Crónicas do FF2005

0
383

O Fórum Fantástico 2005 de Lisboa celebrouse na Biblioteca Municipal Orlando Ribeiro, sita no Antigo Solar da Nora, Estrada de Telheiras, preto do estadio José Alvalade, entre os días 10 e 13 de novembro. Por motivos laborais só puiden asistir ás sesións do sábado e primeiras horas do serán do domingo –día no que estaba anunciada a miña propia ponencia, A República do Céu: Pegadas de Milton e Blake na trilogia ‘His Dark Materials’ (Mundos Paralelos) de Philip Pullman-, mais este tempo foi suficiente para obter unha magnífica impresión do evento. Ante todo, convén destacar que o Fórum non constitúe unha convención semellante á Hispacón, senón, como pode lerse na súa páxina web, “um conjunto de palestras, debates, lançamentos, sessões de autógrafos e outras iniciativas paralelas, que englobam as várias vertentes do género Fantástico“, organizada pola Épica (Associação Portuguesa do Fantástico nas Artes), e patrocinada, entre outras institucións, pola Universidade Aberta, as facultades de Letras e Ciencias Humanas e Sociais de Lisboa e a fundación Calouste Gulbenkian. Tódolos actos, gratuítos, tiveron lugar no Auditorio da Biblioteca, con capacidade para 142 espectadores, e gozaron dunha boa audiencia tanto se a lingua empregada era o portugués coma o inglés.

Quizais o feito que máis me sorprendeu do Fórum foi a súa axeitada organización, baseada non nunha suposta puntualidade horaria –alegremente transgredida-, senón na creación dun ambiente a un tempo relaxado e participativo en tódolos actos, grazas en boa medida a cordialidade e atención permanentes dos seus dous organizadores, Rogério Ribeiro e Safaa Dib. A alternancia de presentacións “autorais” e conferencias “críticas” máis o menos académicas pareceume moi acertada, pois se ben é certo cas primeiras atraen grande cantidade de público, as segundas, que neste caso souberon ademais polo xeral combinar o rigor coa amenidade, proporcionan asemade unha información histórica e ideolóxica imprescindible para desterrar os vellos prexuízos cara á boa literatura fantástica – desde Mary Shelley a China Miéville ou Phillip Pullman, desde Boris Vian a Zoran Zivkovic e o gran Ballard, cuxo xenio só foi recoñecido grazas as súas descarnadas recreacións autobiográficas-. Ademais, os organizadores do Fórum levaron a cabo, segundo puiden constatar, unha intensa campaña previa para dar a coñecer estas xornadas: a conferencia-coloquio O fantástico no feminino, na propia Biblioteca Orlando Ribeiro, moderada por Safaa Dib e na que participaron varias das autoras máis adiante presentes no Fórum, como Inês Botelho e Maria Aline Salgueiro; a presentación do Fórum no marco da exposición A Fantasia na Literatura Periódica Contemporânea, organizada pola Hemeroteca Municipal de Lisboa durante o mes de outubro; e a realización de entrevistas previas na prensa ou na weba diversos autores que tiñan anunciada a súa participación, entre elas a realizada a Zoran Zivkovic no site Filhos de Athena.

Posto que carezo de experiencia en eventos tipo Hispacón o Asturcón (se exceptuamos a miña nebulosa participación na suposta I Ibercón), ignoro se foi esta labor previa a causa da predisposición dos escritores invitados a participaren en actividades coma o Workshop de escrita fantástica e os debates, ou se tal boa actitude é común neste tipo de actos: pero sospeito que só a boa atmosfera existente explica, por exemplo, que autores e críticos tan reputados como Paul J. McAuley, Mark Brake, Edward James, Nick Sagan e João Barreiros esperaran tranquilamente durante máis de hora e media –os tres primeiros tomándose unhas cervexas na cafetería da Biblioteca- o inicio do seu coloquio sobre Utopías e distopías tecnológicas, anunciado para as 6 h. e que non comezou até as 7:30. O certo é que me sorprendeu a amabilidade e disposición á charla informal cos presentes de, poñamos por caso, Zoran Zivkovic, Nick Sagan e Edward James, os únicos, a parte de João Barreiros – aquen tiven o pracer de coñecer na derradeira Ibercón, onde ambos tivemos respectivos actos ante exiguas audiencias (feito comprensible no meu caso, inexplicable no seu)-, cos que puidenmanter algunha breve conversa.

