“O compás dourado”, boicotado polos católicos

0
233

A capa do libroA Liga Católica Americana ven de se manifestar contra da película O compás dourado, unha epopea fantástica protagonizada por Nicole Kidman e Daniel Craig, por considerar que as novelas nas que se basea “denigran ao cristianismo e promoven o ateísmo entre os nenos“, segundo declarou o seu presidente, Bill Donahue.

A protesta céntra-se esencialmente na triloxía de A matéria escura, escrita polo inglés Philip Pullman. “A audiéncia á que apunta o filme é de nenos e adolescentes e cada libro é progresivamente máis agresivo na sua denigración do cristianismo e a promoción do ateísmo: o segundo libro, ‘A daga’, é máis explícito que ‘O compás dourado’; e ‘O anteollo lacado’, é o máis fachendoso asalto ás sensibilidades cristiáns dos tres volumes“, asegurou o presidente da Liga Católica.

O argumento narra as aventuras dunha nena orfa de 12 años, Lyra Belacqua (Dakota Blue Richards), que vive nunha dimensión paralela á nosa en Oxford, Inglaterra. No seu mundo, cada humano ten un daimonion de seu, unha espécie de espírito en forma de animal que acompaña a cada persoa.

Nicole Kidman interpreta a Marisa Coulter, unha dama da alta sociedade de fasquía encantadora, pero que agocha o seu lado máis escuro: é cobizosa e fría. Daniel Craig é Lord Asriel, o titor da pequena Lyra. E Eva Green é Serafina Pekkala, a líder dun clan de meigas que protexerá á nena protagonista.

Non embargantes, a Liga Católica sentiu-se amolada polo feito de que, nos libros, a Igrexa é a que ostenta o poder neste universo paralelo e é amosada coma unha institución ameazante. A xove Lyra rebéla-se contra os coñecementos que a Igrexa, na ficción da sua obra, quere inculcar-lle, e a imaxe do Paradiso ou os anxos non se corresponden coa cristián.

Por elo Bill Donahue, mália que os produtores suavizaron as partes máis ofensivas cos católicos, considera que o filme segue a ser unha promoción inmellorable para a venda dos libros, sobre todo, durante este nadal.

Entre as accións que pensa emprender está a elaboración dun folleto, O compás dourado, unha axenda desenmascarada, e iniciarán unha campaña nos Estados Unidos para protestar contra a película.

Pola súa banda, Chris Weitz, director do filme, afirmou que no lle preocupan estas accións. Weitz lembrou que a Liga Católica tamén boicotara a estrea de O código Da Vinci, e nombergantes converteu-se nun éxito nas billeteiras: “fará que máis xente mire o filme“.

O compás dourado, adaptación do primeiro libro, Luces do norde, contou cun orzamento de 172 millóns de euros, e é unha das producións máis caras de Hollywood.

A New Line Cinema (responsábel tamén da triloxía de O Señor dos aneis), e mais a Scholastic Media esperan que se converta na nova triloxía de éxito semellante á da creada por Peter Jackson no cinema. A estrea en Galiza está previosta para o 5 de decembro.