Guillermo del Toro escribirá, dirixirá e producirá o filme de ciéncia-ficción Champions para a United Artists, baseado na série homónima dos anos 1968 e 69 da televisión inglesa.
Champions vai sobre as aventuras dunha equipa de axentes secretos do governo que son rescatados dun avión accidentado por unha civilización moi avanzada, que lles fornece con poderes sobrehumanos.
Creada por Monty Berman e Dennis Spooner, a série orixinal estaba protagonizada por Stuart Damon, Alexandra Bastedo e William Gaunt e misturaba aventuras, humor e gamour nos seus argumentos.
A série fora producida pola ITC, autora tamén doutras sagas memorábeis coma O Santo, The Baron e Danger Man. A United fíxo-se cos dereitos da série orixinal que ostentaba a Granada International, propietária da xa desaparecida ITC. A compañía C/W Productions producirá, xunto con Robert Green da Granada.
A United Artists relanzou-se o ano pasado coma asociación entre a MGM e mais a C/W, unha compañía que pertence a Tom Cruise e Paula Wagner.
Pola súa banda, Sergio G. Sánchez, o guionista español que fixo O Orfanato e que está a escribir o libreto do filme fantástico 3993 para que o dirixa Guillermo del Toro, revelou que este podería ser o seguinte proxecto do realizador mexicano cando remate a triloxía que comezou con O espiñazo do demo e continuou con O labirinto de Pan.
O título fai referéncia a dous periodos de tempo: 1993 e 1939. Comeza en 1993, e logo hai algo en 1939 que é relevante para a história. Sánchez lembrou que arestora en España están a abrir moitas foxas comúns da Guerra Civil, e que o seu guión é un pouco semellante, pero que se fala do argumento, Guillermo podería “curtar-lle a língua“.