Polo que atinxe as conferencias e presentacións que puiden presenciar, o seu nivel xeral, aínda se desigual, foi sen dúbida notable. Os dous actos ó meu xuízo máis interesantes foron a conversa do serbio Zoran Zivkovic con Luis Rodrigues e a devandita conferencia de Edward James. Zivkovic, crítico de formación académica que non comezara a escribir ficción até os 45 anos, traduciu persoalmente os seus relatos ó inglés e enviounos a diversas revistas do Reino Unido ate conseguir que foran aceptados e difundidos por Interzone. Na súa charla con Rodrigues (editor xefe do site Fantastic Metropolis) amosou a mesma ironía melancólica dominante na súa obra, e levou a cabo un eloxio da lentitude que sen dúbida tivera gustado a Julio Llamazares. Escritor, nas súas propias palabras, “dun só dedo“, o que emprega para teclear, Zivkovic manifestou ca parsimonia creativa derivada da tal impericia dactilográfica permítelle meditar tranquilamente sobre o decurso das súas narracións, que empeza sempre sen ningún plan preciso, e á pregunta acerca de que tipo de libros prefire contestou, con axustada concisión, que “os libros delgados“. Tanto na conversa do Fórum coma noutras entrevistas que poden encontrarse en Internet, Zivkovic ten insistido en rexeitar o seu encadramento en xénero algún, considerándose herdeiro de Saramago, Borges, Kundera, etc. No que atinxe á Biblioteca, a obra presentada, gañadora de diversos premios, a crítica soe resaltar o influxo da Biblioteca de Babel borgiana, mais persoalmente, se cadra polo feito de seren autores serbios, andoa lin recordoume a obra do Danilo Kis, en particular a súa portentosa colección de relatos Enciclopedia dos mortos. Ignoro cal poda ser o grado de influenza real, mais a miña impresión acrecentouse ouvindo a Zivkovic comentar que os libros “facíanlle sentir os mortos no seu redor” e servíanlle como “formas de resistencia fronte á morte“. Zivcovic comentoume posteriormente considerar a Kis un auténtico xenio, e mostrou a súa ledicia polo rexurdimento da súa obra en Serbia grazas ás novas xeracións.

Polo que respecta á conferencia de Edward James sobre Medievalism in Fantasy, amosou o rigor que cabía esperar do seu autor-catedrático de historia medieval no University College de Dublín e reputado crítico de literatura fantástica e de ciencia-ficción, gañador dun premio Hugo coma coeditor de The Cambridge Companion to Science Fiction-, pero foi sobre todo moi amena e divertida. Segundo as miñas notas, James comezou por subliñar algúns motivos da literatura medieval recollidos na moderna fantasía -a “demanda” (“quest”) das novelas artúricas, a mitoloxía das sagas islandesas (filtrada polo tamiz de Tolkien), os personaxes (dragóns, trasgos, elfos, meigos, etc.) e arquetipos narrativos dos contos populares tradicionais-, para máis tarde indicar, mediante algúns exemplos, os singulares artificios maxinados polos autores de ciencia ficción para introducir neste contexto a descrición de sociedades medievais: as viaxes no tempo, a descrición de comunidades postapocalípticas (Cántico por Leibowitz), a colonización de planetas onde aínda superviven estas sociedades estamentais, e o enfrontamento ciencia-tecnoloxía (Vance). O máis interesante foi a irónia con que James, na súa calidade de historiador, esnaquizou os tópicos medievalistas da maioría destas obras, en particular as adscritas á “fantasía”, que se no plano histórico incorren en constantes anacronismos, mesturando elementos de diferentes séculos, na súa “creación de mundos” amosan una absoluta “lack of completeness“: tramas políticas de abraiante simplismo (vide Catherine Asaro e o seu universo de Eskolia), incapacidade para argallar un sistema económico minimamente crible, personaxes de cartón-pedra, etc. Segundo James, todo elo deriva da imaxe americana dos “good old times“, que os seus cultivadores tenden a situar nunha Europa mítica dominada polo individualismo, o conservadorismo e una moralidade maniquea. Para ilustrar estes aspectos, James leu varias pasaxes desopilantes de The Tough Guide to Fantasyland, obra da escritora británica de literatura xuvenil Diana Wynne Jones (autora de Howl’s Moving Castle, adaptada en 2004 ao anime por Hayao Miyazaki) que o periódico The Guardian ten cualificado como “un dicionario dos clichés, tópicos e tropos de a fantasía… abraiantemente divertido“.

