A Torre Escura en triloxía

849

A Universal Pictures e mais a NBC Universal Television veñen de pechar un ambicioso trato co que pretenden adaptar ao cinema e mais á televisión a série de novelas fantásticas de Stephen King A Torre Escura.

A equipa de rodaxe de O Código Da Vinci formada polo director Ron Howard, o produtor Brian Grazer e mais o guionista Akiva Goldsman será a encargada de adaptar esta saga a unha triloxía de longametraxes para o cinema e mais a unha série de televisión que, nun movemento non visto até de agora, desenvolverá a história simultáneamente en ambos os dous formatos. A ideia é que os espectadores contemplen o primeiro filme, logo a primeira tempada da série, despois o segundo filme, logo a segunda tempada da série de TV e finalmente a terceira película.

Ron Howard comprometeu-se a dirixir a primeira entrega para o cinema e mais a primeira tempada da série de televisión, que irán moi parellas no tempo. Akiva Goldsman escribirá o guión do filme e a primeira tempada, e xunto con Grazer, Goldsman e mais o mesmo King será o produtor.

Howard dixo que a magnitude da história e mais o seu alcance require un grande orzamento para o cinema, pero que a série de televisión permitirá-lles obter o tempo abondo para explorar aos persoaxes e mais os seus matices. Os persoaxes dos filmes e da televisión poderían cruzar-se, mentres que os decorados do cinema serían reutilizados na série de televisión, o que axudará a manter os custes baixo control.

A história en si mesma vai sobre Roland Deschain, o derradeiro membro dunha orde de pistoleiros e a derradeira esperanza da humanidade para salvar unha civilización que se derrumbará a non ser que atope a mítica Torre Escura. Howard describiu o mundo da Torre Escura coma un escenário post-apocalíptico de Sergio Leone.

Ainda non se sabe que libros da saga (composta por sete volumes) serán incorporados a cada unha das películas, ainda que se agarda que a segunda tempada da série de televisión se enfoque en Roland coma xoven pistoleiro usando o material dos cómics, que son unha precuela á saga de novelas.

J.J. Abrams e mais o seu dúo de Perdidos, formado por Damon Lindelof e Carlton Cuse, foron os últimos en tentar pasar ao cinema esta macrosaga nos últimos tempos, pero non foron quen de consegui-lo. Howard, Grazer e Goldman non van gastar o tempo revisando a versión de Abrams, e Howard fará deste proxecto o seu seguinte inmediato en canto remate o seu actual traballo en The Dilemma. Goldsman xa está ocupado escribindo guións.