Dous proxectos rivais de diferentes estudos pero sobre o mesmo tema e lanzados mais ou menos ao mesmo tempo en Hollywood non é algo inédito. Nos últimos tempos tivemos casos con bichos con debuxos animados por computador, asteroides, e biografías de Truman Capote. Normalmente só servirán para que ambos proxectos tenten ser o millor.
Nestas circunstáncias a ninguén lle parece raro que para o ano que ven teñamos dous filmes que vaian tratar sobre a invasión de Los Angeles por parte dos extraterrestres: Battle: Los Angeles e Skyline. A primeira é unha película das grandes, cun orzamento de 100 millóns de dólares producida pola Sony e que tenta semellar-se a Black Hawk Down, cun pelotón de rudos marines loitando contra os áliens. Estreará-se no vindeiro mes de marzo.
Pola súa banda, Skyline ten un orzamento mais moderado, de 20 millóns de dólares, e tira mais a semellar-se a Cloverfield, cun grupo de amigos que loitan por sobreviviren nun Los Angeles controlado polos extra-terrestres. Este filme terá ao seu favor contar coa equipa de efectos especiais de Avatar e co guionista e director de Alien vs. Predators: Requiem, Greg e Colin Strause. A estrea será en novembro.
Pero agora é cando as cousas complican-se debido á participación de Hydraulx, unha empresa que fundaron os irmáns Strause. Hydralux produciu os efectos especiais de Battle: Los Angeles e tamén os de Skyline. Pois a Sony non lle gusta que a Hydraulx estea en dous proxectos rivais, e ven de lle enviar unha carta demandando que deixen de prestar apoio ao outro proxecto.
A Sony teme que os cartos empregados para pagar á Hydraulx servan para facer millor o filme rival, o que sería un sério conflito de intereses. Pero pola súa banda a Hydraulx dixo que as acusacións carecen de fundamento e que só pretenden adiar o lanzamento de Skyline.