O Xogo de Ender

0
170

Os fans de Orson Scott Card e da súa obra mestra O Xogo de Ender ficaron moi decepcionados o ano pasado cando o escritor revelou que o intento de converter o seu libro en película estaba por naufragar. Pero seica agora hai novos datos pola esperanza: a compañía produtora independente Odd Lot Entertainment está tentando poñer en marcha outra vez a ideia de levar ao cinema a novela que no seu día gañara os prémios Hugo e Nebula.

O mais interesante é que agora hai un director vencellado ao proxecto: Gavin Hood, o realizador da oscarizada Tsotsi e mais do éxito do ano pasado X Men Origins: Wolverine. Seica Hood ven de rematar unha reescritura do guión mais recente e está a desenvolver o proxecto coma director.

Card, novelista de ciéncia-ficción e activista da seita dos mormóns saltou á fama en 1985 grazas á súa novela Ender’s Game (O Xogo de Ender), na que narra as aventuras dun rapaz na académia militar que é elixido para dirixir ás forzas terrestres contra unha invasión alieníxena.

O libro gañou xustas loubanzas pola súa visión crítica do militarismo, a violéncia e mais o uso de nenos coma soldados. Card  escribiu logo moitas secuelas xa debuxando ao neno coma adulto. A última delas, polo momento, é Ender in Exile, pero a segunda, Speaker for the Dead (O Voceiro dos Mortos) tamén gañou os prémios Hugo e Nebula, xa en 1987.

Ao longo destes anos houbo moitos intentos de transformar en franquía cinematográfica unha série tan fundamental no mundo da literatura fantástica e moitos directores estiveron algunha vez vencellados ao proxecto. Pola súa banda, Card ten insistido que non lle gustaría que o filme fose só de efectos especiais e que as relacións humanas son absolutamente esenciais para el.