Os descendentes de Tolkien e Dickens colaboran co fantástico

0
175

O poeta Michael Tolkien e mais Gerald Dickens, neto e tataraneto respectivamente dos autores de O Señor dos Anéis e de Oliver Twist, veñen de unir as súas forzas nun proxecto literário conxunto que supón unha nova narración dun conto fantástico clásico.

Michael Tolkien, o neto maior de J.R.R. Tolkien, inspirou-se en The Rose-Coloured Wish, un libro de prosa fantástica para nenos editado por primeira vez en 1923 por Florence Bone. A obra vai sobre dous nenos que queren desfacer o feitizo do val alpino no que viven, enmeigado por un bruxo, onde as colleitas arruínan-se e os nenos e mais os animais son secuestrados.

O libro liu-no Tolkien nos anos 40 e 50, cando era un neno, e despois el leu-no tamén para os seus fillos. Tolkien decidiu facer-lle unha homenaxe á história case esquecida e “recrear o espírito do orixinal nun novo traxe” a través dunha narración en verso, que ven de ser publicada baixo o título de Wish. O audiolibro foi narrado por Gerald Dickens, un actor e descendente de Charles Dickens, o escritor de Casa Desolada e Oliver Twist.

Tolkien describe o libro coma “fantasía pero ambientado nun lugar cunha história complicada e unha paisaxe desafiante onde a relación entre a xente e mais o seu contorno natural é impredecíbelmente alegre, lúgubre ou colorida“.

Ao respeito da súa relación co descendente doutro famoso escritor, Tolkien dixo: “que el resultara ser, coma min, descendente directo dunha figura literária coñecida foi, debo dicir, puramente fortuito“.

Tolkien, que xa publicou seis coleccións de poesía, foi obrigado a publicar este libro a través da editorial virtual Authorhouse, após de que as editoriais habituais rexeitasen o seu proxecto.