A Guerra continuará

0
176

Segundo informan diversas axéncias de prensa, está-se xa a preparar unha segunda e mesmo unha terceira entrega do filme australián Tomorrow, When the War Began.

O realizador Stuart Beattie regresará á dirección e xa asinou para se comprometer a dúas novas partes, pero os proxecto ainda non ten a luz verde oficialmente. Beattie xa comentara con anterioridade que lle gustaría facer unha triloxía para poder adaptar axeitadamente os sete libros de John Marsden nos que está baseada esta saga cinematográfica.

O primeiro filme, que conta cun orzamento de 25 millóns de dólares, vai sobre unha pequena banda de rapaces que regresan dunha excursión ao bosque e atopan a súa pacífica vila australián invadida por unha forza invasora estranxeira chinesa. Axiña comezan unha guerra de guerrillas contra os seus inimigos, que estableceron un acampamento na zona.

A primeira entrega xa foi estreada en Austrália a primeiros deste mes e recadou ao redor de cinco millóns na súa primeira semana, acadando o récord de terceira millor película nacional, por detrás de Happy Feet e Australia, ambas con orzamentos moi superiores.

Agárda-se que o reparto orixinal repita ao completo. As críticas polo de agora apuntan a que o filme ten boas intencións pero que a actuación e a dirección deixan moito que desexar.