Pola outra banda, se ben James mostrou un “desencanto xeral” (“basic disappointment”) fronte ao emprego do medievalismo na fantasía, realizou tamén comentarios eloxiosos sobre determinadas obras, como Canción de xeo e lume de George R.R. Martin, da que destacou o seu realismo político e económico. Especialmente interesantes foron as súas observacións sobre O señor dos Anéis, pois, aínda admitindo o seu conservadorismo, destacou varios aspectos de esta obra, a miúdo pouco considerados, que a elevan extraordinariamente sobre os seus imitadores: en particular, a circunstancia de a “quest” de Frodo busca destruír un obxecto de poder, en tanto que na fantasía moderna, especialmente na estadounidense, os protagonistas aspiran a obter un obxecto de poder –feito, apuntou James, cando menos sinistro…-. Una conferencia, en fin, extraordinaria, rematada cun chisco cómplice que espertou os aplausos de boa parte do público: “o lector de fantasía procura polo xeral “máis do mesmo”, mentres que o de ciencia-ficción procura algo novo“.

Menos interesantes, aínda que sempre dentro dun bo nivel, foron outros actos aos que puiden asistir o sábado: a presentación de A Rainha das Terras da Luz, último libro da saga do cetro de Aerzis, cuxa autora, Inés Botelho, estudante de segundo de Bioloxía, pareceume moi intelixente tanto na súa exposición como na súa participación nos actos doutros autores, pero cuxa obra, á luz do seu título, dos pasaxes escoitados, e da meliflua descrición do dito cetro pola presentadora do acto como “un obxecto que sirve só á beleza“, deume, a verdade, certa grima; e a presentación por Nick Sagan de Paraíso Virtual (Edenborn), segunda novela dunha triloxía postapocalíptica-xenética-virtual ben acollida pola crítica anglosaxona, mais cuxa lectura previa no tren a Lisboa non espertou o meu entusiasmo. Debo recoñecer a Sagan, en calquera caso, a súa gran sinxeleza, e una notable predisposición para contestar con amabilidade as repetitivas preguntas acerca da influencia exercida na súa obra polo seu pai, Carl Sagan. Mención aparte merece, ao meu gusto, a curiosa conferencia de Luísa AlvesExiste uma conexão ibérica em Star Wars?“: malia ca súa afirmación acerca dasaga de Lucas ser “uma obra profundamente religiosa e até mais explicitamente católica do que O Senhor dos Anéis” non deixa de ter certo fundamento, non podo dicir o mesmo das supostas semellanzas entre Darth Vader e Frei Gil de Santárem (que poden encontrarse dentro da súa site Equinócio), o meu xuizo bastante gratuitas; mais a súa presentación da figura protofaústica do Gil de Valadares valeu dabondo a pena. O certo e que dende entón ando a procura de información sobre o persoaxe, e que máis se lle pode pedir a unha conferencia que desperta o teu interese por novos temas? O último acto da tarde, en fin, o devandito debate acerca das utopías e distopías, prometía ser excelente, e o seu brillante comezo por João Barreiros ao describir os pesadelos da educación salazarista para mostrar que o Portugal da súa infancia era xa, por dereito propio, unha distopía, estivo preto de vencer ao meu cansazo. Mais non foi así… e ben que o lamentei, pois o propio João díxome no seguinte serán ter gozado a modo do coloquio.

Polo que respecta á xornada do domingo, comezarei por agradecer ao público asistente a cordial acollida que deu á miña ponencia, unha versión portuguesa resumida da que ofrecera na Ibercón. O meu propósito fundamental era amosar como a polémica espertada pola radicalidade da obra de Pullman (considerado “o autor mais perigoso de Inglaterra” polo crítico Peter Hitchens, e cuxa obra, segundo Rupert Kaye, presidente da Asociación de Profesores Cristiáns, debería ser “prohibida en tódalas escolas primarias de Inglaterra… por constituír un caso de herexía e blasfemia“), débese ante todo a súa “crítica acesa contra a autoridade dogmática e relixiosa institucional”, simbolizada na figura do Deus omnipotente do Paraíso perdido de John Milton, crítica na que foi inspirado por William Blake: “A obra de Pullman supôe um imaginativo propósito de socavar os alicerces destas conceiçôes, empenho em que foi precedido, como ele mesmo tem assinalado na sua recente introduçâo ao Paraíso Perdido, por William Blake: “o maior de todos os intérpretes de Milton”, e autor cujo magistério Pullman, presidente honorário da Blake Society de Londres, reconheceu em repetidas ocasiôes: “Influiu-me numa grande medida. O seu trabalho foi sempre de muita importância para mim, e considero-o um dos maiores escritores e artistas de todo o tempo. Leio-o continuamente, e sempre volve a me assombrar“. De seguido sinalaba brevemente os erros da interpretación trascendentalista de Blake, rexeitada explicitamente por Pullman na súa conferencia Blake’s Dark Materials. E sobre esta base tentaba mostrar que, aínda que a obra de Pullman é absolutamente orixinal no seu decurso e planeamento narrativo, ambos autores posúen “uma temâtica central semelhante: o rechaço da figura do Deus trascendente e omnipotente, o “Pantocrátor de Newton que tece a trama de Locke”, segundo Blake, cuja “mâo invisível” sustentaria a imutabilidade da ordem natural e social”, e una conclusión similar: “como tem assinalado Pullman, a consecuçâo da República do Céu só será  possível por meio do estabelecimento duma sociedade onde “formos cidadâos livres e iguais, provistos -e este é o ponto essencial- de responsabilidades. A responsabilidade de fazermos deste lugar uma República do Céu, renunciando a viver numa perpétua auto-indulgência para, mediante o nosso esforço, converter este mundo num lugar tâo bom como formos capazes de o conseguir“.

