O produtor de Batman confirmou que Christian Bale, protagonista da vindeira entrega da saga do superheroe, rodará unha escena nas augas do Porto Vitória de Hong Kong, unha das zonas máis contaminadas da cidade.
“Non teño ningún inconvinte en tirar a unha estrela de cinema ao auga“, dixo Kevin de la Noy, produtor executivo de The Dark Knight, provocando os risos nervosos do mesmo Bale.
A produtora teme que Christian Bale, o protagonista, se intoxique pola contaminación. A escena amosa ao actor, disfrazado de Batman, chimpando dun avión ás noxentas augas: fontes preto da produtora Warner Bros dixeron que se temía pola saude do artista, por mor da pésima calidade do auga, polo que decidiran suprimi-la.
Esta versión foi rexeitada por De la Noy, quen asemade agradeceu a colaboración de autoridades e cidadáns de Hong Kong e prometeu que intentarían crear o menor número posíbel de atrancos durante as escenas que roden na cidade.
Un cadriño do diário South China Morning Post mofaba-se hai uns días do superheroe, amosándo-o saindo do auga tremendo e vomitando mentres un irónico Joker lle preguntaba “Non sabías que non está recomendado nadar no porto?“.
A película é obxecto de numerosas críticas en Hong Kong, por mor do ruido e atrancos que a produción xerou e a negativa dos comerciantes locais a deixar toda a noite acesos os rótulos luminosos dos seus comércios e oficinas, como se lles solicitara para facer máis espectacular a produción.