Wiseman dirixirá Gears of War

0
225

Len WisemanLen Wiseman ven de asinar para dirixir o vindeiro filme da New Line Gears of War, baseado no exitoso videoxogo do mesmo título da Microsoft Game Studios e da Epic Games.

Wiseman presentou o xogo no seu recente filme Live Free or Die Hard, ocasionando un bulebule de especulacións verbo de se podería ser o director da adaptación ao cinema de Gears of War, pero seica o certo é que só escomezou as negociacións coa New Line hai un par de meses.

Wiseman desenvolverá a história xunto a Chris Morgan (Wanted), que está a escribir un novo guión para o filme baseándo-se nun guión anterior de Stuart Beattie. Os dous están a colaborar no thriller de ciéncia-ficción Shell Game para a Lakeshore Entertainment e a Columbia Pictures. Wiseman tamén é o produtor da terceira entrega da franquía de vampiros e lobishomes Underworld para a Screen Gems e foi o director das dúas primeiras.

Gears vai sobre un mundo recén invadido por uns áliens chamados os Locust, onde un pequeno equipo de soldados de elite loitan para reconquistar o planeta e salvar aos seus habitantes humanos. O xogo, cuxa primeira versión apareceu en 2006, é o segundo máis vendido da Microsoft após da franquía de Halo. Xa vendeu máis de 3 millóns de cópias dende o seu lanzamento e agárda-se por unha segunda parte para este mes de novembro.

A New Line fíxo-se cos dereitos para crear unha versión cinematográfica do videoxogo o pasado ano. Inicialmente tiñan previsto facer un filme que aparecese en 2009, pero o desenvolvemento do proxecto ralentizou-se e agora esa data sufrirá probábelmente un adiamento.