Mas tal posse só será possível de aceitarmos que “o verdadeiro objectivo da vida humana é a obtençâo e transmissâo da sabedoria. A inocência nâo é sábia, a sabedoria nâo pode ser inocente, e se quisermos fazer algo bom deste mundo, temos de deixar atrás a infância”. Uma ideia que Pullman remete frequentemente a Blake, e que pode encontrar-se com diferentes formulaçôes na obra do poeta londrino… A inocência, pois, tanto em Blake como em Pullman, é uma potencialidade inata mas insuficiente a si própria. Só a atravessar o mundo de Experiência chegaremos a atingir a verdadeira Sabedoria, uma “Inocência organizada”: mas para isso é preciso se resistir à manipulaçâo ideológica levada a efeito pelos “reitores de Ulro”, os forjadores, em demolidoras palavras de Blake, do “same dull round” sobre cujos modelos educativos, as suas “corporaçôes” e os seus “buques armados… o Império Universal geme“.

Nembargantes, segundo comprendín de cotío tras charlar con algúns asistentes, a miña conferencia viuse lastrada cando menos por dous importantes defectos: o primeiro, a miña deficiente pronunciación portuguesa, que non fixo xustiza a tradución realizada polo meu amigo Fernando Ron, e me temo que deixou á audiencia un tanto in albis; e o segundo, acrecentado polo primeiro, a súa propia densidade, pois o meu intento por sintetizar en apenas dez páxinas a conferencia da Ibercón, e de evitar falar en exceso sobre a obra de Blake, a miña suposta especialidade, motivaron quizais que non clarexara dabondo as influencias “concretas” de Milton e Blake na obra de Pullman. Tales erros deixáronme, a verdade, un tanto compunxido; mais a observación efectuada aos organizadores por João Barreiros sobre a maior amenidade da miña conferencia de Vigo animoume bastante.

Entre as restantes conferencias ás que asistín antes da miña partida, destacarei “Imaginários Literários da Clonagem Humana: Antes e Depois de Dolly“, por Maria Aline Salgueiro, que se ben ó meu xuízo centrábase máis nunha exposición da historia literaria do concepto do “outro” que propiamente na clonación, pareceume moi intelixente e espertou a miña interese polo seu libro I am the Other. Literary Negociations of Human Cloning (Oxford, 2005).

Non quixera rematar esta crónica do Forum Fantástico sen amosar o meu recoñecemento a Philip Pullman, que ademais dun gran escritor é unha persoa extraordinariamente sinxela e cordial. Sen a súa amable resposta ás cuestións que lle prantexara por medio do correo electrónico, e sobre todo sen o xeneroso envío da súa introdución ao Paraíso perdido e da súa conferencia do derradeiro 25 de octubre en Londres sobre Blake’s Dark Materials, os posibles méritos dos meus respectivos textos para a Ibercón e o Fórum tiveran sido aínda menores. Quero agradecer tamén á Biblioteca Municipal Orlando Ribeiro a bulsa de regalo ofrecida a todos os participantes, incluíndo entre outras cousas o fermoso libro Morte e Nascimento de uma Flor, con texto de Elvira Santiago e ilustracións de Joana Quental e Alberto Péssimo, e A casa e o mundo, unha colección de textos e fotografías do propio Orlando Ribeiro, destacado xeógrafo portugués. Por último, non podo senón expresar a miña gratitude a Rogério Ribeiro e Safaa Dib pola súa amabilidade e a oportunidade que me ofreceron para participar no Fórum. A este respecto, limitareime a facer miñas as palabras escritas por João Barreiros na lista da Épica: “parabéns pelos Encontros deste ano. Fizeram-me pensar que nem tudo está perdido, que ainda é possivel vencer as trevas da chateza e anomia…“.