Aliados solitarios, Prémio Modesto Rodríguez Figueiredo do Pedrón de Ouro (1994), ao que seguiron o Prémio Manuel Murguía do Concello de Arteixo (1994) polos seus relatos A cela de arame e Fuxidos (publicados no volume Relatos, Laiovento 1995) e o Prémio de Novela Curta do Concello de Marín (1996). Ten publicado, ademáis, a novela En terra perigosa (Espiral Maior, 1996), o libro de relatos Terra queimada (Laiovento, 1997), que mereceu o Prémio de Narración Curta Ricardo Carvalho Calero convocado polo Concello de Ferrol no ano 1995 e a novela O Brindo de Ouro. I. A Chamada do Brindo (Xerais, 2004), Premio Merlín, 2004. A fortuna permitiunos establecer unha pequena charla con el:

Empecemos por unha pregunta faciliña… o que é para ti a Literatura fantástica? No caso de O Brindo de Ouro, unha novela que pode coincidir coa chamada Alta Fantasía ou novela de Espada e Bruxería. Aquí a definición de literatura fantástica coincidiría coa dunha novela de acción e aventuras que se desenrola nunha Idade ou tempo imaxinario, nun territorio asemade imaxinario, e cun heroi en constante loita co Mal. De todos os xeitos, sabemos das dificultades das definicións, dos cruzamentos e das fronteiras pouco definidas dos xéneros, e, sobor de todo, do gusto actual pola mestura de xéneros.

Coidas que a Literatura fantástica se reduce só ao eido da literatura “infanto-xuvenil”? En absoluto. ¿Acaso O Señor dos Anéis pode considerarse expresamente infanto-xuvenil? ¿É o último premio Minotauro de Literatura fantástica un libro para mozos? Non o creo. Hoxe en día hai infindos exemplos de literatura fantástica para adultos, e para adultos que lean con atención, dada a dificultade das tramas. Tamén é certo que a literatura fantástica é un xénero do que gostan os mozos. A min gústame e gustábame de rapaz, nesas idades non había problemas para deixar voar a imaxinación ata donde nos levase, fose donde fose.

Fala-nos de O brindo de ouro. Que motivo pode ter un lector para mercar o libro? Dicía na entrega do Premio Merlín que este premio ía dirixido a unha comunidade, a comunidade daqueles que gostan das historias fermosas. Coido que é un tipo de historia pouco traballada na literatura galega, e na que puxen toda a miña ilusión e que tentei escribir coa maior dignidade. No Brindo creo un mundo autónomo coas súas leis, trato temas como o da amizade, o amor, e fundamentalmente o da lealtade e o compromiso, o compromiso dun rapaz co seu pobo, con aqueles aos que se debe. Non podo estenderme en loubanzas, xa que non me corresponde isto a min. Serán os leitores os que decidan. Penso que tampouco se debe caer no erro de explicar polo miúdo un libro. É o libro o que debe falar por si, unha vez que se afasta do autor. Non me gusta moito dar longas explicacións sobre os libros. Non ten moito sentido.

Que influencias tiveches para escribir O brindo de ouro? Autores, libros… En resumidas contas, como é que se che ocorreu escribir un libro así? As miñas influencias neste libro son fundamentalmente as da narración oral máis que da escrita. Historias que escoitaba de pequeno, lendas que me contaban e que sempre van quedando dentro. Por exemplo o da Rodela, unha serpe que gardaba unha cova cun tesouro, contoumo meu avó de neno e aquí aparece, aínda que con variacións. O longo proceso polo que xurde un libro é complexo e difícil de explicar. Pero pensei que o material que tiña era adecuado para unha historia fantástica.

Este seica é o primeiro tomo dunha saga… de cantos libros? Serán tantos como saian ou xa tes un plano? Teño certa idea de cantos poden ser, aínda que non está pechada. Dependerá en gran medida do que reclamen os lectores. Alguén do xurado díxome na entrega do premio que xa estaba desexando ler o segundo libro. Non puiden ter maior ánimo e apoio.

Consideras factible/desexable o nacemento dun fenómeno coma o de “Harry Potter” na literatura galega? Desexable, por suposto. O poder ganar ao lector infantil e xuvenil para a lingua galega sería un grande éxito. Un fenómeno como Harry Potter en Galicia é, desde logo, unha utopía, dado o mercado existente e a constante caída do número de lectores na nosa lingua.

É O brindo de Ouro o libro que ti quererías ter lido aos quince anos? É o tipo de libros que me gostaban.

Fala-nos brevemente de En terra perigosa e Terra Queimada. Son libros de temática moi distinta. Neles fálase do proceso de desintegración da mundo rural, no que traballo cos contrastes dun mundo en decadencia. En Terra Perigosa é unha novela de acción, na que reflexo a violencia con dureza, e Terra Queimada é un libro de relatos onde creo o lugar de Esperante, trasunto mítico dun mundo rural a piques de desaparecer.

Consideras-te un “novo autor” da Literatura galega? Considérome un escritor en lingua galega. Teño catro libros publicados, pero os tres primeiros hai uns anos. Co Brindo de Ouro volvo a publicar. Con catro libros e a miña idade non sei se son novo ou “vello”. Son cuestións que non me interesan.

Cal foi o libro que che fixo pasar de ser leitor a escritor? Non foi un libro senón unha obra. A de Howard Philips Lovecraft. Fun en tempos un ávido lector da súa obra, coido que teño lido a totalidade do que ten publicado en castelán, novela curta, relatos, ensaio, colaboracións de outros autores cos seus Mitos, etc. E empecei escribindo este tipo de relatos fantásticos e de “horror cósmico” cos que ganei os meus primeiros premios. Logo lin de todo, de Cortázar a Faulkner, de Kafka a Homero, de Cunqueiro a Tólstoi, de Rulfo a Blanco Amor, lin e leo de todo e sen ningunha guía.

Que importáncia consideras que ten ou pode ter Internet no desenvolvemento da literatura galega? No seu desenvolvemento, unha importancia vital. Poder teclear no buscador un nome dun autor ou dun título e pescudar os resultados ten unha importancia que aínda non podemos abarcar. Polo camiño que vamos, a influencia de Internet na nosa vida será fundamental, tamén no eido da literatura.

Para rematar, recomenda-nos un libro (que non sexa ún teu!) para os nosos leitores. En galego, a obra do mestre Alvaro Cunqueiro. En castelán gustoume ultimamente Juego de Tronos, de George R. Martin.